Coma Berenices

(Redirección desde «Cabeleira de Berenice»)

Coma Berenices ou Cabeleira de Berenice[1] é unha constelación situada preto e ó oeste de Leo.

Coma Berenices
Coma Berenices
Nome latino Coma Berenices
Abreviatura Com
Xenitivo Comae Berenices
Simboloxía A cabeleira de Berenice
Ascensión recta 12.76 h
Declinación +21.83°
Área 386 graos cadrados

Rango 42°

Número de estrelas

(magnitude < 3)

0
Estrela máis brillante β Com

(magnitude ap. 4,26)

Choiva de meteoros
Constelacións

lindeiras

Visible en latitudes entre +90° e −70°

Mellor visibilidade ás 21:00 (9 p.m.) durante o mes de maio

Mitoloxía

editar

Berenice era a muller do rei de Exipto Ptolomeo III Everxetes (O Benfeitor), da dinastía tolemaica. Cando Tolomeo subiu ó trono, a súa primeira misión consistiu en ir a Siria para loitar contra o rei Seleuco II e vinga-lo asasinato da súa irmá e do seu sobriño (que era o herdeiro ó trono desta rexión de Asia). Combateu longamente e acadou moitas vitorias, pero na súa ausencia, a súa esposa Berenice languidecía e estaba chea de medos pola vida do seu esposo. No seu sen vivir, un día foi o templo de Afrodita e alí xurou ante a deusa que sacrificaría para ela a súa fermosa cabeleira (que era a admiración de todos cantos a coñecían), no caso de que Ptolomeo regresara vivo e vencedor. Así foi, e ese mesmo día, o día do seu regreso, Berenice cumpriu a súa promesa.

Pero pola noite alguén foi ata o templo e roubou a cabeleira. Os rumores apuntaban a que o fixera un sacerdote do templo de Serapis, deus exipcio, indignado polo feito de que a raíña fixera un sacrificio a unha deidade grega. A desesperación de Berenice e o furor de Ptolomeo ante o feito do roubo foron grandes, pero ante eles chegou o astrónomo Conón de Samos para calmalos. A súa ciencia era moi venerada; escribira sete libros sobre astronomía e todo o mundo coñecida a súa grande amizade co famoso Arquimedes de Siracusa. Conón mostrou ós reis unha agrupación de estrelas, e contoulles que esa agrupación acababa de aparecer no firmamento e que sen dúbida tratábase da cabeleira de Berenice, que fora transportada alí pola deusa Afrodita, a quen se lle tiña ofrecido. Despois, o sabio Conón debuxou unha larga melena de estrelas no globo celeste do Museo de Alexandría.

O poeta e gramático grego, Calímaco de Cirene, que fora bibliotecario durante moitos anos, inmortalizou á raíña Berenice e a súa magnífica melena nunha elexía. Aquí vai un dos seus fragmentos:

Estaba eu acabada de cortar e as miñas irmás choraban por min cando, de pronto, cun rápido bater de ás, o doce sopro do céfiro lévame a través das nubes do éter e deposítame no venerable seo da divina noite Cypris. E ó fin de que eu, a fermosa melena de Berenice, aparecese fixada no ceo brillando para os humanos no medio de innumerables astros, Cypris colocoume, como nova estrela, no antigo coro dos astros.
 
Imaxe das constelacións de Boötes e Coma Berenices.

Observación

editar

A pesar dos seus 386 graos cadrados, a Cabeleira de Berenice (Coma Berenices) é unha constelación pouco vistosa a simple vista. As constelacións veciñas son: ó oeste o León (Leo); ó norte, Os Cans de Caza ou Lebreles (Canes Venatici); ó leste o Pastor (Boötes) e ó sur, a Virxe (Virgo), as cales servirán de referencia para a súa localización, ou ben para atopa-la rexión comprendida entre α Canun Venaticorum (α dos Canns de Caza ou Cor Caroli), β Leonis (Denébola), ε Virginis (Vindemiatrix ou Almuredin) e α Bootis (Arturo). A Cabeleira de Berenice está situada entre 11h55m e 13h35m de ascensión recta e entre +14º e +34º de declinación. Unha vez localizada esta rexión do firmamento, hai que tratar de recoñece-lo triángulo isóscele formado por tres das máis brillantes estrelas, aínda que só sexan de cuarta magnitude: α ou 42 Com, β ou 43 Com e γ ou 15 Com. Coma temos mencionado anteriormente, a constelación non contén ningún obxecto vistoso, a pesar da forza do mito e a alusión histórica de Eratóstenes, non foi ata o ano 1602, cando o gran Tycho Brahe lle concedeu un lugar no ceo. A mellor forma de poder aprecia-los seus escasos atractivos, é observándoa cuns prismáticos de gran campo adaptados para a visión nocturna ou cun telescopio de coma mínimo 14 cm de abertura e oculares de pequenos aumentos.

De agora en adiante as cantidades que figuran entre parénteses (1254+1655) referense as catro primeiras cifras das horas e minutos de ascensión recta e as restantes a graos e minutos de declinación. O signo + por estar situada no hemisferio norte. Todas estas cantidades refírense a X2000.0.

Aglomeración Estelar da Cabeleira ou Cúmulo Estelar de Coma. Este cúmulo aberto é moi extenso, sobre uns 5º de diámetro que non ten un nome especial en ningún catálogo. Ás veces é recoñecido polo nome de "Mel 111" en alusión á lista de 250 cúmulos abertos, que recompilou en 1915 Philibert Jacques Melotte (1880-1961). Esta agrupación comprende máis de 40 estrelas bastante febles, varias delas observables a simple vista que teñen unha magnitude 5 e que son coñecidas coma 12 Com (4m75), 13 Com (5m17), 14 Com (4m93), 16 Com (4m99) e 21 Com (5m45). O cúmulo dista da Terra a uns 255 anos luz, sendo un dos máis próximos a nós despois dos da Ursa Major e as Hyades. Tratase ó mesmo tempo dunha corrente de estrelas, que se move con respecto ó Sol cunha velocidade duns 8 km/s en dirección á constelación da Vela. Este atópase entre as estrelas α Canum Venaticorun (Cor Caroli) e β Leonis (Denébola). Os espectros das estrelas que compoñen o cúmulo van dende a clase A ata os tipos K e M. Cun telescopio, á parte do cúmulo citado, pódese percibir un elevado número de galaxias das máis luminosas das que poboan practicamente toda a constelación, especialmente no ángulo sur occidental e tamén na veciña constelación de Virgo.

 
Parte da constelación de Coma Berenices, fotografiada dende Badaxoz en 1964

A 24m ó sur da estrela 31 Com, é dicir en α=12h51s e δ=+27º07' proxectase o Polo Norte da Galaxia, e ó redor dese punto tódalas fontes exteriores a ela, parecen xirar en sentido contrario á rotación efectiva de noso sistema sideral e que como sabemos, pola posición do Sol, realiza un xiro completo en aproximadamente 250 millóns de anos, é o chamado "ano cósmico". Neste punto a mirada está centrada lonxe da Vía Láctea, a interferencia debida ó gas e o po da nosa galaxia é practicamente nulo, o que fai que sexan visibles moitas galaxias.

Estrelas principais

editar

β Com ou 43 Com (1312+2753) A estrela máis luminosa da constelación é de 4,25 de magnitude, tipo espectral G0V e está a 8,3 parsec de distancia do Sol, afastándose de nós a razón de 6 km/s.

α Com, 42 Com ou Diadem (1310+1732) A segunda estrela máis luminosa cunha magnitude e de 4,32, aínda que en realidade é unha estrela tripla, onde as compoñentes A e B son de 5,05 e 5,08 magnitudes e están tan preto unha da outra que con instrumentos pequenos é imposible separalas, son de clase espectral F5 e xira unha ó redor da outra en 25,87 anos. A compoñente C está a 110" da principal A, cunha magnitude 10,1.

15 Com ou γ Com (1227+2816), estrela de tipo espectral K1 e de 4,35 magnitude, de cor amarela-alaranxada que se atopa a 35 parsec de distancia e afastándose a razón de 4 km/s. Ademais, podemos atopar 35 estrelas que brillan con magnitudes comprendidas entre a 4,74 de 11 Com ata a 6,56 de 28 Com. Coma Berenices conta con algunhas estrelas dobres que se poden ver doadamente.

2 Com (1004+2128) Dobre de magnitudes 5,9 e 7,4 separadas 3"7 de cores amarela e verde intenso e cun ángulo de posición de 237º. É un par de extraordinaria beleza, que necesita para a súa observación empregar oculares de forte aumento. Dista 56 parsecs e afástase a razón de 5 km/s.

11 Com (1221+1748) é difícil de separar con instrumentos pequenos, xa que as súas compoñentes son de 4,7 e 12,7 magnitudes e separadas entre si 9"1. Ambas son de clase K0.

12 Com (1223+2551) é un sistema triplo, as compoñentes AB son de magnitudes 4,8 e 11,8 separadas 35" de cores branca e amarela, para podelas separar necesítanse telescopios de máis dun 1 dm de abertura. A compoñente C é de 8,3 de magnitude e cor branca, separada 65"2 da compoñente A. O conxunto está a 27 parsecs de distancia e afastándose a razón de 1 km/s.

17 Com (1229+2555) é outro sistema triplo cunha compoñentes AB que están separadas por 145"2, de cor branca ambas e magnitudes 5,3 e 6,6 que se poden separar con prismáticos. A compoñente C está moi próxima á B, tan só 1"8 de distancia e 14,6 magnitude. Distan 22 parsecs, que se reducen a razón de 3 km/s.

24 Com (1235+1823) é un sistema moi atractivo, composto por dúas estrelas separadas 20"3 e de magnitudes 5,2 e 6,7, clase espectral K0 e A3, cor alaranxada e azul respectivamente, que se poden separar cuns prismáticos un pouco potentes. A menos luminosa é á súa vez unha binaria espectroscópica cun período de 7d3366; os tres astros atópanse a unha distancia de 110 parsecs que se incrementan a razón de 4,1 km/s.

Σ1685 (1252+1910) é un par branco amarelo-verdoso de magnitudes 7,3 e 7,9 separadas 16"0 e un ángulo de posición 202º. É doado de separar cuns prismáticos algo potentes.

32 e 33 Com (1252+1704) sistema visible con prismáticos; son dúas estrelas de 6,3 e 6,7 magnitudes, tipo espectrales F5 e F8, unha vermella e a outra amarelo-verdoso separadas 95"2. En realidade este sistema é triplo, xa que a 897"2 atópase unha terceira de magnitude 8,7 situada nun ángulo de posición de 262º da principal.

Estrelas Binarias Visuais

editar

Temos á xa citada α Com ou 42 Com (1310+1731) cun período de 25,87 anos. En 1827 efectuouse a primeira medición e H. Haffner publicou os seus elementos en Astronomische Nachrichten no 1948. É un par moi pechado e só visible para grandes instrumentos.

Σ 1639 (1224+2535) é outro par binario de magnitudes 6,76 e 7,79 e cun período moi longo de 678 anos. Ramón María Aller publicou os seus elementos no 1951 en Urania, realizándose a primeira medición no 1836, e a terceira que citamos é 35 Com ou Σ 1687 (1253+2114) de magnitudes 5,06 e 7,23 o que nós fai vela cunha magnitude combinada de 4,92; tamén é un par de longo período, 510 anos. A primeira medición realizouse no 1829 e W. D. Heintz no 1973 publicou en Astronomical Journal os seus elementos.

Estrelas Variables

editar

As estrelas variables son escasas en Coma Berenices e ademais que estean ó alcance de instrumentos pequenos, podemos considerar a R Com (1204+1849), no seu máximo acada a magnitude 7,1 e no seu mínimo 14,6 cun longo período de 362d82 e aquí estriba o seu inconveniente para observala, ademais da súa elevada magnitude no mínimo, É unha variable tipo Mira. FS Com (1306+2237) é do tipo RRCrB ou semirregular, cun período de 58 días, flutuando a súa magnitude entre 5,3 e 6,1. AI Com (1231+2434) é unha variable pulsante de período 5d0633 pasando de 5,23 a 5,40 magnitudes e por último UU Com ou 21 Com (1231+2434), outra púlsante de período de 2d1953 e unha oscilación luminosa de 5,41 a 5,46. Estas dúas últimas están ó alcance duns prismáticos, pero é moi difícil segui-la súa oscilación luminosa.

Efemérides de α Com
Ano ang. posición Distancia
2004 191º36 0”31
2006 191º46 0”47
2008 191º52 0”58
2010 191º56 0”63
Efemérides de Σ 1639 Com
Ano ang. posición Distancia
2004 322º74 1”70
2006 322º56 1”72
2008 322º38 1”74
2010 322º21 1”75
Efemérides de 35 Com
Ano ang. posición Distancia
2004 185º36 1”18
2006 187º01 1”17
2008 188º64 1”20
2010 190º23 1”21

Obxectos Notables do espazo profundo

editar

Galaxias

editar

Son visibles un longo número de galaxias en Coma Berenices, incluíndo sete obxectos de Messier.

Cúmulo de Galaxias de Virgo

editar
Artigo principal: Cúmulo de Virgo.

Coma Berenices contén unha porción do norte do Cúmulo de Virgo (tamén coñecido coma o Cúmulo Coma-Virgo ), o cal esta a uns 60 millóns de anos luz.

M100 (NGC 4321) (1223+1549) galaxia espiral tipo Sc de magnitude 9,37 e unhas dimensións de 6,9 x 6,2' de arco. O núcleo é pequeno e brillante e con dous brazos ben definidos. Descuberta por Méchain xunto con M99 e M98, é a espiral máis grande do Cúmulo de Virgo e o seu diámetro real pode ser maior que 100.000 anos luz, calcúlase que se atopa a uns 40 millóns de anos luz. Porén esta distancia, ó igual que M99, non coincide co corremento ó vermello das súas franxas espectrais. A súa velocidade radial é de +1543 km/s.

M85 (NGC 4382) é unha galaxia elíptica normal de magnitude 9,22 e unhas dimensións de 7,1 x 5,2' de arco. Só con grandes telescopios e en fotografías se poden percibir algúns indicios de brazos en espiral. Dista de nós 45 millóns de anos luz. A súa masa e dimensións son parecidas ás da nosa propia galaxia. M98 (NGC 4192) galaxia espiral tipo Sb, descuberta por Pierre-François André Méchain (1744-1805) en 1781. De magnitude 10,13 e unhas dimensións de 9,5 x 3,2' de arco. Presentase case de perfil, co cal parece moi alongada. Dista uns 35 millóns de anos luz e pode que o seu diámetro real non sexa inferior ós 80.000 anos luz. Atópase nun grupo con NGC 4186 e Holmberg 348c. En 1976 apareceu unha supernova.

M99 (NGC 4254), (1219+1425) descuberta tamén por Méchain, é do tipo Sc, ó redor de 1,5º o sueste de M98 e cunhas dimensións de 5,4 x 4,8' de arco e magnitude 9,84. Presentase case de cara e é chamada o Cubo da Roda, dista uns 50 millóns de anos luz. O diámetro real sería duns 50.000 anos luz. O corremento ó vermello é o maior entre os membros do cúmulo de Virgo. A súa velocidade radial é de +2324 km/s.

M88 (NGC 4501) é unha galaxia espiral de varios brazos, vese uns 30° inclinada respecto ó seu canto.

M91 (NGC 4548)(1235+1430), galaxia tipo SBb de dimensións 5,4 x 4,4' de arco e magnitude 10,19. Forma parella con NGC 4394.

Cúmulo de Galaxias de Coma

editar
Artigo principal: Cúmulo de Coma.

O cúmulo de galaxias de Coma está no norte do cúmulo de Virgo. Está situada ó redor de 230 a 300 millóns de anos luz de distancia. O cúmulo é bastante longo, contén máis de 1.000 grandes galaxias e posiblemente por riba de 30,000 das pequenas. Un pescuda de Fritz Zwicky no 1957 identificou 29,951 galaxias na área que ten un brillo superior a 19 de magnitude. Onde algúns deses obxectos por riba de 19 de magnitude poden ser obxectos distantes de fondo, o número total de galaxias no cúmulo podería ser bastante longo.

Debido á gran distancia á que está o cúmulo, a maioría das galaxias só son visibles con telescopios de grande alcance. Os membros máis brillantes son NGC 4889 e NGC 4874, ambos obxectos de magnitude 13, o resto dos membros son de magnitudes de 15 ou superiores. NGC 4889 é unha galaxia elíptica xigante.

Outras Galaxias

editar
 
M64, A Galaxia de Ollo Negro

M64 (NGC 4826) (1257+2141), descubriuna Bode en 1779 cunha magnitude 8,51 e unha dimensións de 9,3 x 5,4' de arco, é unha espiral tipo Sb. É clásica a súa disposición elipsoidal, cun suave descenso luminoso do centro cara ós bordos, pero que observada cun grande aumento e especialmente en fotografías, revelan estas unha notable cantidade de materia escura na súa zona sur, sobre o bordo do núcleo central, coma se un gran cataclismo cósmico se tivera producido alí ou algún fenómeno de desintegración; non hai que esquecer que M64 é unha potente radiofonte. Esta banda escura é a causa do seu tétrico nome de Ollo Negro que lle foi dado a esta galaxia. Atópase a uns 44 millóns de anos luz.

NGC 4565 (1236+2559) é unha espiral tipo SbI de 9,56 de magnitude e unhas dimensións de 16,2 x 2,8' de arco, velocidade radial +1.122 km/s e dista uns 7 millóns de anos luz. Vémola exactamente de canto ou mellor dito cunha inclinación de 4º con respecto á nosa liña de visión. En fotografías realizadas con grandes telescopios, podemos facernos unha idea de como máis ou menos se debe ve-la nosa galaxia dende o espazo exterior.

Quásar

editar

Quásar PG1247+26° é o quásar máis brillante visible en Coma Berenices. Tamén dicir que, W Com coma foi orixinalmente coñecida e identificada coma estrela variable, e coma tal déuselle unha designación de estrela variable, pero máis tarde descubriuse que era un obxecto BL Lacertae. Normalmente a súa magnitude rolda os 16.5, pero pode acadar unha magnitude 12.

Cúmulos Globulares

editar

M53 (NGC 5024) é un cúmulo globular descuberto por Bode en 1775 e independentemente por Charles Messier en febreiro de 1777. O seu brillo e de 7,7 de magnitude, facendo posible a súa observación con binoculares. Está a unha distancia de 65,000 anos luz e a súa luminosidade total é ó redor de 200,000 veces a do Sol. A só 1° está NGC 5053, un cúmulo globular pouco denso cun núcleo de estrelas aínda un pouco menos denso. a súa luminosidade é ó redor de 16,000 soles, o cal é unha das menores luminosidades de entre calquera cúmulo globular. Foi descuberto por Sir William Herschel en 1784. É dunha magnitude aproximada de 9,9. NGC 4147 é un cúmulo globular un pouco máis feble (magnitude 10,2) cun tamaño aparente moito menor.

  1. Cambados Márquez, Xoaquín Evaristo. "Algunhas notas referentes ó nome galego estándar das constelacións" (PDF). Consultado o 12 de outubro de 2016. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar