A célula animal é de tipo eucariota, é dicir, ten núcleo e unha estrutura complexa con orgánulos membranosos. Está limitada, como ocorre en todas as células, pola membrana plasmática, pero esta non está rodeada por unha cuberta ríxida protectora como é a parede celular de celulosa das células vexetais, a de quitina dos fungos ou a de peptidoglicano das bacterias. No lugar da parede moitas células animais teñen un glicocálix de material extracelular brando.

Diagrama dunha célula animal (con flaxelo).
O centríolo é un orgánulo característico da célula animal.

A ausencia de parede fai que as células animais sexan en xeral de formas máis suaves e redondeadas que as vexetais, que tenden a ser máis prismáticas. Ademais a célula pode deformarse máis facilmente e nalgúns casos as células animais poden cambiar de forma emitindo prolongacións como pseudópodos, por exemplo nos glóbulos brancos do sangue, e poden realizar a fagocitose. Outras veces as prolongacións da membrana son permanentes, como no caso das microvilosidades das células intestinais ou as invaxinacións profundas dalgunhas células renais. A membrana é moi importante na célula animal, xa que contén numerosos receptores para hormonas e outras moléculas, ten antíxenos, contén canles iónicas e pode despolarizarse xerando potenciais de acción, e presenta unións intercelulares, que unen ou comunican coas células veciñas (nas plantas a comunicación que hai entre células é por medio de plasmodesmos).

No citoplasma hai algún orgánulo característico da célula animal, como é o centríolo, que está ausente na célula vexetal, aínda que pode aparecer en moitos fungos. O centríolo organiza o citoesqueleto e orixina as raíces de cilios e flaxelos. Ao contrario, carecen dun orgánulo tipicamente vexetal como o cloroplasto, onde as plantas fan a fotosíntese (ou outro tipo de plastidios con funcións de almacenamento). Xeralmente aparece en parellas (diplosoma) situadas perpendicularmente e rodeado de material pericentriolar ; o conxunto de todo isto denomínase centrosoma.

As células animais poden ter vacúolos, pero xeralmente son de pequeno tamaño e normalmente trátase de vacúolos fagocíticos. En comparación, a célula vexetal ten vacúolos enormes; ás veces un só moi grande (vacúolo central) que pode ocupar o 90% do volume celular, ou varios vacúolos cada un bastante grande. O gran tamaño do vacúolo explica que as células vexetais sexan signifcativamente máis grandes que as células animais como media ; non hai moi grandes diferenzas en volume entre elas se excluímos o gran vacúolo.[1]

Algunhas células animais teñen cilios ou flaxelos, que teñen na súa raíz unha estrutura parecida a un centríolo. As células das plantas carecen normalmente de flaxelos, que só se poden atopar en gametos como os anterozoides de musgos e fentos. Os flaxelos bacterianos son completamente distintos dos eucariotas, tanto no seu talo como nas súas raíces ou composición bioquímica.

O citoesqueleto animal consta de microtúbulos, microfilamentos de actina e, en moitas especies, filamentos intermedios.[2][3][4] As plantas teñen tamén citoesqueleto formado polos dous primeiros compoñentes (carecen de filamentos intermedios).

Animais e plantas teñen peroxisomas, que son orgánulos oxidativos,[5] pero as plantas teñen un peroxisoma especial chamado glioxisoma cun metabolismo especializado, do cal carecen as células animais.

Para un exame detallado das partes da célula ver célula e célula eucariota.

Comparación coa célula eucariota vexetal

editar

A célula animal ten as características típicas da célula eucariota, cuxos compoñentes se resumen na táboa, onde tamén se indican as estruturas características peculiares da célula animal.

Comparación de estruturas entre as células animais e vexetais
Célula animal típica Célula vexetal típica
Estruturas básicas comúns
Orgánulos comúns
Estruturas diferentes
Comparación dos orgánulos presentes en células animais e vexetais
Célula animal típica Célula vexetal típica
  1. Atlas de de histología animal y vegetal. Vacuolas
  2. Herrmann H, Bär H, Kreplak L, Strelkov SV, Aebi U (July 2007). "Intermediate filaments: from cell architecture to nanomechanics". Nature Reviews. Molecular Cell Biology 8 (7): 562–73. PMID 17551517. doi:10.1038/nrm2197. 
  3. Chang L, Goldman RD (August 2004). "Intermediate filaments mediate cytoskeletal crosstalk". Nature Reviews. Molecular Cell Biology 5 (8): 601–13. PMID 15366704. doi:10.1038/nrm1438. 
  4. Traub, P. (2012). Intermediate Filaments: A Review. Springer Berlin Heidelberg. p. 33. ISBN 9783642702303. 
  5. Jennifer J. Smith & John D. Aitchison. Peroxisomes take shape. Nature Reviews Molecular Cell Biology, volume 14, pages 803–817(2013) [1]

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar