Cándido Conde-Pumpido Varela

avogado galego

Cándido Conde-Pumpido Varela, nado en Santiago de Compostela o 26 de setembro de 1980, é un avogado galego, coñecido polos seus preitos de sona e transcendencia dos medios. É fillo do fiscal Cándido Conde-Pumpido, neto do xurista Cándido Conde-Pumpido e bisneto do tamén xurista Cándido Conde Pumpido.

Infotaula de personaCándido Conde-Pumpido Varela
Biografía
Nacemento26 de setembro de 1980 Editar o valor em Wikidata (43 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
EducaciónUniversidade San Pablo CEU
Universidade Complutense de Madrid
Instituto de Empresa Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónavogado Editar o valor em Wikidata
Familia
PaiCándido Conde-Pumpido Tourón Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Fillo e neto de xuristas, estudou no St Michael's College de Madrid e cursou o bacharelato en Inglaterra, no King's College de Tenbury Wells, na gallada entre Herefordshire, Worcestershire e Shropshire. Logo licenciouse en dereito en 2003 na Universidade San Paulo CEU de Madrid, realizou un curso de mestrado en práctica xurídica no Instituto de Empresa e, posteriormente, un mestrado en dereito público na Universidade Complutense, todo na cidade de Madrid.

Establecido na capital de España, comezou as prácticas de avogado (2004) no despacho Chamorro, Molins y Peláez Asociados, onde logo foi contratado como avogado titular e posteriormente como avogado socio (2006)[1]. En 2008 estableceu o seu propio despacho, Pumpido y De Porres Abogados, do que é o fundador e o director[1], e que ten sé en Madrid (pero que tamén a tivo en Málaga durante uns anos[1]).

Interveu en xuízos de casos de transcendencia dos medios. Por exemplo, defendeu o xuíz Elpidio Silva, que fora acusado de prevaricación por encarcerar o banqueiro Miguel Blesa co fin de que evitase a destrución de probas duns empréstitos irregulares que concedera como directivo de Cajamadrid; finalmente, Conde-Pumpido e Silva romperon a relación profesional durante a vista e ao cabo Silva foi condenado e inhabilitado como xuíz. Tamén participou como defensor no caso Gescartera (unha sociedade de xestión de fondos que encalotou os seus clientes), no caso Malaya (corrupción política e empresarial en Marbella), no caso Saqueo 2 (onde o acusado era o ex-alcalde marbellí Julián Muñoz), o caso Goldfinger (tamén por tramas inmobiliarias en Marbella) ou da defensa do bailarín Rafael Amargo, acusado de pertenenza a organización criminal e tráfico de drogas[2].

En relación con Galicia, defendeu a Xosé Ramón Gómez Besteiro, daquela secretario xeral do PSdeG, no caso do Garañón[3] (o político socialista fora acusado de prevaricación pola construción dunhas torres cando era concelleiro de urbanismo en Lugo), e a José Manuel Pulleiro[3], un empresario da noite acusado no marco do caso Carioca, unha macrocausa contra unha rede de proxenetismo en Lugo. Nos dous casos a xuíza instrutora era Pilar de Lara, que foi recusada por Conde-Pumpido, e que logo foi sancionada polas súas dilacións procesuais. Tamén foi avogado de Sinaí Jiménez, voceiro da comunidade romaní en Galicia[4].

Conde-Pumpido, ademais de por ser fillo do que durante algúns anos foi Fiscal Xeral do Estado, fíxose coñecido a raíz das súas participacións televisivas, en programas como Espejo Público ou La Sexta Noche[5]. Tamén foi colaborador habitual da cadea de radio ultradereitista Intereconomía, no programa «El Corruptómetro»[1]. En 2018 foi acusado de branqueo de capitais procedentes da prostitución no marco do caso Bandenia (entidades bancarias acusadas que blanqueaban ingresos), pero a acusación non prosperou[6]. En novembro de 2023 foi acusado de agresión sexual, en grupo, a unha prostituta[2].

Como docente, impartiu na clase na Universidade Europea de Madrid.

Vida persoal editar

Casou con Ana Fernández, fisioterapeuta, e divorciouse. Despois tivo unha relación sentimental coa presentadora e socialité Lara Dibildos[7], que rematou en outubro de 2023.

Viviu no barrio de Sanchinarro, ao norte da cidade de Madrid[5], e posteriormente en Canillas[8], tamén ao norte da cidade.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Cándido Conde Pumpido Varela". Conde-Pumpido y de Porres Abogados (en castelán). Consultado o 2023-11-05. 
  2. 2,0 2,1 "¿Quién es Cándido Conde Pumpido, acusado de una presunta violación grupal?". elperiodico (en castelán). 2023-11-05. Consultado o 2023-11-05. 
  3. 3,0 3,1 Seijo, Pepe (2020-11-26). "Cándido Conde Pumpido: "La Carioca es la causa más grande que ha tenido el sistema judicial español"". cadena SER (en castelán). Consultado o 2023-11-05. 
  4. "En libertad sin medidas cautelares el abogado gallego Conde-Pumpido, detenido por una presunta agresión sexual en grupo". La Voz de Galicia (en castelán). 2023-11-05. Consultado o 2023-11-05. 
  5. 5,0 5,1 Serrano, María. "Gente del sábado: Conde-Pumpido Jr, el nuevo abogado estrella" (PDF). Universidad Complutense. Consultado o 2023-11-05. 
  6. Sáiz-Pardo, Melchor (2023-11-05). "El hijo de Conde Pumpido queda en libertad tras ser detenido por una agresión sexual en grupo". Diario Sur (en castelán). Consultado o 2023-11-05. 
  7. Bastos, Martín (2023-10-26). "Lara Dibildos y Cándido Conde-Pumpido rompen su relación". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2023-11-05. 
  8. Gallardo, Cristina; Fernández, Juan José (2023-11-05). "En libertad el hijo de Conde-Pumpido tras cuestionar las cámaras de seguridad la denuncia de violación grupal". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 2023-11-06.