Burns Verkaufen der Kraftwerk
"Burns Verkaufen der Kraftwerk" (en galego, "Burns vende a central de enerxía") é o undécimo episodio da terceira tempada da serie de animación The Simpsons. A súa primeira emisión foi o 5 de decembro de 1991. Neste episodio, o Sr. Burns, deprimido por desexar acadar certos intereses, decide vender a planta de enerxía nuclear a dous investidores alemáns por 100 millóns de dólares.
"Burns Verkaufen der Kraftwerk" foi escrito por Jon Vitti e dirixido por Mark Kirkland. O título do episodio está nun alemán inexacto, dado que o correcto sería Burns verkauft das Kraftwerk. Nel, fanse diversas referencias ao discurso "ich bin ein Berliner" de Kennedy, a O padriño (II parte) e á fotografía de Richard Nixon con Elvis Presley. O episodio recibiu gabanzas por varias das súas escenas, especialmente aquela na que Homer danza nunha imaxinaria "Vila do chocolate", usada despois como guía no xogo The Simpsons Game.
Argumento
editarHomer descobre que posúe 100 accións da Planta de enerxía nuclear de Springfield e decídeas vender por 25 centavos cada unha, gañando un total de vinte e cinco dólares que gasta en cervexa. Logo diso, o valor das accións sobe ata acadar a cifra de 52 dólares a acción e os demais empregados fan pequenas fortunas coa súa venda, agás Homer.
O motivo do gran valor das accións é o Sr. Burns que, deprimido, decide vender a central nuclear a dous empresarios alemáns, Hans e Fritz, por cen millón de dólares, co fin de poderse dedicar a outros intereses. Deseguida comezan a avaliar a planta e os seus empregados. Cando se entrevistan con Homer, este é incapaz de responder intelixentemente ás súas preguntas e empeza a fantasiar coa "Vila do chocolate". Como consecuencia da súa ineptitude é despedido.
Na casa, Homer insiste en que é competente, á par que o resto da familia recorta os seus fondos ata que atope un novo traballo. Entrementres, Burns goza da súa xubilación e decide ir á Taberna de Moe para beber. Alí, Homer, Bart, Moe, Barney e mais o resto de clientes búrlanse del con sorna cantándolle "Na Na Hey Hey Kiss Him Goodbye" por ter feito o que fixo, sen preocuparse dos demais nin das consecuencias. Burns vaise con Smithers e comprende que a posesión da planta nuclear outórgalle poder sobre os demais e volve mercar a central pola metade. Os investidores alemáns están dispostos a devolverlle a planta a Burns xa que a reparación dela ha custar outros cen millóns de dólares. Finalmente, contratan de novo a Homer.
Referencias culturais
editarA música que soa durante a fantasía de Homer vén da película Tucker[1]. Ademais, a música do episodio de The Itchy and Scratchy Show trátase de Morning Mood de Peer Gynt. A fotografía de Burns con Elvis Presley constitúe unha referencia á fotografía semellante que Elvis ten con Richard Nixon. Por outra banda, cando Burns chama a Smithers para darlle a imaxe, pronuncia as mesmas palabras que Alexander Graham Bell dixo por vez primeira a través do teléfono: "Veña aquí, necesítoo"[2]. Tamén se cita o poema Barefoot Boy de John Greenleaf Whittier[3] en boca de Burns, que comenta: "Quero ter preto os meus amigos, pero máis aínda os meus inimigos", referencia a unha cita de The Godfather Part II. O supervisor alemán, Horst, menciona que se asemella ao Sarxento Schultz de Hogan's Heroes; os animadores e guionistas baseáronse neste personaxe, incluíndo o xersei gris[1]. O alcalde Quimby declara nun discurso "ich bin ein Springfielder", tirado da frase "ich bin ein Berliner" de Kennedy[1].
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Groening, Matt (2003). The Simpsons season 3 DVD commentary for the episode "Burns Verkaufen der Kraftwerk" (DVD). 20th Century Fox.
- ↑ Reiss, Mike (2003). The Simpsons season 3 DVD commentary for the episode "Burns Verkaufen der Kraftwerk" (DVD). 20th Century Fox.
Come here, I want you.
- ↑ Martyn, Warren; Wood, Adrian (2000). "Burns Verkaufen der Kraftwerk?". BBC. Arquivado dende o orixinal o 25 de febreiro de 2009. Consultado o 2009-08-29.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- "Burns Verkaufen der Kraftwerk" en The Simpsons.com
- "Burns Verkaufen der Kraftwerk" en The Simpsons Archive
- "Burns Verkaufen der Kraftwerk" na Internet Movie Database
- "Burns Verkaufen der Kraftwerk" Arquivado 17 de xuño de 2008 en Wayback Machine. en TV.com