Bones (serie de televisión)
Bones é unha serie de televisión estadounidense que está inspirada na vida real da antropóloga forense e escritora Kathy Reichs.[1] Está producida por Barry Josephson (Hide and Seek, Like Mike) e Hart Hanson (Joan of Arcadia, A xuíz Amy),[2] e protagonizada por Emily Deschanel e David Boreanaz, que tamén son produtores da serie.[3] A sintonía é un tema de The Crystal Method composto especialmente para a serie.[4]
Sinopse
editarA doutora Temperance Brennan (Emily Deschanel) é unha excelente antropóloga forense que traballa para o Instituto Jeffersonianio (trasunto do Instituto Smithsoniano) e é, ademais, escritora de novelas, como o thriller A Pista no óso. Xeralmente intervén en investigacións de asasinatos cando os restos das vítimas están irrecoñecíbeis. Posúe unha extraordinaria habilidade para descifrar claves ocultas nos corpos das vítimas.[5]
Brennan traballa xunto ao axente especial Seeley Booth (David Boreanaz), da unidade de Investigacións de Homicidios do FBI. Booth, un axente formado no Exército, non cre na ciencia nin nos científicos. Está convencido de que a clave para resolver os crimes radica en descubrir a verdade a través daqueles que aínda están vivos —testemuñas e sospeitosos— mediante técnicas tradicionais. Por este motivo choca coa doutora Brennan tanto no terreo profesional como no persoal.
Brennan séntese máis cómoda traballando xunto á súa colega Ángela Montenegro (Michaela Conlin), a súa mellor amiga e fiel seguidora, que creou un excelente método para representar as escenas do crime en tres dimensións. Outro investigador do laboratorio é Jack Hodgins (T. J. Thyne). A xefa é Camille Saroyan (Tamara Taylor), e outro personaxe é o psicólogo do FBI Lance Sweets (John Francis Daley).
Personaxes
editarTemperance Brennan, Bones
editarInterpretada por Emily Deschanel
A doutora Brennan, alias "Ósos" (Bones en inglés), é unha excelente antropóloga forense especialista en ósos que adoita ser requirida polo Departamento de Homicidios do FBI para resolver os crimes máis infrecuentes que necesitan da súa excepcional capacidade para encontrar nos esqueletos calquera indicio que os axude a atrapar ao culpábel.
Non tivo unha vida fácil; aos 15 anos entrou no sistema de adopcións debido a que os seus pais desapareceron pouco antes de Nadal e o seu irmán Russ, que daquela tiña 19 anos decidiu non facerse cargo dela, xa que pensou que estaría mellor atendida nunha familia adoptante. No curso da serie aparece esporadicamente o seu pai, antigo ladrón cuxo papel interpreta Ryan O'Neil.
É intelixente, bela, dedicada e adicta ao traballo; fala español xa que viviu en Guatemala durante un tempo; é unha muller moi preparada que busca facer valer a xustiza sen que lle importen as situacións riscosas, o que a levou a estar máis dunha vez cerca da morte, situacións das que saíu grazas ao seu compañeiro e amigo, o axente especial Booth, con quen ten unha relación moi especial. Non cre na maxia, nas supersticións ou nas cousas sobrenaturais (incluído Deus e calquera relixión), pois segundo ela todo ten unha explicación científica. É un algo imprudente e sempre di o que pensa, sen darse de conta de que os seus comentarios ás veces feren ou, como mínimo, desconcertan ás persoas.
En canto á súa vida social podería dicirse que é nula, xa que prefire nos seus momentos libres dedicarse a escribir libros e escoitar música, sen deixar de lado as súas clases de karate, que lle foron moi útiles ao investigar diversos casos, e algunha esporádica visita dalgún home rudo (e ben constituído fisicamente) para liberar a tensión sexual, as poucas veces que a ten.
No que respecta á súa vida amorosa, coñecéronselle algúns pretendentes cos que non chegou a nada concreto, como o seu antigo profesor Michael, Will Hastings, irmán dunha das vítimas; Pete, con quen compartiu apartamento antes de viaxar a Guatemala, o seu acosador Oliver Laurier e o axente especial Sullivan, co que estivo a punto de partir nun iate para percorrer o Caribe na segunda temporada.
Porén, o seu verdadeiro amor é Booth, e aínda que ao principio non se decata diso, os seus compañeiros de traballo si, en especial Ángela.
No último episodio da sexta temporada revélase que está esperando un fillo do axente Booth que, ao final, resulta ser unha nena.
Seeley Booth
editarInterpretado por David Boreanaz
É un dos mellores axentes especiais cos que conta o FBI. Traballa en conxunto coa doutora e afamada escritora de best-séllers Temperance Brennan nos crimes máis difíciles de resolver.
É un tipo duro e de complexión atlética, cunha enorme facilidade para relacionarse coas persoas e con bo sentido do humor. Toma as cousas con calma e ten unha paciencia infinita coa Dra. Brennan; polo xeral el encárgase das cousas que requiren do sentido común e da intuición, mentres a súa compañeira se centra no traballo científico, razón pola cal fan un equipo excepcional á hora de encontrar ao responsábel do crime.[6]
Constantemente vive atormentado polo seu pasado como francotirador, e é por iso polo que quere atrapar a todos os criminais que poida para pagar algún tipo de "débeda", xa que é moi crente.
No que respecta á súa vida persoal, ten un fillo de 8 anos chamado Parker, produto da súa relación con Rebecca, unha antiga parella que non aceptou a súa proposta de matrimonio ao saberse embarazada. Posteriormente coñéceselle unha noiva chamada Tessa que só aparece na primeira temporada e, na segunda, á Dra. Camille Saroyan, con quen mantén un romance aaté que decide romper con ela por segunda vez, debido ás situacións de risco que implican os seus respectivos traballos. Na quinta temporada ten unha nova novia, famosa xornalista á que coñeceu en Afganistán, pero coa que tampouco casa.
Da súa personalidade tamén destaca o seu gusto polas garavatas con rechamantes debuxos e os calcetíns a raias, en contra das normas de vestiario do FBI, sen esquecermos as grandes e provocativas fibelas que gasta nos seus cintos.
Outros datos importantes son: que ten un irmán máis novo chamado Jared, que o seu pai foi piloto de avións e despois barbeiro (e alcohólico), a súa nai compositora de cancións comerciais, así como o feito de que nun tempo foi adicto ao xogo. Chámalle "cerebritos" aos membros do equipo de traballo de Brennan por consideralos demasiado estraños, e tenlle fobia aos pallasos.
Aprecia moito á Dra. Brennan, á que alcuma cariñosamente "Ósos" (Bones en lingua inglesa|inglés). Sempre que se encontran nun caso duro, insiste en coidala e velar polo seu benestar, xa que ela é un chisco imprudente. En ocasións chega a estar celoso dalgunha das súas parellas sentimentais, comportamento comprometedor por tratarse só de simples "compañeiros de traballo" e que máis ben vai encamiñado a un interese romántico por parte de ambos (aínda que ela non se decata diso).
A final da cuarta temporada encóntranlle un tumor cerebral, do que logra recuperarse e lle fai sentir un amor incríbel por Brennan. Nla quinta temporada empeza a facer todo o posíbel para que ela se enamore del.
O propio David Boreanaz encargouse de dirixir un dos capítulos, o 100, na quinta temporada. Titulado "As partes na suma do todo", nel relata como se coñeceron Temperance Brennan e Seeley Booth e como foi a súa relación desde o principio, o que lle revelará a Lance Sweets cousas importantes sobre ambos e o vínculo persoal que os une.
No último capítulo da sexta temporada, Brennan infórmao de que está esperando un fillo seu.
Ángela Montenegro
editarInterpretada por Michaela Conlin
Ángela Montenegro é unha dos membros máis importantes do equipo, xa que é a "artista" que pon rostro ás vítimas (artista forense con coñecementos sobre o comportamento humano). Ademais do debuxo a man, emprega diversas tecnoloxías moi avanzadas, tales como o Angelator. É a mellor amiga da Dra. Brennan, e algunhas veces é tamén para ela a voz da razón, isto porque a doutora non permite que se mesturen a súa vida persoal e a laboral.[7]
Ángela é unha persoa liberal e desinhibida, polo que é a que xeralmente brinda un toque de frescura ou "normalidade" ao grupo. Trata constantemente de convencer á Dra. Brennan para que dedique máis tempo á súa vida privada (en especial que se preocupe máis polas súas relacións románticas), aínda que xeralmente con pouco éxito.
Tivo varios noivos (chegando incluso a gustarlle Booth na primeira temporada), tivo un mozo que protagonizou o asasinato nun caso, e que morreu deixando a Ángela desconsolada. Tamén tivo un romance co seu compañeiro Jack Hodgins, pero terminou a súa relación seguindo os consellos do Dr. Sweets.
No seu intento de contraer matrimonio con Hodgins, descobre que hai uns anos casou nunha praia, borracha, cun home forzudo e musculoso, á vez que enigmático porque asinou o certificado de voda cun "X". Hodgins contrata a varios especialistas para que encontren ao marido misterioso de Ángela e, cando o encontran, resulta que está totalmente enamorado de Ángela.
Logo dun tempo chega á vida de Ángela un ex amor, que esta vez é unha muller. Un amor de colexio con quen se lía durante a cuarta temporada e que lle causa a Hodgins moitas dores de cabeza, declaran o seu amor mutuo e todo o equipo do Jeffersoniano o acepta. Finalmente, acabará casando con Hodgins ao final da quinta temporada.
O pai de Ángela é un enigmático rockeiro de longa barba e lentes de sol que fai acto de presenza esporadicamente en diversos episodios para desconsolo de Hodgins, que non sabe se o teme ou o respecta. O papel interprétao o músico Billy Gibbons, da famosa banda ZZ Top.
Ao final da sexta temporada nace o seu fillo, Michael Stacatto Vincent Hodgins.[8]
Jack Hodgins
editarInterpretado por T. J. Thyne
Hodgins, membro dunha adiñeirada familia, ten tres doutoramentos: entomoloxía, xeoloxía e botánica, polo que se dedica ás ramas da entomoloxía, palinoloxía, mineraloxía e química forenses. Presume diso adoito, autoalcumándose "O rei do laboratorio", cousa que conduce a ter numerosos e amigábeis piques cos bolseiros que se van sucedendo ao longo da serie, en especial con Zack Addy (interpretado por Eric Millegan), con quen compite continuamente para gañar a aprobación e o recoñecemento da Dra. Brennan.
É o dono do grupo Cantileveintrincadosr, un dos maiores doantes individuais do Instituto Jeffersoniano, polo que é inmensamente millonario. Isto convérteo, á súa vez, no "xefe" de todos, aínda que insta a Booth e a Ángela a manter en segredo a súa procedencia e o seu status para seguir de maneira anónima co seu traballo como científico, pois é o único que realmente desexa. (No capítulo 9º da segunda temporada confésallo a Brennan durante o seu secuestro polo Sepultureiro.)
É un apaixonado das conspiracións e a miúdo ve estrañas relacións entre os casos que leva o departamento e outros máis, políticos e/ou secretos. Ten un agudo e sarcástico sentido do humor, e fai chistes sobre cada caso e as persoas involucradas nel.
Os seus continuos, rechamantes (e moitas veces arriscados), experimentos en pos de descubrir a verdade dos secretos de cada caso, fanlle ter numerosos encontros (na súa maioría graciosos) coa Dra. Saroyan, xefa do laboratorio.
Pese a ser unha rata de laboratorio, é un dos máis normais e sociais científicos do grupo, o que o leva a ter un romance con Ángela Montenegro. Numerosas veces pide a súa man en matrimonio pero ela lle di que non. Aínda que no penúltimo capítulo da segunda temporada acepta e por fin Ángela pide que sexa unha voda o máis axiña posíbel.
Xa estando na voda de Ángela e Jack entra un home que parecía axente da policía a notificar que Ángela xa estaba casada e que non podía volver a casar. Polo visto casou nas illas Fidxi (nas que teñen a tradición de saltar cunha vasoira en sinal de compromiso), así pois, e debido tamén a que foi baixo a influencia do alcohol, para Ángela soa ridículo...
Finalmente, a Jack no lle importa e foxe xunto con Ángela abandonando a festa e aos convidados. Na terceira temporada, desesperado por encontrar ao esposo de Ángela, contrata a un investigador privado que tempo despois o encontra, e o asunto conclúe nunha pelexa.
Nun dos capítulos da quinta temporada (o nº 20, A bruxa no armario) casará finalmente con Ángela. A voda xurdirá de forma improvisada, despois dunha detención de ambos os dous por parte dun policía local, despois de saír do lugar dos feitos nun caso que investiga o Jeffersoniano.
Ao final da sexta temporada, nace o seu fillo, Michael Stacatto Vincent Hodgins.
Camille Saroyan
editarInterpretada por Tamara Taylor O personaxe de Camille Saroyan incorpórase na segunda temporada da serie. Camille é nomeada xefa do laboratorio de investigación para intentar mellorar a súa xestión, tanto do persoal como a científica. Isto lévaa a implicarse e comprometerse coas tarefas do equipo moito máis a fondo que o seu predecesor, o Dr. Goodman.
Aínda que ao principio a relación cos membros do equipo é tensa, ao pouco tempo logran unha dinámica moi boa. Nisto axuda a tolerancia da Dra. Saroyan fronte aos experimentos raros dd Hodgins e Zack e o seu respecto pola profesionalidade e experiencia da Dra. Brennan.
Ao mesmo tempo, as actividades de Camille, unha forense moi cualificada, afondan nesa área non explorada polos antropólogos, como as probas de ADN, toxicoloxía e axentes patóxenos, resultando unha incorporación moi útil.
Non só é unha antiga coñecida de Booth, senón que tiveran unha relación romántica con anterioridade. Na segunda temporada volven a teren un curto romance, até que os contratempos da exposición ao risco que produce o seu traballo os convence de que non é a mellor idea mesturar amor e traballo.
Camille ten unha familia moi molesta, composta por unha irmá celosa que intenta "roubarlle" a Booth, e uns pais moi exixentes. Ten ao seu cargo á filla dunha das súas ex-parellas, que foi asasinado, caso investigado polo equipo da serie.
Lance Sweets
editarInterpretado por John Francis Daley
editarO Dr. Sweets é un psicólogo de só 23 anos que se incorpora á serie na terceira temporada como o psicoterapeuta asignado a Booth e a Brennan, que ocasionalmente axuda a Hodgins, Ángela ou a outros membros do equipo.
Comeza a tomar parte no equipo ao proporcionarlles os perfís psicolóxicos dos sospeitosos. Así puideron resolver un par de casos fofíceis grazas aos seus dotes.
Á vez que colabora nos casos e axuda a Booth e a Brennan na súa relación profesional redacta un libro sobre ambos os dous ao que titula Bones, o corazón do asunto.
Na cuarta temporada descóbrense máis datos sobre a súa vida cando, durante a investigación dun caso, a doutora Brennan descobre que ten antigas cicatrices nas costas. A raíz do descubrimento sábese que foi un neno maltratado na súa infancia, que foi adoptado á idade de 6 anos por un matrimonio maior que o trataba moi ben pero que por desgraza morreron pouco antes da súa incorporación ao FBI. Tras estas dolorosas perdas, Sweets séntese perdido e ve en Booth e Brennan unha familia á que seguir.
No que respecta á súa vida sentimental, coñécenselle dúas historias románticas. Na terceira temporada aparece a súa noiva, unha bióloga mariña obsesionada cos sentimentos dos peixes; no mesmo capítulo a súa noiva o deixa. Na cuarta temporada da serie comeza unha relación con Daisy, unha estudante de antropoloxía forense que colabora ocasionalmente no laboratorio para cubrir a ausencia de Zack; a súa relación é seria e chegan incluso a comprometerse, aínda que finalmente no último capítulo da quinta temporada rompen a súa relación cando ela decide marchar coa doutora Brennan ao outro lado do mundo.
Finalmente, na sétima temporada da serie vémolos novamente xuntos, cando Sweets intenta conseguir a licenza para portar arma.[9]
Zack Addy
editarInterpretado por Eric Millegan
editarZachary Uriah Addy é un bolseiro do Jeffersoniano, o chico listo dentro do grupo, pero é moi pouco intuitivo. Non se sabe moito del, pero si que lle encanta o baloncesto, os macarróns con queixo, e que ten unha voz excepcional. Durante un tempo levou o pelo curto xa que consultou a Angela se lle parecía ben a súa aparencia, ao que ela lle suxire que corte o pelo pero, polo xeral, lévao longo.
É introvertido, polo que sempre tivo problemas para relacionarse. Os seus problemas nas relacións interpersoais vense compensados polo seu grande intelecto. É un xenio para as matemáticas, chegando a asombrar a todos os seus compañeiros do grupo pola súa velocidade para facer cálculos, a súa capacidade para encontrar patróns numéricos, códigos alfanuméricos e a súa memoria fotográfica.
É moi parecido a Brennan, polo que se lle puido chamar até certo momento o seu aprendiz, pero terminou o seu doutoramento e agora é antropólogo forense. Chega a ser un superdotado, pero non mellor que a súa xefa, pois nun episodio da terceira temporada esta vence a todo o seu equipo nun xuízo, liberando así ao seu pai. Ademais de en antropoloxía forense, Zack ten outros doutoramentos.
Na primeira temporada enamórase da doutora Brennan, cousa que ela non sabe, aínda que si todos os seus compañeiros, pero Brennan non ten o menor interese en Zack.
Na terceira temporada, Zack vai de viaxe a Irak, a vivir a vida militar para ser máis duro, pero regresa porque non se puido adaptar.
Ao final da temporada descóbrese que o asasino en serie que cometía canibalismo, Gormogón, ao que tratan de atrapar nesta temporada, ten un aprendiz: Zack. Suponse que asasinou a un home, e por iso o internan nun hospital psiquiátrico.
Na cuarta temporada só sae en dous capítulos, e se ve descoidado e co pelo moitísimo máis longo, pero segue sendo o mesmo chico listo e agradábel de antes. No capítulo "Descuartizado" (5º da 4ª temporada), escapa do manicomio co fin de axudar ao FBI e ao Jeffersoniano, confesa a Sweets que el non asasinou o home. Isto resulta ser a verdade, pero Zack non quere arriscarse a ir ao cárcere a pesar de que fose por pouco tempo por medo a non sobrevivir e prefire quedar no manicomio, onde entra e sae sen ningún problema.
Na quinta temporada apareceu no capítulo 16 (o 100 do total), que foi dirixido por David Boreanaz, no que se ve cando empezan a traballar todos xuntos formando o equipo.
Daniel Goodman
editarInterpretado por Jonathan Adams
editarÉ o director e fundador do Instituto Jeffersoniano, e o seu traballo na arqueoloxía axudou nalgúns casos da primeira temporada. Aínda que non chegou a ser un personaxe importante no elenco, en si foi un grande apoio moral para a maioría dos seus compañeiros de laboratorio, pois Ángela, Temperance e Booth, en diversos capítulos chegaron incluso a estar tentados a deixaren a vida detectivesca e teren unha vida sinxela e común. As súas aparicións limítanse tan só á primeira temporada, deixando a Camille no seu posto para retirarse a un ano sabático.
Rodaxe
editarA maioría dos episodios de Bones filmáronse nos Ánxeles (California), a pesar de que a acción se desenvolve principalmente en Washington, D.C., onde se encontra o ficticio Instituto Jeffersoniano. Os exteriores son do Museo de Historia Natural do condado dos Ánxeles. Os interiores do Instituto Jeffersoniano foron construídos especialmente nun grande estudo da 20th Century Fox en Century City, Os Ánxeles, California. As dúas partes do 1º episodio da cuarta temporada filmáronse en Londres (Reino Unido).
Música
editarO álbum titulado Bones: Original Television Soundtrack, producido por Maria Alonte McCoy e Billy Gottlieb, foi lanzado en 2008. Conten 13 cancións gravadas para a serie por artistas populares.[10]
O seu lanzamento foi conxunto co DVD da terceira temporada da serie, pouco antes de que se estreara a cuarta.
Cada canción da banda sonora (excepto para o remix da canción final) apareceu nas tres primeiras temporadas, e na súa maioría foron utilizadas no final de episodios importantes.
O remix da canción titulada "DJ Corporate Remix" estaba dispoñíbel anteriormente baixo o nome "Squints Remix", que fai referencia ao alcume co que o personaxe principal, Seeley Booth, denominaba aos técnicos do laboratorio do Jeffersoniano, squints (virollos, traducido en castelán como cerebrines
Lista de cancións e intérpretes
editar- "Bones Theme" — The Crystal Method
- "Angel" — Sinéad O'Connor
- "Running Up that Hill" — Placebo
- "It Means Nothing" — Stereophonics
- "Gone" — Thirteen Senses
- "Black Star" — Eliza Lumley
- "Feel It Now" — Black Rebel Motorcycle Club
- "Fountain" — Sara Lov
- "Something" — Cary Brothers
- "Tears and Laughter" — Tall Tree 6Ft. Man
- "Bring on the Wonder" — Susan Enan (con Sarah McLachlan)
- "Dirty Little Secret [Thievery Corporation Remix]" - Sarah McLachlan
- "Bones Theme [DJ Corporate Remix]" - The Crystal Method
Episodios
editarTemporada | Episodios | Data orixinal de emisión | |
---|---|---|---|
1 | 22 | 13 de setembro de 2005 - 17 de maio de 2006 | |
2 | 21 | 30 de agosto de 2006 - 16 de maio de 2007 | |
3 | 15 | 25 de setembro de 2007 - 19 de maio de 2008 | |
4 | 26 | 3 de setembro de 2008 - 14 de maio de 2009 | |
5 | 22 | 17 de setembro de 2009 - 20 de maio de 2010 | |
6 | 23 | 23 de setembro de 2010 - 19 de maio de 2011 | |
7 | 6 | 3 de novembro de 2011 - 20 de xaneiro de 2012 |
Críticas á estrea
editarUSA Today comentou que, en comparación con outros delitos, a serie "está construída sobre unha base máis sólida e tradicional: a forza dos seus personaxes" e "o que diferenza aos ósos do martes (data na que se estreou) son as estrelas Emily Deschanel e David Boreanaz, como os combatentes do crime máis atractivos da temporada".[11]
Pola súa parte, Media Life Magazine di que mentres que Bones ten "unha noción increibelmente intelixente, brillante incluso", a súa "execución non coincide coa concepción" e, baseado no seu primeiro episodio, o espectáculo "parece que evolucionará cara a unha serie apasionante".[12]
Premios e nomeamentos
editar- Bones foi nomeada á mellor dirección artística polo episodio "O heroe na espera" na 61ª edición dos premios Emmy.
- Emily Deschanel foi nomeada como mellor actriz de series dramáticas de televisión, en 2006, nos premios Satellite.
- A serie gañou dous premios Génesis polos episodios "A muller no limbo" e "O home duro no Polo tenro", por crear conciencia sobre as cuestións da matanza de porcos e as granxas de polos industriais, mentres que o episodio "O dedo no niño" recibiu un nomeamento.
- Bones foi nomeada a dous premios na 37ª edición dos Peples's Choice Awards.[13]
- A serie recibiu tres nomeamentos na 38ª edición dos People's Choice Awards, para a serie dramática de televisión; David Boreanaz, actor de Drama de televisión, e Emily Deschanel, actriz de Drama de televisión.[14]
Notas
editar- ↑ Goldman, Eric (31 de maio de 2007): IGN. "Digging Up Secrets With the Cast of Bones" (en inglés) Consultada o 27/3/2012.
- ↑ Kristine, Diane (17 de xaneiro de 2006): "Q&A: Bones Creator Hart Hanson". BlogSpot.com (en inglés) Consultada o 27/3/2013.
- ↑ Fox Broadcastng Company. Bones Arquivado 07 de abril de 2010 en Wayback Machine. (en inglés) Consultada o 27/3/2012.
- ↑ Amazon.com (en inglés) Consultada o 27/3/2012.
- ↑ Yahoo.com Plus 7. Bones (en inglés) Consultada o 27/3/2012.
- ↑ Boreanaz Makes No 'Bones' About His New Series". Entertainment Tonight, 3 de agosto de 2005.[Ligazón morta] (en inglés) Consultada o 27/3/2012.
- ↑ Epstein, Daniel Robert. UGO.com "Hart Hanson of Bones" Arquivado 29 de marzo de 2012 en Wayback Machine. (en inglés) Consultada o 27/3/2012.
- ↑ Bones Episode Guide. "Episode recap: Season finale" Arquivado 13 de abril de 2012 en Wayback Machine. (en inglés) Consultada o 27/3/2012.
- ↑ David, Anna (2006): "The Lovely Bones", TV Guide, ed. de xaneiro 23–29, páx. 39.] (en inglés)
- ↑ Bones: Original Television Soundtrack. Amazon.com (en inglés) Consultada o 27/3/2012.
- ↑ Bianco, Robert: "The stars flesh out 'Bones'". USA Today, 12 de setembro de 2005. (en inglés) Connsultada o 27/3/2012.
- ↑ Shields, Mike: "Fox to Launch Bones Mobisodes". Media Week, 15 dde novembro de 2006. (en inglés) Consultada o 27/2/2012.
- ↑ People's Choice Awards 2011. Nomeados (en inglés) Consultada o 27/3/2012.
- ↑ People's Choice Awardws 2012. Nomeados (en inglés) Consultada o 27/3/2012.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Fox España TV. Páxina oficial de Bones Arquivado 30 de marzo de 2016 en Wayback Machine. (en castelán)
- Páxina da serie na Canle Fox[Ligazón morta] (en castelán)
- Bones IMDb (en inglés)
- Bones TV.com (en inglés)
- Bones TV Guide (en inglés)