Un bocexo[1] ou boqueada[2] é a acción incontrolada de abrir a boca, con separación moi ampla dos maxilares, para realizar unha inhalación profunda á que segue unha exhalación de algo menos do inhalado, con peche final da abertura bucal. Cando se bocexa, ademais, estíranse os músculos faciais, inclínase a cabeza cara a atrás, péchanse ou entornan os ollos, bagóase, salívase, ábrense as trompas de Eustaquio do oído medio e realízanse moitas outras, aínda que imprecisas, accións cardiovasculares, neuromusculares e respiratorias.

Gato bocexando.

É unha acción común entre os animais vertebrados. Os mamíferos e a maioría do resto de animais dotados de columna vertebral bocexan, incluíndo peixes, serpes, tartarugas, crocodilos e aves. Cando constitúe unha afección espasmódica morbosa, denomínase casmodia.

Neuroloxía do bocexo editar

O bocexo é un acontecemento estereotipado, antigo dende o punto de vista filoxenético. As estruturas neurais necesarias para o bocexo localízanse na medula oblonga, preto dos centros respiratorio e vasomotor. O bocexo pode desencadearse por múltiples estímulos, como ver a alguén que bocexa, participar nun labor aburrido, ou ter sono. Varios neurotransmisores e neuropéptidos interveñen: neuronas oxitocinérxicas no núcleo paraventricular do hipotálamo median a expresión do bocexo a través de conexións co hipocampo, a ponte de Varolio e a medula oblonga. As neuronas que producen o bocexo actívanse pola acción da dopamina, aminoácidos excitadores e oxitocina. As inhiben péptidos opioides. Existen varias ligazóns entre neurotransmisores e neuropéptidos relacionados co bocexo que suxiren que este último é controlado e influenciado por múltiples vías, pero cuxos detalles aínda non se precisan.[3]

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Bocexo.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Boqueada.
  3. Neuroanatomía Funcional de Bergman y Afifi, ISBN 970-10-5504-7.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar