Bardaos, San Sadurniño

parroquia civil do concello de San Sadurniño

Santa María de Bardaos[1] é unha parroquia que se localiza no norte do concello de San Sadurniño, lindando ó leste co Concello de Moeche e ó oeste co Concello de Valdoviño. Segundo IGE en 2013 tiña 282 habitantes (150 homes e 132 mulleres) distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999, cando tiña 274 habitantes.

Bardaos
Bardaos.
ConcelloSan Sadurniño[1]
ProvinciaA Coruña
Coordenadas43°34′28″N 8°02′24″O / 43.5745, -8.0399
Poboación257 hab. (2019)
Entidades de poboación10[1]
editar datos en Wikidata ]

Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Xuvia, pertencente á diocese de Mondoñedo-Ferrol.

A parroquia

editar

A poboación en épocas de vacacións pode alcanzar facilmente os 350 habitantes. Esta poboación atópase distribuída en 14 núcleos de poboación: Randulfe, Casanova, Gudín (en realidade este lugar pertence á parroquia de Lamas, pero debido á súa situación xeográfica desenvolven os seus labores nesta parroquia), Veiga, Castro, A Fraga, Sanguiñeira, Bañoca, Loibas, Pardiñeira, Leboriz e Carbeiral, Meixeiroa e por último A Corveira.

Accidentes xeográficos

editar

Os accidentes xeográficos máis salientábeis son os cotos da Croa, da Tillería e o Coto Agudo. O primeiro érguese na zona centro da parroquia cunha altura que apenas excede os douscentos metros, pero evidentemente o que fai chamativo este coto non é a súa altura, senón os restos dun antigo castro celta. Hai xa anos fixéranse unhas escavacións no castro e nel atopáranse distintas pezas de bronce e incluso ouro, ademais dunha infinidade de pezas de cerámica. Como se dun xemelgo se tratara, a carón da Croa érguese o coto da Tillería, aínda que este non presume de ningún tipo de restos. O Coto Agudo é o teito de Bardaos, erguese uns 374 m por encima do nivel do mar, e na súa cima conflúen tres concellos: San Sadurniño, Valdoviño e Moeche. As súas vistas son inmellorables, non en van a Consellaría de Medio Ambiente escolleu este coto para instalar nel unha torre de vixilancia de incendios forestais. Outro dos atractivos deste coto hai que buscalo na caprichosa construción natural que forman unha serie de rochas a modo de gruta e que os anciáns chaman A Cova do Coto.

Orografía

editar

A parroquia de Santa María de Bardaos está regada polo río Forcadas, que desemboca no encoro do mesmo nome, ó seu paso pola nosa parroquia. O Forcadas aliméntase de pequenos regatos como o do Porcallo duns tres kms e que nace na Fonte do Coto. Outro afluente é o da Tilleira, de lonxitude semellante ó anterior e que ve a luz no concello de Moeche. Preto da desembocadura deste último faino tamén o Rego do Cedo, este nado na Meixeiroa, cunha lonxitude de pouco máis de 1 km, a escasos cincocentos metros, sumase ó Forcadas o cano da Tillería, este con apenas catrocentos metros ten o seu berce na Fonte dos Cunqueiros. Logo vén o canigote do Balogueiro, con orixe na Pallota e de lonxitude moi parecida ós dous primeiros, antes de incorporarse ó Forcadas, este canigote vese reforzado polo caudal do Cano dos Xacobes de apenas 1 km de lonxitude. O penúltimo en sumarse ó Forcadas é o río da Veiga, sen dúbida o máis longo e caudaloso de todos eles; a súa orixe hai que buscala nas terras do Camiño Arriba. Por último está o Cano Grande das Fontes cunha lonxitude que rolda os 3 km.

Fontes

editar

Comezando polo norte, atopámonos coa Fonte do Coto que dá lugar ó afluente do Porcallo. Esta fonte conserva un antigo lavadoiro público no que as mulleres ían lavar a roupa, e que presenta un estado excelente. A escasos cincocentos metros desta, encontramos a Fonte da Rica, da que se acostumaba usar a súa auga para facer os Corgos, que eran os lugares onde se colocaba o liño para abrandalo. Logo, temos a das Carballas, que posúe unha auga moi apreciada para o consumo humano. A Fonte da Abeleira, ó igual que a anterior, goza de moi boa sona. Xa na Bañoca, hai dúas fontes, a dos de Casanova e a das Lagas. No Castro contamos coa Fonte do Pereiro, a auga desta fonte xamais contou coa aprobación popular, pois sempre tivo sona de ser catarreira. Por último nomearemos a Fonte da Escrita, sita na ladeira do coto da Escrita, aínda que no termo de Bardaos. Ademais do lavadoiro da Fonte do Coto contamos co da Casanova, este de carácter privado, e varias pedras de fregar como son a do Cubo do Muíño de Riba, a do Cano do Caneiro, a da Ponte e a do Balogueiro.

Muíños

editar

Debido á proliferación de regatos, a parroquia ten varias aceas ou muíños de auga. primeiro que encontramos e o da Tilleira, no seu día alimentado polo canigote do mesmo nome. Este muíño pertencía a varios parceiros. O seguinte que atopamos é o Muíño de Riba, o cal, tras pasar por varios donos, pertence na actualidade a Nieves Sanjurjo. Este era un muíño bastante grande, tiña dous muíños e unha habitación contigua na que ten habido un salón de peiteado moi prezado. Se damos un paseo pola Área Recreativa, podemos admirar as ruínas do Muíño do Medio, que posiblemente sexa o que peor estado presente. Se continuamos dirección ó Castro, poderemos facer un alto no Muíño do Balogueiro, o cal tamén pertenceu a varios parceiros, logo está o muíño do Castro, propiedade de Vicente Canosa; este muíño forma parte da estrutura da casa e posiblemente fose o último en cesar a súa actividade. Coa chegada do progreso estes muíños foron vendo como se comezaban a instalar muíños eléctricos e eles ían quedando en desuso.

Elementos arquitectónicos

editar

Bardaos ten varios cruceiros. O primeiro, e de creación recente, é o do Tio Milio, encargado polo tio Milio de Casimiro para cubrir o oco deixado por outro que había anos lucira nesta encrucillada. Xa máis antigo é o situado na eira de Eliseo de Xan, construído en cantería e de idade descoñecida. Tamén de cantería é o que temos na Meixeiroa, colocado en sinal de dó por un crime cometido neste punto. Por último, temos o Cruceiro da Reina, que foi recollido do esquecemento por Miguel Vilela, o cal o restaurou. Este cruceiro conta coa particularidade de que no seu día foi posto a modo de campo santo para aqueles nenos que morrían no parto ou ben antes de se bautizaren, xa que por aquel entón o que non tivera feito o bautismo non podía ser enterrado no cemiterio.

Economía

editar

A principal fonte de ingresos desta parroquia hai que buscala nas pequenas explotacións gandeiras así como no sector forestal. Un dos reclamos turísticos de Bardaos é a pesca e a caza; a troita do Forcadas e especies como o xabarín e o corzo fan que a esta pequena parroquia se achegue xente dos máis diversos lugares.

A Cofradía de San Pipote

editar

A asociación deportiva cultural e recreativa da parroquia é A Cofradía de San Pipote.

Lugares e parroquias

editar

Lugares de Bardaos

editar
Lugares da parroquia de Bardaos no concello de San Sadurniño na A Coruña

Bañoca | O Carbeiral | Casanova | O Castro | Corveira | Leboriz | As Loibas | Randulfe | A Sanguiñeira | A Veiga

Parroquias de San Sadurniño

editar
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de San Sadurniño

Bardaos (Santa María) | Ferreira (San Paio) | Igrexafeita (Santa María) | Lamas (San Xiao) | Naraío (Santa María) | San Sadurniño (Santa María) | Santa Mariña do Monte (Santa Mariña)

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar