'Asabiyyah ou 'asabiyya (en árabe: عصبيّة: , traducido como "sentimento de grupo", "cohesión social", ou tamén como "vontade común") é un concepto de solidariedade social con énfase na unidade, consciencia de grupo, e un sentido de propósito compartido e cohesión social, orixinalmente utilizado no contexto de tribalismo e dos clans.[1]

Asabiyya non é un termo asociado necesariamente a un contexto de relacións nómades nin está baseado nos lazos de sangue ou parentesco; senón que é unha filosofía de humanismo cívico, xeralmente análogo á solidariedade. Con todo, tamén pode ter connotacións negativas posto que pode ser interpretado como nacionalista ou partidista, como por exemplo, cando prima sempre a lealdade ao grupo.[2]

O concepto era familiar na era pre-islámica, mais foi popularizado grazas á obra al-Muqaddima de Ibn Khaldún. Nesta é presentada como o vínculo fundamental da sociedade e como motor da Historia.[3] Ibn Khaldún argumentou que a asabiyya é cíclica e que está vencellada ao auxe e caída de civilizacións: é máis forte no inicio dunha civilización, declina cando esta avanza, e debilítiase cando esta civilización declina.[4]

A asabiyya de Ibn Khaldún editar

 
Manuscrito de al-Muqaddima de Ibn Khaldún.

Ibn Khaldun describe asabiyya como o vínculo de cohesión entre as persoas que forman unha comunidade.[5] Este vencello existe en calquera nivel de civilización, dende as sociedades nómades aos estados e imperios.[4] A asabiyya é máis forte na fase nómade, mais diminúe paralelamente ao desenvolvemento da civilización.[4] Na fase de decadencia, outro asabiyya máis convincente pode desprazalo; segundo Ibn Khaldun isto explica o auxe e caída de civilización nunha perspectiva cíclica da Historia.[4][6]

Ibn Khaldun considera que cada dinastía ou civilización ten dentro dela as sementes da súa propia decadencia. Así, explica que as casas gobernantes (ou poderes hexemónicos) tenden a xurdir nas periferias dos imperios existentes, empregando a asabiyya de seu, máis forte, como unha vantaxe para provocar o cambio. Isto implica que os gobernantes novos son ao principio considerados 'bárbaros' en comparación aos anteriores. Unha vez consolidado o seu poder, son cada vez máis laxos, aparecendo problemas de coordinación e disciplina, centrándose en conservar o seu novo estilo e nivel de vida. Entón, a asabiyya disólvese entre faccións e individualismos, perdendo a súa capadicade de cohesionar. Cando iso sucede, as condicións son propicias para a aparición na periferia dun novo poder (ou dinastía) que repetirá o mesmo ciclo que a anterior.[7] Ademais, Ibn Khaldún no al-Muqaddima tamén estima que os poderes ou dinastías teñen un período de vixencia que non supera as tres xeracións de 40 anos.

Notas editar

  1. Zuanna, Giampiero Dalla and Micheli, Giuseppe A. Strong Family and Low Fertility. 2004, p. 92
  2. Weir, Shelagh. A Tribal Order. 2007, page 191
  3. Ibn Khaldun. The Muqaddimah Arquivado 13 de abril de 2021 en Wayback Machine.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Tibi, Bassam (1997). Arab nationalism: a critical enquiry. Macmillan. p. 139. 
  5. Tausch, Arno; Heshmati, Almas (2009-09). "Asabiyya: Re-Interpreting Value Change in Globalized Societies". IZA Discussion Papers (en inglés). 
  6. Navarro, Alejandro Martín (2022-07-13). "Historia e identidad: reflexiones en torno a Ibn Jaldún y Hegel". THÉMATA. Revista de Filosofía (en castelán) (65): 340–360. ISSN 2253-900X. doi:10.12795/themata.2022.i65.15. 
  7. Patriarca, Giovanni (2019). "El eterno retorno de la Asabiyyah. Ibn Jaldún y la teología política contemporánea". Daimon: Revista internacional de filosofía (76): 139–153. ISSN 1130-0507. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar