As flores radioactivas
As flores radioactivas é unha novela de Agustín Fernández Paz publicada en 1990 na Colección Merlín de Edicións Xerais de Galicia que foi galardoada co Premio Merlín de Literatura Infantil no ano 1989. Na súa 19ª edición, publicada no ano 2013, foi moi anovada tanto no texto coma nas ilustracións e tamén os anexos foron actualizados, para incluír feitos como o accidente na central nuclear de Fukushima[1].
As flores radioactivas | |
---|---|
Autor/a | Agustín Fernández Paz |
Ilustrador/a | Miguelanxo Prado |
Cuberta | Miguelanxo Prado |
Orixe | Galicia |
Lingua | Galego |
Colección | Merlín |
Editorial | Edicións Xerais de Galicia |
Data de pub. | 1990 |
Páxinas | 120 |
ISBN | ISBN 84-7507-454-5 |
Premios |
|
[ editar datos en Wikidata ] |
Trama
editarMentres está de pesca con Xabier, Alba escoita na radio que dous pesqueiros viron unha mancha brillante nas proximidades da Foxa Atlántica, da que ela sabe porque no 1982 seu irmán Lois, de ADEGA, foi alí no barco Arosa I xunto con Greenpeace, coa intención de impedir as verteduras radioactivas.
O Consello Permanente do Alto Mando da OTAN reúnese en segredo e pon en marcha a operación “Espello mariño”; dúas lanchas van buscar mostras da mancha, que resulta ser de flores semellantes a margaritas moi recendentes. Todos os que estiveron en contacto con elas adoptan actitudes pacifistas.
Ante a falta de información oficial, Lois e os de ADEGA deciden ir á Foxa nun pesqueiro, acompañados por dous xornalistas e Alba únese a eles como polisón, axudada por Xabier.
Cando chegan preto da mancha son avisados polo barco de vixilancia de que non poden achegarse e convéncenos de que só están pescando. Pola noite achéganse cunha zodiac coa intención de recoller mostras pero a rede que rodea a mancha e mais a alarma electrónica fan fracasar a misión. Á noite seguinte será Alba a encargada de conseguilas, con éxito.
Mentres, nunha terceira reunión urxente do Alto Mando, o Xeneral Mc Logan informa de que as flores proceden dun fenómeno radioactivo mais non emiten radioactividade e deciden bombardear a zona e informar de que a mancha é potencialmente perigosa para a vida mariña.
Ao día seguinte, Greenpeace e ADEGA convocan conferencias de prensa para informar e anunciar un repartimento masivo de flores, o que ten ampla repercusión mundial, con entrevistas a Alba na prensa de todos os continentes. Despois de tanta actividade, ela xa ten ganas de recuperar a súa vida normal en compañía de Xabier.
Narración
editarA focalización da novela é múltiple: nos capítulos impares aparece un narrador omnisciente extradiexético e nos pares é Alba a narradora protagonista quen escribe o seu diario[2]. Estes dous puntos de vista complétanse con diferentes recortes de prensa.
Personaxes
editarA protagonista é Alba, unha adolescente que por primeira vez se interesa por un rapaz pero aventureira e con decisión, que non dubidará á hora de enganar a todos para subir ao barco.
A loita pola emancipación da muller hai que comenzala desde a nenez. Unha maneira de favorecela é dende a literatura infantil. Eu podo ser un compañeiro de viaxe, ese é o motivo polo que os protagonistas das miñas novelas e nos meus contos, sexan nenas cunha proxección dinámica e positiva[3]
Lois é o seu irmán, profesor e ecoloxista, participou nas protestas contra as verteduras tóxicas e é o principal organizador da expedición actual.
Xabier, adolescente, o mellor amigo de Alba, axudaraa na súa aventura, nun segundo plano.
O Xeneral Mc Logan, mandatario do Consello Permanente do Alto Mando da OTAN, é o responsábel da investigación, destrución e ocultación da mancha.
Traducións
editar- Ao catalán por Salvador Pallarès Garí como Les flors radioactives, publicado en 1991 por Edicions Bromera, na Colección El Micalet galàctic[4].
- Ao éuscaro por Patxi Elizegi como Lore erradioktiboak publicado en 1993 por Editorial Elkar na colección Xaguxar[5].
- Ao castelán por Xan Vences como Las flores radiactivas publicado en 1995 en Lóguez, La joven colección[6]. Así como, co mesmo título, por Isabel Soto (Anaya, col. Clásicos Modernos, 2013).
- Ao asturiano por Xosé Miguel Suárez Fernández como Les flores radioactives publicado en 1996 por Editora del Norte[7].
Notas
editar- ↑ "As flores radioactivas". Consultado o 15/10/2017.
- ↑ Sabela Álvarez Núnez. "De flores radiactivas a flores pacifistas" (PDF). agustinfernandezpaz.gal. Consultado o 15/10/2017.
- ↑ "Entrevista a Agustín Fernández Paz" (PDF). agustinfernandezpaz.gal. Consultado o 15/10/2017.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2017. Consultado o 15 de outubro de 2017.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2017. Consultado o 15 de outubro de 2017.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2017. Consultado o 15 de outubro de 2017.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2017. Consultado o 15 de outubro de 2017.