A Arte de Trovar é o primeiro texto que se encontra no Cancioneiro da Biblioteca Nacional (CBN). É un pequeno tratado en prosa que versa sobre a arte galego-portuguesa, de autoría descoñecida. Esta composición resume de forma breve a poética trobadoresca, definindo xéneros e regras que deberían obedecer os trobadores e os xograres.  Esta poética foi elaborada en Portugal no século XIII e conservada fragmentariamente no CBN. Pese a que é un texto anónimo hai indicios de que foi escrita ou polo menos inspirada polo conde Don Pedro de Portugal, conde de Barcelos.[1] A organización da poética consiste en catro capítulos que están á súa vez divididos noutros capítulos, como se explicará máis adiante, e encóntrase incompleta, xa que tres capítulos dentro do capítulo primeiro perdéronse.[2]

Capa do Cancioneiro Colocci-Brancutti onde se encontra inxerida a poética Arte de Trovar

Onde se encontra a Arte de Trovar. Cancioneiro da Biblioteca Nacional

editar

A Arte de Trovar é un tratado de poética medieval que se pode encontrar non como obra individual senón como prefacio no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa como xa foi explicado anteriormente. Aínda que se encontre acompañada por máis obras a poética non ten unha relación inherente cos demais textos recollidos no Cancioneiro, só foron encontrados e recompilados polo mesmo humanista.

O Cancioneiro da Biblioteca Nacional tamén é coñecido como Cancioneiro Colocci-Brancutti, por ser copiado por orde do humanista Angelo Colocci (1474-1549) e ser descuberto na biblioteca do conde Paolo Brancutti di Cagli. O cancioneiro é o máis importante dos tres documentos que conforman a lírica medieval profana galego-portuguesa (Cancioneiro da Ajuda, Cancioneiro da Vaticana). A día de hoxe está composto por 355 follas de papel, de medidas 280 x 210 mm, e contén arredor de 1.560 composicións da autoría duns 150 autores. O texto está escrito en tinta negra, sen cores e está disposto en dúas columnas. As composicións están numeradas por Colocci, de 1 a 1.664. Hai probas de que traballaron até seis copistas diferentes, ademais das do propio Colocci. Cinco deles utilizaron variedades gótico-bastardas e un só, o que podemos denominar “copista principal”, tanto pola cantidade de textos como pola calidade “filolóxica” da copia, utilizou a cursiva itálica chanceleresca. É posíbel que ningún deles fose italiano xa que, en xeral, revelan unha orixe e mais unha educación gráfica ibéricas.

O Cancioneiro contiña orixinalmente unhas 1.700 cantigas, pero debido a accidentes materiais contén 250 composicións na actualidade. É notoria a extensa presenza de elementos extratextuais que son de grande axuda para o estudo da nosa lingua e da nosa tradición manuscrita. O manuscrito tamén está composto por cinco anónimos lais da Bretaña. O códice foi descuberto no ano 1875 por Constantino Corvisieri, un historiador, arquivista, numismático, paleógrafo e coleccionista romano. Desde 1880 o manuscrito pertenceu ao filólogo Ernesto Monaci. Foi posto a venda polos seus herdeiros, e en 1924 foi comprado polo goberno portugués e conservado desde entón na Biblioteca Nacional de Lisboa.[3]

Axentes

editar

Angelo Colocci (Jesi, 24 de xullo de 1474 - 1 de maio de 1549) viviu en Nápoles, cidade onde é máis que probábel que entrase en contacto coa cultura provenzal. Posteriormente pasou a residir en Roma (1498-1527) exercendo diferentes cargos de suma importancia (abreviador papal de León X e secretario apostólico). Estes cargos proporcionáronlle unha gran notoriedade e un poder económico suficientemente grande como para se converter nun coleccionista e anotador de códices provenzais e sicilianos. O Cancioneiro da Biblioteca Nacional foi concibido por Colocci como un verdadeiro proxecto filolóxico e grazas a el debemos a conservación da maior parte do lirismo galego-portugués, xa que tamén se lle debe a el a conservación dos textos que se encontran no Cancioneiro da Vaticana.[3]

A teoría de que a Arte de Trovar podería estar inspirada polo Conde de Barcelos pertence a Giuseppe Tavani, filólogo da Sapienza de Roma. O Conde de Barcelos (1287-1354), fillo de Don Dinís de Portugal, foi poeta e trobador. Tivo unha gran relevancia na actividade cultural na súa época e moitas obras da idade media como libros de liñaxes ou crónicas producíronse grazas a el.

Contidos da Arte de Trovar

editar

Análise do texto

editar

A primeira parte (desde o capítulo IV até o capítulo IX) é unha definición e diferenciación da tipoloxía das cantigas. Será desenvolta máis por extenso xa que é da que existen variados estudos dos investigadores literarios.  A segunda sección, que conforman os capítulos I a VI, presenta unha exposición da métrica e de figuras retóricas. Alén disto, na terceira parte (capítulos I a VI) expóñense o tempo das cantigas, sendo estes referencia ao pasado, presente ou futuro e tamén os tipos da rima. Por último, a cuarta parte abarca os capítulos I a III e explica os erros ortográficos recorrentes dentro das cantigas.

 
Páxina do CBN

Análise da descrición tipolóxica

editar

Capítulo IV

« E porque algũas cantigas i há em que falam eles e elas outrossi, por en é bem de entenderdes se som d'amor, se d'amigo: porque sabede que, se eles falam na prim[eir]a cobra e elas na outra, [é d']amor, porque se move a razom dele, como vos ante dissemos; e se elas falam na primeira cobra, é outrossi d'amigo; e se ambos falam em ũa cobra, outrossi é segundo qual deles fala na cobra primeiro. » [4]

O primeiro compendio de capítulos é o máis importante debido a que neles se presenta a definición e a caracterización dos tipos de cantigas profanas, polo tanto é de grande axuda para a diferenciación temática. O Capítulo IV mostrado arriba é o primeiro que conservamos e explica a maneira de diferenciar unha cantiga de amigo dunha de amor. A Arte de Trovar distingue entre cantiga de amor e de amigo dependendo de que voz lírica fale primeiro: se a voz masculina fala primeiro será de amor, porque a cantiga “móvese a razón del”; se a voz feminina fala primeiro será de amigo.[5]

Capítulo V

« Cantigas d'escarneo som aquelas que os trobadores fazem querendo dizer mal d'alguém em elas, e dizem-lho per palavras cobertas que hajam dous entendimentos, pera lhe-lo nom entenderem [...] ligeiramente; e estas palavras chamam os clérigos hequivocatio. E estas cantigas se podem fazer outrossi de meestria ou de refram.

E pero que alguns dizem que há i algũas cantigas de joguete d'arteiro, estas nom som mais ca d'escarnho, nem ham outro entendimento. Pero er dizem que outras há i de risabelha, estas ou seram d'escarnho ou de maldizer; e chamam-lhes assi porque riim ende a vezes os homens, mais nom som cousas em que sabedoria nem outro bem haja. »[4]

Capítulo VI

« Cantigas de maldizer som aquela[s] que fazem os trobadores [...] descobertamente e [em] elas entram palavras e[m] que querem dizer mal e nom haver[am] outro entendimento senom aquel que querem dizer chaam[ente]. E outrossi as todas fazem dizer [… »

O segundo e o terceiro capítulo que se conserva definen as cantigas de escarnio e de maldizer. Ambos os dous tipos teñen por obxectivo satirizar a alguén ou falar de temas tabús como o erotismo. Diferéncianse porque a cantiga de escarnio emprega a equivocatio, un recurso retórico que emprega a ironía para non ter que ser explícito e que haxa un dobre significado e que a cantiga non sexa ofensiva nunha primeira lectura superficial. Mentres, as cantigas de maldizer son abertamente ofensivas e explícitas.

Para rematar os Capítulos VII, VIII e IX definen outros xéneros líricos. As tenzóns, que son cantigas dialogadas entre dous trobadores que sempre deben ter cobras de mestría; as ‘de vilãos’; e as ‘de seguir’.

  1. Tavani (1999)
  2. "Cancionero da Biclioteca Nacional". Biblioteca Nacional Digital. Consultado o 02-04-2019. 
  3. 3,0 3,1 Pena (2002)
  4. 4,0 4,1 "Arte de Trovar". cantigas.fcsh.unl.pt (en portugués e inglés). Consultado o 2019-03-31. 
  5. Tavani (1986)

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Pena, Xosé Ramón (2002). Historia da literatura medieval galego portuguesa. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. ISBN 84-7824-399-2. 
  • Tavani, Giuseppe (1986). A poesía lírica galego-portuguesa. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-561-6. 
  • Tavani, Giuseppe (1999). Arte de Trovar do Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa. Introdução, edição crítica e fac-símile (en portugués). Lisboa: Edições Colibri. ISBN 972-772-099-4. 

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar