Arco da vella
O arco da vella, arco iris ou contrasol é un efecto óptico que consiste na aparición no ceo dun arco con bandas de cores, desde o vermello até o violeta, cubrindo todo o espectro visíbel de luz, e que se produce como resultado da presenza simultánea da luz directa do sol e máis da chuvia.
A explicación deste meteoro atópase na dispersión cromática que provocan as pingas de auga condensada presentes no aire, descompoñendo os raios policromáticos procedentes do sol, e desviando o raio correspondente a cada cor cun ángulo diferente. Isto á vez débese á dependencia que exhibe o índice de refracción da auga respecto da frecuencia, longura de onda ou cor da luz, resultando en diferentes ángulos de refracción para as diferentes cores.
Como se pode ver no esquema seguinte, o arco da vella é unha ilusión óptica no senso de que a imaxe que resulta da descomposición espectral, fórmase na zona onde se sitúa o observador. Se un fai a proba e acode ao lugar onde semella repousar a parte vermella do arco da vella, non vai atopar luz vermella, só as pingas e a luz case aínda sen descompoñer.
Outro fenómeno asociado a este é o arco da vella secundario, que aparece a 50-53 graos respecto do primario (o habitual) e cuxa característica máis rechamante é presentar as cores na orde inversa a este. É debido á luz que sofre unha reflexión adicional antes de saír da pinga de auga (pódese ilustrar trazando os raios na pinga da figura de enriba ou nun prisma se se prefire). Só é visíbel cando o primario é moi intenso, senón a luz que sofre esta reflexión é escasa e non se percibe.
Visibilidade
editarOs arcos da vella pódense observan sempre que haxa pingas de auga no aire e a luz solar veña por atrás do observador nunha baixa altura. Os arcos da vella máis espectaculares aparecen cando a metade do ceo está aínda escuro polas nubes de chuvia e o observador está situado nun punto co ceo claro na dirección do sol, o resultado é un arco da vella luminoso que contrasta co fondo escuro.
O efecto do arco da vella tamén se ve frecuentemente preto de fervenzas ou fontes. Ademais, o efecto pódese crear artificialmente dispersando pingas de auga no aire nun día de calor. Os arcos da vella lunares son raros pero ás veces pódense observar en noites de lúa chea aínda que con cores máis tenues, xa que a percepción visual dos humanos para as cores é pobre con pouca luz e xa que logo os arcos da vella lunares percíbense como brancos[1].
O arco da vella na cultura popular galega
editarXa aparece citado na Biblia, como representación da paz que Deus mandou ós homes, e xa en Roma contaban que bebía a auga dos ríos e dos mares, crenza que Eladio Rodríguez di que se mantiña na Galicia do século XX e que defendera o padre Sobreira.
Crese tamén que a tal vella utilizaba o arco para baixar á terra para levarse algún meniño o unha moza, de onde vén a cantiga popular para defenderse: Arco da vella, vaite de aí, que as nenas bonitas non son pra ti.
Finalmente, outra crenza popular relacionada co arco da vella é a existencia dun tesouro agochado alí onde o arco toca a terra.
Constantino García recolleu tamén as variantes arco de vella, arco das vellas, arco de vellas e arco das bruxas. Cando o arco da vella é de maior tamaño denomínano arco das mozas ou arco das novas; e cando é dobre, o de cores máis tenues chámase arco novo.
Outras variantes son: arco de lúas, arco do ceo, arco do trono, circo da vella, gancho da vella, marco da vella, marco das vellas, risco da vella, seña da auga, a ponte coloreada e as sete colores.
Refraneiro
editar- Arco da vella a levante, fala ós bois para adiante.
- Arco da vella, auga na terra.
- Arco da vella, nin chove nin neva
- Arco da vella no levante, fala ós bois pra diante.
- Arco da vella ó anoitecer, bo tempo ó amañecer.
- Arco da vella ó levante, anda cos bois para adiante.
- Arco da vella ó mediodía, chuvia pra todo o día.
- Arco da vella ó poñente, antepón os bois e vente.
- Arco da vella ó poñente, ceiba os bois e vente.
- Arco da vella ó poñente, colle os bois e vente.
- Arco da vella ó poñente, mariñeiro ¡alerta!
- Arco da vella ó poñente, mariñeiro en pé.
- Arco da vella ó poñente, recolle os bois e vente.
- Arco da vella ó poñente, saca os bois e vente.
- Arco da vella ó poñente, solta os bois e vente.
- Arco da vella ó radiante, dálle ós bois para diante.
- Arco da vella ó raiante, ¡ei, boi! ¡ei!, pra adiante.
- Arco da vella ó raiante, afala os bois para diante.
- Arco da vella ó raiante, fala ós bois e vente.
- Arco da vella ó raínte, anda boi pra diante.
- Arco de vella ó poñente, pícalle ós bois e vente.
Cantigueiro
editar- Arco da vella,/ vaite de aí,/ que as mozas de agora/ non son para ti.
- Arco da vella,/ vaite de aí, que as nenas bonitas non son pra ti.
- Arco da vella,/ vaite de aí,/ que andan os porcos/ a fosar en ti.
- Arco da vella,/ revolve na terra. / Col dido monín,/ que non chova por min./ Col dido polgar,/ que chova nel mar.
Notas
editar- ↑ Walklet, Keith S. (2006). The Ansel Adams Gallery, ed. "Lunar Rainbows – When to View and How to Photograph a "Moonbow"". Arquivado dende o orixinal o 25 de maio de 2007. Consultado o 8 de abril de 2014.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Arco da vella |
Bibliografía
editar- ALONSO MONTERO, X.: Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada s. v. Arco da vella.
- GARCÍA GONZÁLEZ, C. (1985): Glosario de voces galegas de hoxe. Anexo 27 de Verba. Anuario Galego de Filoloxía. Universidade de Santiago de Compostela.
- GONZÁLEZ PÉREZ, C. (1987): O refraneiro do mar. Deputación de Pontevedra.
- PALLARÉS LÓPEZ, M.-R. (1990): Vocabulario do Concello de Paradela (Lugo). Deputación de Lugo.
- PEDRO DE MERILLE (1994): Refraneiro agrícola- meteorológico (ed. facsímile). Betanzos, Asociación Cultural Eira Vella.
- RIVAS QUINTAS, E. (1978): Frampas. Contribución al Diccionario Gallego. Salamanca, Ed. Ceme.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, E. (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Vigo, Ed. Galaxia.
- SESTO LÓPEZ, X. (1976): Refraneiro da muller. Vigo, Ed. Castrelos (Colección O Moucho nº 49).
- VÁZQUEZ SACO, F. (2003): "Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 5.