Anser

xénero de aves

Anser é un xénero de aves anseriformes da familia dos anátidos e subfamilia dos anserinos coñecidos vulgarmente como gansos (aínda que hai outros gansos que pertencen a outros xéneros, como o ganso de Exipto, do xénero Alopochen, e varias especies do xénero Branta).

De dúas das súas especies, Anser anser e Anser cygnoides, derivan varias razas domésticas.

EspeciesEditar

O xénero Anser inclúe, segundo Peterson, 11 especies e diversas subespecies:[2]

Pero outros autores consideran só as sete primeiras arriba indicadas,[3] mentres que as tres últimas considéranas como pertencentes ao xénero Chen, e non consideran como especie a Anser serrirostris Swinhoe, 1871, que sería unha subespecie de Anser fabalis.[4]

Gansos domésticosEditar

 
Ganso doméstico.
 
Grupo de gansos domésticos, un deles un ganso de Guinea, e os outros, híbridos.

A domesticación dos gansos data da antigüidade. Hai evidencias arqueolóxicas de que tal proceso comezou no Antigo Exipto hai uns 5 000 anos.[5]

Os gansos domésticos de hoxe día descenden todos de dúas especies: as razas do oeste de Europa, do ganso bravo (Anser anser), e as razas asiáticas do ganso cisnoide ou ganso chinés (Anser cygnoides).

Estes dous parentes salvaxes dos gansos domésticos son orixinarios das zonas temperadas do hemisferio norte. O ganso bravo, o máis meridional dos gansos que se reproducen en Europa, conservouse polo ser humano desde a época do neolítico. É o antepasado da maior parte das razas europeas de gansos.

O ganso cisnoide é orixinario de China e Mongolia. A pesar que foi domesticado hai uns 3 000 anos, en estado salvaxe segue a ser unha das especies de aves acuáticas subárticas menos estudadas.

A diferenza das galiñas, os gansos teñen a gran vantaxe de poderen ser criados unicamente a partir de proteínas procedentes das herbas. Os gansos teñen tendencia a consumir máis alimento do que necesitan, tendencia que foi explotada durante longo tempo tanto para a súa engorda como para facelos demasiado pesados para voaren.

Debido a que os gansos domesticados se reproducen libremente cos individuos salvaxes cando se encontran, a domesticación non resultou na creación de razas diferenciadas.[6]

O ganso chinés pode ser facilmente distinguíbel do europeo pola presenza dunha protuberancia na base do peteiro, aínda que os híbridos entre ambas as especies poden presentar unha gradación para a presenza e o tamaño da protuberancia.[7]

Os gansos domésticos foron seleccionados para ter un maior tamaño corporal que os seus parentes silvestres. Así, o ganso doméstico pode pesar até 10 kg, mentres que os silvestres chegan só até os 3,5 ou 4,1 kg, segundo as especies.[8] Este incremento no tamaño corporal afectou tamén á estrutura xeral do corpo, de modo tal que mentres que os gansos salvaxes teñen unha postura horizontal do tronco e o extremo posterior delgado, os gansos domésticos —ao depositaren gran cantidade de graxa cara á cola— presentan un extremo posterior máis gordo e pesado, o que os obriga a ter unha postura máis vertical. Ademais, esta característica tamén impide que os gansos domésticos poidan voar.[8]

Durante a domesticación tamén foron seleccionados para que incrementaran a súa fecundidade. De feito, as femias dos gansos domésticos poñen até 160 ovos por ano, mentres que as especies de ganso silvestre só poñen de 5 a 12.[5][8]

Os cambios na cor da plumaxe, porén, foron variábeis. Algúns foron seleccionados para perder os tons castaño escuro característicos ds ave silvestre, o que deu como resultado animais completamente cubertos de plumas brancas (como o da fotografía arriba). Outros reteñen unha cor da plumaxe similar á das especies orixinais, como o ganso de Tolousse.[5]

Comparación entre os gansos silvestres e os domésticos
Anser cygnoides Anser anser
Ganso salvaxe Ganso chinés Ganso salvaxe Ganso doméstico
       
Postura horizontal
coa parte posterior delgada
Postura vertical
coa parte posterior grosa
e unha carúncula na base do bico
Tronco menos fino, e coxas grosas

NotasEditar

  1. SIIT
  2. Peterson, A. P. Zoonomen. Zoological Nomenclature Resource - Anseriformes
  3. xénero Chen Boie, 1822 en SIIT (en inglés)
  4. Anseriformes Arquivado 15 de outubro de 2013 en Wayback Machine. en IOC World Bird List.
  5. 5,0 5,1 5,2 Hugo, S. (sen data): Geese: the underestimated species. FAO.
  6. Beate D. Scherf (ed.) (1997): Aves. Lista Mundial de Vigilancia para la Diversidad de los Animales Domésticos. (2ª ed.). FAO.
  7. Buckland, R. & Guy, G. (2002): Goose Production. Chapter 1: Origins and Breeds of Domestic Geese. FAO.
  8. 8,0 8,1 8,2 Carboneras, C., del Hoyo, J., Elliott, A., & Sargatal, J., eds. Handbook of Birds of the World Vol. 1: 581. Lynx Edicions, Barcelona. ISBN 84-87334-10-5

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Carboneras, Carles; del Hoyo, Josep; Elliot, Andrew & Sargatal, Jordi (1992): Family Anatidae (Ducks, Geese and Swans) Handbook of the Birds of the World. Volume 1. Barcelona (España):Lynx Edicions. ISBN 84-87334-10-5.

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar