An Inconvenient Truth

filme de 2006 dirixido por Davis Guggenheim

Unha verdade incómoda (An Inconvenient Truth) é un documental sobre o cambio climático centrado especificamente no quecemento global. Baséase principalmente nunha exposición multimedia que Al Gore foi desenvolvendo ao longo de varios anos como parte dunha campaña de educación sobre o quecemento global.

Temperatura terrestre nos últimos 2000 anos

O documental foi publicado en DVD por Paramount Home Entertainment o 21 de novembro do 2006 en Estados Unidos.

Resumo

editar
 
Al Gore é o relator do documental

O documental explora a información e as predicións relativas ao cambio climático entrelazados con experiencias do propio Al Gore. Por medio das notas e exposicións que presentou por todo o mundo, Al Gore revisa a evidencia científica do quecemento global, discute os seus aspectos políticos e económicos e describe as consecuencias que cre que o cambio climático global provocará se os gases de efecto invernadoiro producidos polo ser humano non son drasticamente reducidos nun período de tempo moi curto. Tamén se intenta concienciar a humanidade dos perigos que isto causa mediante a exposición de impactantes vídeos que mostran o que sucederá.

Base científica

editar
 
Perda da plataforma de xeo Larsen B na Antártida. Esta plataforma de xeo tiña unha área equivalente á do estado americano de Rhode Island.
Artigo principal: Quecemento global.

A base da argumentación de Al Gore é que o quecemento global é real e producido pola actividade do ser humano durante moitos anos. Esta argumentación está sostida por investigacións actuais.

Al Gore expón información específica que afirma a tese do seu documental, por exemplo:

  • Móstrase o retroceso de numerosos glaciares mediante fotografías tomadas ao longo de varios anos (ver Retroceso dos glaciares desde 1850)
  • Un estudo de investigadores do Instituto de Física da Universidade de Berna e o EPICA[1] que mostra datos do núcleo do xeo da Antártida que amosa concentracións de dióxido de carbono máis altos na actualidade que durante os pasados 650.000 anos.[2]
  • Unha investigación do Dr. Naomi Oreskes en 2004 consistente en 928 artigos científicos sobre o cambio climático global publicados entre 1993 e 2003. A investigación, publicada na revista Science, demostraba que cada artigo ou ben culpaba do quecemento global a acción do ser humano ou ben non comentaba nada.[3]

A Associated Press contactou con máis de 100 prestixiosos climatólogos e preguntoulles sobre a veracidade do documental. Debido a que o documental aínda non fora publicado amplamente, moitos destes investigadores non o viran nin leran o libro, pero os 19 científicos que xa o fixeran dixeron que Al Gore interpretara correctamente as ideas científicas.[4] O comité de medioambiente e traballos públicos do Senado dos Estados Unidos, presidido polo senador Jim Inhofe, un escéptico sobre o quecemento global que recibiu máis dun millón de dólares das compañías de petróleo e gas en 2002, convocou unha conferencia de prensa criticando este artigo.[5] A afirmación de Inhofe que di que "o quecemento global é o maior hoax que nunca se perpetrou contra o pobo dos Estados Unidos" aparece no documental.

Solucións que se propoñen

editar
 
Algunhas causas do cambio climático: petróleo, carbón, gas natural e cemento

Al Gore ofrece 14 consellos para reducir o cambio climático:

  • Cambiar as lámpadas tradicionais por lámpadas compactas fluorescentes (CFL). A CFL consomen un 60% menos de electricidade ca unha lámpada tradicional, de maneira que este simple cambio reducirá a emisión de 140 quilos de dióxido de carbono ao ano.
  • Pór o termóstato a dous graos menos no inverno e dous graos máis no verán. Se se axustan a calefacción e o ar acondicionado, poderíanse aforrar uns 900 quilos de dióxido de carbono ao ano.
  • Usar menos auga quente. Pódese usar menos auga quente instalando unha ducha de baixa presión e lavando a roupa con auga morna ou fría.
  • Empregar un tendal en troques da secadora da roupa. Se se seca a roupa ao ar libre a metade do ano, redúcese en 320 quilos a emisión de dióxido de carbono ao ano.
  • Mercar produtos de papel reciclado. A fabricación de papel reciclado consome entre 70% e 90% menos de enerxía e evita que continúe a deforestación mundial.
  • Mercar alimentos frescos. Producir comida conxelada consome 10 veces máis enerxía.
  • Mercar alimentos orgánicos. Os cultivos orgánicos absorben e almacenan moito máis dióxido de carbono que os cultivos "convencionais".
  • Evitar mercar produtos que veñan en envases pesados. Se se reduce nun 10% o lixo persoal, pódense aforrar 540 quilos de dióxido de carbono ao ano.
  • Reciclar, pódense aforrar até 1000 quilos de residuos nun ano reciclando a metade dos residuos dunha familia.
  • Elixir un automóbil de menor consumo. Ao mercar un automóbil novo pode aforrar 1.360 quilos de dióxido de carbono ao ano se este rende dous quilómetros por litro de gasolina máis que o outro. É preferíbel que merque un automóbil híbrido.
  • Usar menos o auto. Prefira camiñar, andar en bicicleta, compartir o automóbil e usar o transporte público. Reducindo o uso do automóbil en 15 quilómetros semanais evita emitir 230 quilos de dióxido de carbono ao ano.
  • Revisar semanalmente os pneumáticos. Inflar correctamente os pneumáticos mellora a taxa de consumo de combustíbel en máis do 3%. Cada litro de gasolina aforrado evita a emisión de tres quilos de dióxido de carbono.
  • Plantar árbores. Unha hectárea de árbores elimina, ao longo dun ano, a mesma cantidade de dióxido de carbono que producen catro familias nese mesmo tempo. Unha soa árbore elimina unha tonelada de dióxido de carbono ao longo da súa vida. A sombra dunha árbore sobre unha casa pode aforrar até un 30% en custos de refrixeración.
  • Pedirlle á compañía eléctrica que cambien a enerxía renovábel (enerxía verde). Se din que non a teñen, preguntar por que motivo non a teñen e, no seu caso, elixir outra compañía.

Premios

editar
Ano Categoría Candidato Resultado
2006 Mellor Documental Unha verdade incómoda Gañadora
2006 Mellor Canción Orixinal I Need to Wake Up de Melissa Etheridge Gañadora
  1. "EPICA". Arquivado dende o orixinal o 19 de febreiro de 2007. Consultado o 19 de febreiro de 2007. 
  2. Spahni, Renato; coauthores: Chappellaz, Jérôme; et al., Atmospheric Methane and Nitrous Oxide of the Late Pleistocene from Antarctic Ice Cores (abstract), Revista Science, 2005, 25 de novembro, nº 310, páx. 1317-1321 www.sciencemag.org data de acceso:18-03-2007
  3. Oreskes, Naomi, Beyond the Ivory Tower: The Scientific Consensus on Climate Change, Revista Science nº 306, 2004, 3 de decembro, 1686 páxinas. www.sciencemag.org Data de acceso:18-03-2007
  4. Borenstein, Seth (27 de xuño de 2006). The Washington Post, ed. "Scientists OK Gore's Movie for Accuracy". Consultado o 18-03-2007. 
  5. U.S. Senate Committee on Environment and Public Works, ed. (27 de junio de 2006). "AP Incorrectly Claims Scientists Praise Gore’s Movie". Arquivado dende o orixinal o 23-03-2017. Consultado o 18-03-2007. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar