Ambosores
Ambosores | |
---|---|
Igrexa parroquial de Santa María no lugar da Igrexa. | |
Diocese: | Mondoñedo-Ferrol |
Arciprestado | Viveiro |
Área: | 8 km² |
Poboación: | 22 hab. (2014) |
Densidade: | 2.75 hab./km² |
Entidades de poboación: | 24 |
Santa María de Ambosores é unha parroquia eclesiástica pertencente ao arciprestado de Viveiro e á diocese de Mondoñedo-Ferrol, e que ten as súas terras e os seus lugares repartidos entre catro concellos de dúas provincias: Muras e Ourol da Lugo, e Mañón e As Pontes de García Rodríguez da Coruña[1]. Segundo o IGE, no ano 2014 tiña 22 habitantes (14 homes e 8 mulleres)[2].
Os 24 lugares da parroquia, moitos deles despoboados, son: Ameixeiras, Couce dos Mouros, O Mouriscón, Pena do Mouriscón, O Rego e Santar de Baixo no concello de Muras. Ambosores, Baroso, A Beira da Fraga, O Cabezón, A Carcallosa, A Cereixiña, Entrambosores, A Ferraxosa, A Fraga Chá, A Igrexa, O Outeiro, A Ribeira da Señora, Santar e Toxoso no concello de Ourol. Ambosores e A Ribeira do Bispo no concello de Mañón. E finalmente A Casanova e Niño do Azor no concello das Pontes. Os catro lugares que se achan na provincia da Coruña están despoboados[3], polo que se pode considerar que a parroquia se estende só polos dous concellos da provincia de Lugo.
Etimoloxía
editarO nome da parroquia fai referencia aos dous ríos que se unen para formar o río Sor: o río Tras da Serra que nace no concello das Pontes e o de Santar que nace en terras de Muras. O primeiro deles fai de fronteira natural entre as provincias da Coruña e Lugo pouco despois do seu nacemento, e o segundo atravesa a parroquia de leste a oeste facendo tamén de fronteira natural entre os concellos de Muras e Ourol. Logo da unión, o río Sor segue sendo a fronteira natural das dúas provincias ata a súa desembocadura na ría do Barqueiro[3].
Historia
editarA parroquia foi creada en 1895 dunha segregación da parroquia de San Pantaleón de Cabanas[1].
Patrimonio
editar- Igrexa parroquial: Situada no lugar da Igrexa (Ambosores, Ourol). Data do ano 1906 e ten planta de cruz latina[1][3].
- Cruceiro: Está na entrada ao cemiterio e é unha doazón de Luis Castelo e Cayetana Otero no ano 1908, segundo unha inscrición na base[3].
- Fonte lustral de Santa Lucía, preto da igrexa[1].
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Diocese de Mondoñedo-Ferrol (ed.). "Ambosores, Santa María" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2018. Consultado o 5 de setembro de 2015.
- ↑ Instituto Galego de Estatística (ed.). "Nomenclátor de Galicia. Busca por entidades". Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2021. Consultado o 29 de abril de 2021.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Asociación informática Amigus, ed. (14/5/2013). "Ambosores celebrou, despois de case vinte anos, as súas festas patronais da Ascensión.". Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2019. Consultado o 5 de setembro de 2015.