A amanita branca[1] (Amanita ovoidea) é un cogomelo que adoita medrar nos terreos calcarios en toda clase de bosques e bordos destes. É unha especie de fungo presente en Galiza.

Morfoloxía editar

 
Exemplares vellos de amanita branca

Tipicamente presenta unha tona fariñenta. Por iso en lingua catalá coñéceselle coma farinera. Esta fariña cobre as marxes do chapeu e a superficie do pé, e está formada por millóns de esporas abrancazadas (de aí o nome galego) e restos do veo universal. Esta borralla despréndese de xeito doado, emporcando as mans de branco cando se toca. Primordio: en forma de ovo, redondo pola parte superior e cuberto dun groso veo universal de 1 mm.

Chapeu: de 10 a 20 cm. de diámetro, primeiro hemiesférico e despois aberto, de cor branca, con cutícula brillante, separábel, normalmente lisa mais algunhas veces con restos do veo universal en forma de escamas planas e irregulares. Marxe ceiba, grosa, fariñenta e floconosa.

Himenio: cubrindo a parte inferior do chapeu, formado por lamelas brancas, desiguais, serradas e achegadas.

: groso, de 10-20 x 2-4 cm., rexo, cilíndrico, un pouco bulboso na base, de cor branca, floconoso.

Anel: feble, pouco consistente, fariñento e de cor branca.

Volva: ampla, alta, membranosa, que persiste nos exemplares adultos, de cor branca a branca amarelenta.

Carne: consistente, de cor branca, de cheiro e sabor a fariña.

Esporas: numerosas formando unha especie de masa fariñenta que cobre a marxe do chapeu e o pé, con esporas elípticas, de cor branca en masa e de 10 x 7 micrómetros.

Hábitat editar

Terreos calcarios, en aciñeirais, piñeirais, marxes dos bosques e beirís dos camiños.

Risco de confusión con outras especies de cogomelos editar

Pódese confundir coa Amanita proxima, especie considerada tóxica, moi semellante á A. ovoidea pero máis miúda, co anel bastante persistente e estriado e a volva dunha marcada cor ocre.

Comestibilidade editar

É comestíbel mais é considera de baixa calidade gastronómica, non se recomenda o consumo para evitar confusións coa Amanita proxima ou co pan da morte (Amanita phalloides).

Notas editar

  1. Nome vulgar galego en Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C) A Coruña, Deputación da Coruña, 2000

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar