Albatros viaxeiro

ave mariña
Albatros viaxeiro
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Procellariiformes
Familia: Diomedeidae
Xénero: Diomedea
Especie: Diomedea exulans
Linnaeus, 1758[2]
Subespecies

Diomedea exulans exulans(Linnaeus, 1758)[2]
Diomedea exulans gibsoni

O albatros viaxeiro (Diomedea exulans) é unha grande ave mariña da familia Diomedeidae, que ten unha distribución habitual circumpolar nos océanos do sur.[3] Foi a primeira especie de albatros que se describiu, e durante longo tempo foi considerada a mesma especie que o Diomedea dabbenena (da illa Tristan da Cunha) e o Diomedea antipodensis. Porén, algúns autores aínda consideran que son todos subespecies da mesma especie.[4] A SACC xa propuxo a división da especie,[5] e BirdLife International xa a dividiu. Xunto co Diomedea amsterdamensis forma o complexo de especies do albatros viaxeiro. O albatros viaxeiro é unha das dúas especies de maior tamaño do xénero Diomedea, similar en tamaño a Diomedea epomophora. É un dos maiores paxaros do mundo, e unha das aves mellor coñecidas e estudadas. Tamén é a ave cunha área de distribución maior, debido ás súas longas viaxes oceánicas. Algúns individuos desta especie sábese que circunnavegan os océanos do sur tres veces nun ano, cubrindo unha distancia de máis de 120 000 km.[6]

Taxonomía editar

O albatros viaxeiro foi descrito co nome Diomedea exulans por Carl Linnaeus en 1758, baseándose nun espécime de cabo de Boa Esperanza.[3] O nome Diomedea procede do nome do heroe da mitoloxía grega Diomedes, cuxos compañeiros se transformaron en paxaros, e exulans ou exsul son palabras latinas que significan "exilio" ou "errante" facendo referencia ás súas grandes viaxes voando.[7] Hai dúas subespecies:

  • Diomedea exulans exulans
  • Diomedea exulans gibsoni (ás veces tratada como especie separada co nome Diomedea gibsoni por algunhas autoridades[8])

A subespecies gibsoni aniña nas illas Auckland.[9]

 
En voo.

Algúns expertos consideraron que había catro subespecies de D. exulans, que elevaron á categoría de especies, e usan o termo albatros viaxeiro ou errante para denominar un complexo de especies que inclúe as especies propostas: D. antipodensis, D. dabbenena, D. gibsoni e D. exulans.[10]

Descrición editar

 

Ten a envergadura de ás maior de todas as aves vivas, normalmente entre 2,51 a 3,5 m, cunha media de 3,1 m na colonia da illa dos Paxaros, Xeorxia do Sur e unha media de exactamente 3 m en 123 paxaros medidos na costa de Malabar, Nova Gales do Sur.[3][11][12] Nas illas Crozet, a media de envergadura alar dos adultos é de 3,05 m.[13] Os exemplares con ás máis grandes verificados medían 3,7 m.[12] Outros exemplares non verificados aínda máis grandes chegaban a 4,22 m e a 5,3 m.[12] Como resultado destas envergadras alares, poden permanecer no aire sen bater as ás durante varias horas seguidas (avanzan 22 m por cada metro que descenden).[14][15][16] A lonxitude do corpo é de entre 107 e 135 cm[11][17][18] e as femias son algo menores. Os adultos poden pesar desde 5,9 a 12,7 kg, aínda que a maioría pesan entre 6,35 e 11,91 kg.[3][12][19][20] Na illa Macquarie, tres machos pesaron como media 8,4 kg e tres femias 6,2 kg.[21] Na illa Crozet, os machos nun estudo pesaron como media 9,44 kg, mentres que as femias tiñan un peso medio de 7,84 kg.[13] Porén, 10 adultos dos que non se informou do sexo de Crozet pesaron como media 9,6 kg.[22] En Xeorxia do Sur, 52 machos pesaron de media 9,11 kg, mentres que 53 femias pesaron 7,27 kg.[23] Das aves inmaturas hai informes nos que pesan 16,1 kg durante os seus primeiros voos (momento no que poden aínda quedarlles reservas de graxa que irán perdendo a medida que continúen voando).[12] En Xeorxia do Sur, as crías emplumadas pesaban como media 10,9 kg.[24] Os albatros que non pertencen ao grupo do albatros viaxeiro (D. e. exulans) son máis pequenos pero considérase agora xeralmente que son de especies distintas.[23][25] A plumaxe varía coa idade; os individuos novos empezan sendo de cor marrón chocolate. A medida que aumenta a súa idade fanse máis brancos.[3] Os adultos teñen corpos brancos con ás negras e brancas. Os machos teñen ás máis brancas que as femias e só as puntas e bordos de arrastre das ás son negras. Tamén presentan unha mancha cor pexego esvaída nun lado da cabeza. O albatros viaxeiro é o máis branco do complexo de especies ao que pertence; as outras especies teñen máis cantidade de marrón e negro nas ás e corpo cando son adultos reprodutores, lembrando moito aos albatros viaxeiros inmaturos. O peteiro é grande e rosa, igual que os pés.[18] Teñen ademais unha glándula do sal situada sobre o conduto nasal que axuda a desalinizar os seus corpos, debido a que tragan moita auga de mar. Excreta unha solución moi salina polo nariz.[26]

Distribución e hábitat editar

Reprodúcese na illa de Xeorxia do Sur, illas Crozet, illas Kerguelen, illas Príncipe Eduardo e illa Macquarie, e foi observado alimentándose bastante ao norte, na costa da península de Kaikoura no leste da illa Sur de Nova Zelandia[27] e está distribuído por todos os océanos do sur desde 28° a 60° S.[1] Pasa a maior parte da súa vida voando, e só vai a terra para reproducirse e alimentarse. As distancias que viaxa cada ano son difíciles de medir, pero unha ave marcada foi rexistrada viaxando 6 000 km en doce días.

Poboación reprodutora e tendencias[18]
Lugar Poboación Data Tendencia
Illa de Xeorxia do Sur 1 553 parellas 2006 Diminuíndo un 4% ao ano
Illa Príncipe Eduardo 1 850 parellas 2003 Estable
Illa Marion 1 600 parellas 2008
Illas Crozet 2 000 parellas 1997 En declive
Illas Kerguelen 1 100 parellas 1997
Illa Macquarie 10 parellas 2006
Total 26 000 2007
 
Os albatros viaxeiros teñen a maior envergadura alar de todas as aves vivas.

Comportamento editar

Os albatros viaxeiros presentan unha ampla variedade de exhibicións de vocalizacións desde gritos e asubíos a gruñidos e golpeteos co peteiro.[3] Cando están cortexando estenden as ás, moven a cabeza, e danse golpiños cos peteiros mutuamente, mentres urran.[18] Poden vivir uns 50 anos.[28]

Reprodución editar

Estes albatros emparéllanse para toda a vida e reprodúcense cada dous anos. A reprodución ten lugar nas illas subantárticas e comeza a inicios de novembro. O niño é unha morea de lama e vexetación, e está situado nun saínte exposto preto do mar. Durante os estadios iniciais do desenvolvemento dos pitos, os proxenitores fan quendas nas que alternativamente un incuba e o outro sae a procurar comida. Posteriormente, ambos os adultos van pescar e visitan o pito en intervalos irregulares.

Alimentación editar

Aliméntanse pola noite[17] e comen cefalópodos, pequenos peixes, e crustáceos[3] e refugallos animais que flotan no mar, comendo en ocasións tan en exceso que son incapaces de voar e teñen que repousar indefensos nas augas. Tenden a seguir os barcos en busca dos refugallos que desbotan. Poden tamén mergullarse a pouca profundidade.

Reprodución editar

 
Ovo de Diomedea exulans no Museo de Tolosa

Reprodúcese un ano si e outro non.[17] Na época reprodutora ocupan colonias pouco densas en arquipélagos illados nos océanos do Sur. Poñen un ovo branco, cunhas poucas manchas e mide uns 10 cm de longo entre o 10 de decembro e o 5 de xaneiro. Os niños son como unha cunca grande de vexetación herbácea e turba do solo,[3] e ten 1 metro de diámetro na parte máis ancha e medio metro na menos ancha. A incubación ten lugar durante 11 semanas e interveñen ambos os proxenitores.[17] Son unha especie monógama, xeralmente de por vida. Os adolescentes regresan á colonia en seis anos; porén, non empezan a reproducirse ata que están entre os 11 e os 15 anos.[11] Un 31,5% das crías emplumadas sobreviven.[3]

 
Albatros viaxeiro na illa Xeorxia do Sur
Individuos engalando.

Relacións cos humanos editar

Os mariñeiros adoitaban capturar albatros para obter os seus longos ósos das ás, cos cales facían talos de pipas para fumar. Os primeiros exploradores dos océanos da rexión antártica alegrábanse da compañía dos albatros nas súas tristes soidades; e a mala sorte dos que cazaban coa súa bésta o "paxaro do bo agoiro" é familiar para os lectores de obras como The Rime of the Ancient Mariner (A rima do antigo mariñeiro) de Coleridge. A metáfora dun "albatros arredor do pescozo" tamén procede do poema e indica unha carga non desexada que causa ansiedade ou estorbo. Nos días da navegación a vela esta ave a miúdo acompañaba os barcos durante días, e non simplemente seguíndoo, senón dando voltas arredor e sen pousarse nunca na auga. Continuaban o seu voo, aparentemente sen cansarse, tanto en tempo tormentoso coma calmo.

O pobo maorí de Nova Zelandia usaba os albatros como alimento. Capturábanos con anzós para pescar.[29] Como os ósos das ás dos albatros eran lixeiros e á vez moi resistentes os maorí utilizábanos para fabricar diversos obxectos como o koauau (frautas),[30] agullas, coitelas dos instrumentos para tatuar,[31] e barbas para os anzós de pesca.[32]

Conservación editar

A IUCN considera este albatros como unha especie vulnerable.[1] A mortalidade dos adultos é do 5% ao 7,8% ao ano.[3] Teñen unha área de distribución de 64 700 000 km2, aínda que a súa zona de reprodución é de só 1 900 km2.

En 2007, estimábase que había uns 25 500 adultos, desglosados en 1 553 parellas na illa de Xeorxia do Sur, 1 850 parellas na illa de Príncipe Eduardo, 1 600 na illa Marion, 2 000 nas illas Crozet, 1 100 nas illas Kerguelen, e 12 na illa Macquarie cun total de 8 114 parellas reprodutoras. A poboación da illa Xeorxia do Sur está reducíndose un 1,8% ao ano. Os niveis de aves nas illas Príncipe Eduardo e Crozet parecían estar estabilizados, aínda que recentemente parecen estar diminuíndo.[18]

A maior ameaza para a súa supervivencia é a pesca de palangre; porén, a contaminación, principalmente por plásticos e anzós de pesca, tamén se cobran un tributo.

A Convención para a Conservación dos Recursos Vivos Mariños Antárticos introduciu medidas para reducir a pesca accidental (bycatch) de albatros arredor da illa de Xeorxia do Sur nun 99%, e outras comisións pesqueiras rexionais están tomando medidas similares para reducir a morte destes animais. As illas de Príncipe Eduardo son unha reserva natural, e as illas Macquarie son Patrimonio da Humanidade. Finalmente, grandes parte das illas Crozet e Kerguelen son unha reserva natural.[18]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 BirdLife International (2012). "Diomedea exulans". Lista Vermella da IUCN (IUCN) 2012: e.T22698305A38939569. doi:10.2305/IUCN.UK.2012-1.RLTS.T22698305A38939569.en. Consultado o 28 October 2015. 
  2. 2,0 2,1 Brand, S. (2008)
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 Robertson, C. J. R. (2003)
  4. Clements, J. (2007)
  5. Remsen Jr., J. V. (2009)
  6. Weimerskirch et al., 2015. Extreme variation in migration strategies between and within wandering albatross populations during their sabbatical year, and their fitness consequences. Scientific Reports Volume: 5 (8853)
  7. Gotch, A. F. (1995)
  8. "Gibson's Albatross (Diomedea gibsoni) Robertson & Warham, 1992". Avibase. Consultado o 25 January 2012. 
  9. "Gibson’s Albatross". Species Profile and Threats Database. Dept of Sustainability, Environment, Water, Population and Communities, Australia. 2012. Consultado o 2012-11-27. 
  10. Burg, T. M.; Croxall, J. P. (2004-08). "Global population structure and taxonomy of the wandering albatross species complex". Molecular Ecology 13 (8): 2345–2355. ISSN 0962-1083. PMID 15245406. doi:10.1111/j.1365-294X.2004.02232.x. 
  11. 11,0 11,1 11,2 Dunn, Jon, L. & Alderfer, Jonathan (2006)
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 Wood, Gerald (1983). The Guinness Book of Animal Facts and Feats. ISBN 978-0-85112-235-9. (require rexistro (?)). 
  13. 13,0 13,1 Shaffer, S. A.; Weimerskirch, H.; Costa, D. P. (2001). "Functional significance of sexual dimorphism in Wandering Albatrosses, Diomedea exulans". Functional Ecology 15 (2): 203–210. doi:10.1046/j.1365-2435.2001.00514.x. 
  14. Rattenborg, N. C. (2006)
  15. Weimerskirch, H. (2004)
  16. Richardson, M. (2002)
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 Harrison, C. & Greensmith, A. (1993)
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 18,5 BirdLife International (2008)
  19. [1] Arquivado 15 de febreiro de 2011 en Wayback Machine./
  20. "Encyclopedia of the Antarctic, v. 1 & v. 2. Beau Riffenburgh (Editor). Routledge, ISBN 978-0-415-97024-2.
  21. CRC Handbook of Avian Body Masses by John B. Dunning Jr. (Editor). CRC Press (1992), ISBN 978-0-8493-4258-5.
  22. Weimerskirch, H.; Shaffer, S. A.; Mabille, G.; Martin, J.; Boutard, O.; Rouanet, J. L. (2002). "Heart rate and energy expenditure of incubating wandering albatrosses: basal levels, natural variation, and the effects of human disturbance". Journal of Experimental Biology 205 (4): 475–483. 
  23. 23,0 23,1 CRC Handbook of Avian Body Masses, 2nd Edition by John B. Dunning Jr. (Editor). CRC Press (2008), ISBN 978-1-4200-6444-5.
  24. Xavier, J., Croxall, J., Trathan, P., & Rodhouse, P. (2003). Inter-annual variation in the cephalopod component of the diet of the wandering albatross, Diomedea exulans, breeding at Bird Island, South Georgia. Marine Biology, 142(3), 611-622.
  25. Burg, T. M.; Croxall, J. P. (2004). "Global population structure and taxonomy of the wandering albatross species complex". Molecular Ecology 13 (8): 2345–2355. PMID 15245406. doi:10.1111/j.1365-294x.2004.02232.x. 
  26. Ehrlich, Paul R. (1988)
  27. Shihirai 2002 p.90
  28. Is foraging efficiency a key parameter in aging? (2010)
  29. "Matau Toroa (Albatross hook)". Collections Online. Museum of New Zealand Te Papa Tongarewa. Consultado o 17 July 2010. 
  30. "Koauau (flute)". Collections Online. Museum of New Zealand Te Papa Tongarewa. Consultado o 17 July 2010. 
  31. "Uhi Ta Moko (tattooing instruments)". Collections Online. Museum of New Zealand Te Papa Tongarewa. Consultado o 17 July 2010. 
  32. "Matau (fish hook)". Collections Online. Museum of New Zealand Te Papa Tongarewa. Consultado o 17 July 2010. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar