Aferente é un adxectivo que significa centrípeto, que conduce cara ao centro, aplicado a nervios, arterias, veas e linfáticos.[1]

En Neuroloxía chámanse aferentes (do latín affere, “levar, alimentar”) a aquelas extensións de células nerviosas polas que flúen os sinais a unha determinada zona. As neuronas aferentes (tamén coñecidas como neuronas sensoriais ou receptoras) conducen os impulsos nerviosos da periferia (órgano receptor) ao centro. Este termo tamén se emprega para describir as conexións relativas entre estruturas. As neuronas aferentes comunícanse con interneuronas especializadas. A actividade de sentido oposto denomínase eferente.

Este termo xeral segundo a dirección do sinal pódese utilizar para diferentes estruturas en diferentes niveis:

  • A nivel celular, en relación co corpo da célula nerviosa, as dendritas denomínanse aferentes.
  • A nivel rexional, en relación a unha determinada rexión do cerebro, as vías de alimentación respectivas tamén se denominan aferentes, en contraste coas eferentes saíntes.
  • A nivel sistémico, relacionado co sistema nervioso central (SNC), as fibras nerviosas entrantes, a través das cales se reciben os sinais, denomínanse colectivamente fibras nerviosas aferentes ou só "aferentes" e distínguese entre somáticas e viscerais.


As aferentes somáticas (do grego soma "corpo") transmiten información da parede corporal e pertencen ao sistema nervioso somático. Aquí distínguese entre aferentes somáticas xerais (en inglés General Somatic Aferent, GSA) e aferentes somáticas especiais (SSA, do inglés Special Somatic Aferent). O GSA inclúe todas as vías da percepción háptica (sensación táctil, termocepción, percepción da dor, propiocepción), o SSA as vías do sentido da vista, o oído e o equilibrio.


As aferentes viscerais (do latín viscera "entrañas") son as do sistema nervioso vexetativo e transmiten información desde os órganos internos até o sistema nervioso central. Tamén aquí se distingue ás veces entre xeral (GVA) e especial (SVA). Os GVA conducen sensacións de dor, estímulos químicos e mecánicos desde os órganos ata o cerebro, os SVA conducen as percepcións do olfacto e do gusto.

Etimoloxía editar

O termo aferente deriva do participio latino aferentem ( af - = ad -: a + ferre : levar), que significa "levar". Ad e ex proporcionan unha regra mnemotécnica sinxela en inglés para lembrar os significados de "aferente" e "eferente": arrives (chega) e exits (sae). En galego, a regra podería manterse cos verbos antónimos arribar e exir.[2]

Aferentes ao SNC editar

A totalidade de todas as fibras nerviosas entran no sistema nervioso central desde a periferia e nesta dirección os sinais do SNC dos receptores ou dos órganos sensoriais tamén se denominan aferentes. Como as neuronas aferentes, as células nerviosas implicadas son cada unha parte dun sistema aferente, polo que as aferentes das primeiras neuronas aferentes dunha cadea de neuronas tamén se denominan aferentes primarias. Nalgunhas linguas distínguese con diferentes termos entre aferentes de non vertebrados, vertebrados e primates ou humanos.

Notas editar

  1. "Definición no DGTM, p. 20" (PDF). Dicionario galego de termos médicos. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10-11-2021. Consultado o 6-1-2022. 
  2. "Termo 'exir'". DdD. Consultado o 6-1-2022. 

 

Véxase tamén editar

  • Eferente
  • Centrípeta (neuroloxía)