O adopcionismo foi unha doutrina relixiosa segundo a cal Xesús Cristo era un simple ser humano, elevado a unha dignidade semellante á de Deus despois da súa morte, momento no que foi adoptado por Deus. O adopcionismo é propio do pensamento cristián primitivo. As súas orixes veñen da tradición xudía, no que o mesías era un ser humano elixido por Deus para elevar o pobo xudeu por riba do resto dos pobos, e da tradición grega na que existían heroes elevados á condición divina por medio da apoteose logo de extraordinarias fazañas. O adopcionismo foi condenado nos concilios de Nicea (325) e Calcedonia (381).

Rexurdiu a fins do século VIII na Península Ibérica e na Septimania con Elipando de Toledo e Fiz de Urgell. En 784, o arcebispo Elipando ditou unha profesión de fe durante un concilio celebrado en Sevilla co fin de condenar as doutrinas de Mixecio, que predicaba na Bética. Porén, esta profesión de fe deu lugar a unha controversia que tivo como defensores a Elipando de Toledo e ao bispo Fiz de Urgell e en contra a Beato de Liébana, Alcuíno de York, Bieito de Aniano, Paulino de Aquilea e, especialmente, a Carlomagno, quen utilizou o seu poder para afogar a desviación doutrinal e as súas intencións políticas.

O adopcionismo foi condenado por vez primeira no Concilio de Ratisbona, en 792. Fiz de Urgell foi feito abxurar en Roma despois do concilio. Sucedéronse máis condenas: No 794 no Concilio de Frankfurt, no 797 no Concilio de Cividale, no 798 no Concilio de Roma, sendo papas Hadrián I e León III; Alcuíno de York emprendeu unha campaña amigábel, Teodulfo e Leidrado viaxaron a Urgell en misión. Finalmente, Fiz e Alcuíno enfrontáronse perante a Corte de Aquisgrán en 799 e Fiz renunciou ás ideas adopcionistas, desaparecendo así a herexía, favorecido pola morte de Elipando.