Adelán, Alfoz

parroquia civil do concello de Alfoz

Santiago de Adelán é unha parroquia do concello de Alfoz. Tiña 333 habitantes repartidos en 2004. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 255 habitantes, sendo 116 homes e 139 mulleres.

Adelán
Igrexa de Santiago de Adelán.
ConcelloAlfoz[1]
ProvinciaLugo
Coordenadas43°31′00″N 7°23′49″O / 43.5166, -7.3969
Área16,08 km²
Poboación229 hab. (2019)
Densidade14,24 hab./km²
Entidades de poboación27[1]
editar datos en Wikidata ]

A superficie da parroquia é de 16,08 km². Limita coas parroquias do Castro de Ouro, Carballido, Mor e As Oiras, xunto cos concellos de Foz e Mondoñedo. Pertence ao arciprestado do Valadouro.

Monumentos

editar

A capela dos Remedios e de San Rosendo está situada na aldea do Coto. Ten unha soa nave, coa sancristía na parte posterior e con cuberta a dúas augas; arco alintelado na entrada e, culminando a fachada, unha pequena espadana dun van. No interior hai retablo con esculturas.

A igrexa parroquial de Santiago de Adelán é o froito dunha serie de intervencións ao longo dos séculos. Do século XII consérvanse algúns elementos, aínda que a parroquia xa existía no século VII (outras testemuñas din que hai documentos que tamén se refiren á parroquia de San Vicente de Lagoa do mesmo século) e hai autores que datan a portada no século X, pero o resto da construción é do século XVII. Ten tres naves separadas por arcos de medio punto e a sancristía situada detrás da cabeceira. A fachada principal conserva a portada románica, con arco de medio punto con dúas arquivoltas e columnas con capiteis figurativos; son curiosas as bases, que son en realidade capiteis invertidos, o que fai cavilar na reutilización de elementos arquitectónicos anteriores. Ten espadana de dous vans e consérvanse retablos no interior.

A torre de Adelán está situada no lugar da Igrexa, nas proximidades do templo parroquial, e é de propiedade privada. Axardinado e cercado, cun muro de pedra e a entrada cunha enmarcadura na porta dun arco. Posúe dous corpos: un cuadrangular con cuberta a catro augas e con solaina de pedra, e o outro constituído por diversas pezas ameadas que representan a Torre. Empregouse cantaría na torre e nunha fachada principal. A construción é sólida, perfectamente coidada e cun escudo da familia.

A casa do pazo de Adelán está tamén no lugar da Igrexa, e é de propiedade privada. Encóntrase nunha leira situada nunha zona chá e rodeada de suaves outeiros boscosos. Antes estaba amurallada e agora está dividida polas pistas rurais que a atravesan. A planta ten forma de L, formada por unha torre no ángulo e dous corpos engadidos. Está fabricada de cachotería de granito, ten un patín de pedra orientado ao poñente. Posúe unha torre de tres plantas.

A casa grande de Cadeirido, construída nunha zona da aldea do mesmo nome, tamén é unha propiedade privada non visitable. Ten frondosos bosques próximos e fermosas vistas sobre o val do Río de Ouro. Non está amurallada. Do antigo conxunto só queda a torre, case cadrada e de tres alturas, cos edificios engadidos máis baixos. Ten cuberta de lousa negra. Na súa construción empregouse cachotería de granito e cantaría nos esquinais, vans, cornixas etc. da Torre. O corpo engadido na zona nordeste presenta unha porta con arco cego de medio punto apoiado sobre zapatas e dúas grandes pedras cunha aguia e un año tallados.

O pazo da Escoura, de planta en escuadra con torre no ángulo, muros de cachotería e cuberta de laxas. Está formado por tres volumes: as dúas ás de dúas plantas e a torre de tres. Os novos volumes engadidos distorsionaron a imaxe do edificio orixinal. Na fachada posterior existe unha escaleiriña que daba acceso a unha galería.

O pazo de Basanta, construído no século XIV pola liñaxe dos Basanta, presenta planta cuadrangular, con dous edificios arrimados formando un conxunto entre o Pazo e a Torre. Está fabricado en perpiaño de granito e cuberto con lousa a catro augas. A torre, de tres plantas e base cadrada, está rematada, como o resto do pazo, cunha cornixa moldeada e saíntes ameados. Consérvase en bo estado, e mesmo hai quen testemuña que este pazo é coñecido como o pazo de Adelán.

Lugares e parroquias

editar

Lugares de Adelán

editar
Lugares da parroquia de Adelán no concello de Alfoz (Lugo)

Abeledo | Cadeirido | As Cales | A Camariña | A Cancela | Os Casás | Clavos | Corbite | O Coto | O Cristo | O Enxameado | Fachelas | A Fonte da Bestra | A Igrexa | A Lama | A Martilla | Os Novás | A Orden | Pías | O Pouso | Presa Boa | A Rebolada | A Rexedoira | Suasbarras | Torrillón | O Vilar | Vixín

Parroquias de Alfoz

editar
Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Alfoz

Adelán (Santiago) | Bacoi (Santa María) | Carballido (San Sebastián) | O Castro de Ouro (San Salvador) | Lagoa (San Vicente) | San Pedro de Mor (San Pedro) | As Oiras (San Mamede) | O Pereiro (Santa María) | O Reirado (Santa María)


Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar