Juan Carlos Valerón

futbolista español

Juan Carlos Valerón Santana, nado en Arguineguín (Gran Canaria) o 17 de xuño de 1975, é un exfutbolista e actual adestrador de fútbol español. Xogaba de mediapunta e foi internacional coa selección española. Xogador histórico do Deportivo da Coruña, no que militou durante trece tempadas, está considerado como un dos mellores futbolistas que pasaron polo club, e é o cuarto xogador con máis partidos oficiais na historia do equipo (422).

Juan Carlos Valerón
Información persoal
Nome Juan Carlos Valerón Santana
Nacemento 17 de xuño de 1975 (48 anos)
Lugar de nacemento Arguineguín
Altura 1,80 m.
Posición Mediapunta
Carreira xuvenil
1986–1993 Arguineguín
1993–1994 Las Palmas
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1992–1993 Arguineguín
1994–1995 Las Palmas Atlético 25 (7)
1995–1997 Las Palmas 55 (5)
1997–1998 Mallorca 36 (3)
1998–2000 Atlético de Madrid 65 (7)
2000–2013 Deportivo da Coruña 328 (24)
2013–2016 Las Palmas 82 (3)
Total 591 (49)
Selección nacional
1997–1998 España sub-21 4 (0)
1997 España sub-23 4 (0)
1998–2005 España 46 (5)
Adestrador
2017–2018 Las Palmas (infantís)
2017 Las Palmas (asistente)
2018 Las Palmas Atlético (asistente)
2019 Las Palmas Atlético (asistente)
2020–2021 Fabril
Na rede
FIFA: 183383 UEFA: 44116 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Iniciou a súa carreira no CD Arguineguín da súa vila natal, ingresando en idade xuvenil na canteira da UD Las Palmas. Pasou polo filial do club e en 1995 debutou co primeiro equipo na Segunda División B, logrando esa mesma tempada o ascenso á Segunda División. Despois de xogar unha tempada co equipo amarelo na categoría de prata foi fichado polo Mallorca, co que debutou na Primeira División, e alí foi peza clave dunha das mellores campañas da historia do club. A continuación xogou dous anos no Atlético de Madrid ata que este descendeu a Segunda, momento no que foi traspasado ao Deportivo da Coruña, que viña de se proclamar campión de liga.

Chegou á Coruña en principio como suplente de Djalminha, pero acabou por facerse coa titularidade e por converterse nun dos símbolos do equipo, que atravesaba unha das épocas máis gloriosas da súa historia. Gañou a Copa do Rei de 2002 no coñecido como Centenariazo, e disputou cinco anos a Liga de Campións, deixando destacadas actuacións polos estadios europeos.

A súa progresión cortouse no momento álxido da súa carreira, cunha grave lesión de xeonllo a comezos de 2006. Tres operacións cirúrxicas e varias recaídas mantivérono practicamente afastado dos terreos de xogo durante dous anos e non volveu á normalidade ata a tempada 2008/09. Continuou no club coruñés ata o ano 2013, vivindo dous descensos e un ascenso. A continuación regresou ao Las Palmas, onde xogou tres tempadas, logrando na segunda delas o ascenso á Primeira División.

Internacional coa selección española en 46 ocasións, disputou con esta dúas Eurocopas (2000 e 2004) e o Mundial de 2002. De destacada calidade técnica, cunha ampla visión de xogo e moi habilidoso no pase, foi un dos xogadores máis admirados e respectados do fútbol español, debido á súa actitude dentro e fóra do campo, ao seu xogo limpo e á súa deportividade, motivos polos que era aplaudido nos estadios rivais.

Traxectoria editar

Comezos editar

Naceu na localidade grancanaria de Arguineguín, no seo dunha familia con profundas crenzas evanxélicas,[1] sendo o último dos seis fillos do matrimonio formado por Adán Valerón e Prudencia Santana.[2][3] Quedou orfo de pai durante a súa adolescencia, vivindo dende entón a familia en precarias condicións económicas.[3]

Empezou xogando ao fútbol no Arguineguín da súa vila natal, dende as categorías inferiores ata o primeiro equipo, que militaba na Terceira División e ao que subiu na tempada 1992/93.[3] A pesar do seu pouco físico, que lle valeu o alcume de "El Flaco" ("O Fraco"), axiña comezou a destacar no equipo adestrado por Juan Manuel Rodríguez, grazas á súa habilidosa técnica e ao seu talento.[4][3]

Las Palmas (1ª etapa) editar

O 28 de agosto de 1993, con 18 anos, ingresou na Unión Deportiva Las Palmas, seguindo o camiño de seu irmán Miguel Ángel, que levaba varios anos no club.[5][6] Á súa chegada xogou no equipo xuvenil da División de Honra, no que coincidiu con futbolistas como Manuel Pablo, Lampón, Ojeda, Marcelino, Jero ou Pedro Cruz.[7] Esa mesma tempada (1993/94) disputou os seus primeiros encontros co filial, o Las Palmas Atlético, que militaba na Terceira División.[8] Co Las Palmas Atlético proclamouse na seguinte tempada campión da Copa Federación, despois de gañar na final ao Balaguer.[9]

O 21 de setembro de 1995, con 20 anos, debutou co primeiro equipo, nun partido da Copa do Rei ante o Mensajero no estadio Silvestre Carrillo de Santa Cruz de La Palma. O adestrador canario Pacuco Rosales deulle entrada nos minutos finais como substituto de Paquito Ortiz.[8][4] A seguinte semana debutou na Segunda División B contra o Talavera, e poucas xornadas despois xa se afianzou no once titular, no que se mantivo durante durante a maior parte do resto da tempada, que culminou co equipo como campión e co ascenso á Segunda División. Marcou tres goles durante a campaña, os dous primeiros nun mesmo partido, a goleada por 6-0 fronte ao San Sebastián de los Reyes no estadio Insular.[10] En varios dos encontros coincidiu no campo con seu irmán Miguel Ángel.

Debutou na categoría de prata na primeira xornada da tempada 1996/97, saíndo de titular no empate sen goles ante o Almería no estadio Franco Navarro. O equipo rematou sétimo en liga e chegou ata as semifinais da Copa do Rei, onde caeu ante o FC Barcelona.[11] Valerón contribuíu cun total de 34 partidos e dous goles, o primeiro deles anotado na vitoria por 6-0 sobre o Atlético de Madrid B.

No verán de 1997 o club canario enfrontouse ao Lanús arxentino nun partido amigable no estadio Insular. A actuación de Valerón abraiou ao adestrador visitante, Héctor Cúper, que pouco despois se converteu no adestrador do Mallorca, e alí pediu a fichaxe do xogador.[6] O Mallorca realizoulle unha oferta a Valerón, e o futbolista, que tiña un dos salarios máis baixos do equipo, accedeu a continuar no Las Palmas se o club melloraba as súas condicións contractuais. A dirección do club non creu que existise realmente dita oferta do Mallorca e negouse a unha subida salarial. Así pois, o centrocampista decidiu aceptar o ofrecemento do club balear, que pagou os 300 millóns de pesetas da súa cláusula de rescisión.[6][12]

Mallorca editar

Debutou na Primeira División na primeira xornada da tempada 1997/98, na vitoria por 2-1 sobre o Valencia no estadio Lluís Sitjar, substituíndo no treito final do encontro a Vicente Engonga. Asentouse no once titular a partir da terceira xornada e sumou un total de 47 partidos ao longo da tempada, 41 deles saíndo dende o once inicial. O seu primeiro gol na máxima categoría anotouno na vitoria por 4-0 ante o Athletic Club, despois de canear a Alkorta, Roberto Ríos e ao gardameta Imanol Etxeberria, e pasou á historia como un dos mellores goles marcados por un xogador do Mallorca.[13][11]

Foi unha peza clave dun histórico equipo que acadou o quinto posto en liga e que logrou a clasificación para a final da Copa do Rei.[14] Foi titular na final de Mestalla ante o Barcelona de Louis van Gaal, formando medio do campo xunto a Mena, Engonga e Stanković. O Mallorca adiantouse nos primeiros minutos grazas a un gol de Stanković pero Rivaldo puxo o empate na segunda parte. O club balear conseguiu manter o empate no resto do partido e na prórroga, a pesar de sufrir dúas expulsións e de que o equipo catalán estaba formado por destacados xogadores internacionais como Figo, Luis Enrique ou Giovanni.[14] O encontro rematou na quenda de penaltis, onde finalmente se impuxo o Barça por 5-4.[14]

Atlético de Madrid editar

As súas destacadas actuacións en Mallorca propiciaron a súa fichaxe polo Atlético de Madrid, que pagou por el uns 2.000 millóns de pesetas.[12] Aínda que nun principio chegou ao club colchoeiro como suplente de Juninho,[1] acabou sorprendendo ao adestrador Arrigo Sacchi e converténdose nun fixo das aliñacións titulares.[15] Na súa primeira tempada debutou en competición europea, nun encontro da Copa da UEFA ante o Obilić, e acadou as semifinais, onde caeu ante un Parma no que destacaban futbolistas como Buffon, Thuram, Verón, Dino Baggio e Chiesa.[16] Xogou ademais a súa segunda final da Copa do Rei consecutiva, de novo como titular, perdendo desta vez contra o Valencia de Claudio Ranieri.[17]

Na 1999/00 o equipo madrileño completou unha mala campaña en liga e acabou descendendo á Segunda División. As cousas foron mellor na Copa do Rei, na que o Atlético volveu acadar a final. Enfrontouse ao Espanyol en Mestalla, na que foi a terceira final consecutiva para Valerón, que xogou os 90 minutos. A vitoria foi para o equipo catalán por 2-1.[18] Valerón pechou entón o seu paso polo club cun total de 87 partidos (70 deles como titular) e 7 goles.

Deportivo da Coruña editar

Chegada e primeiros anos editar

 
Equipo do Deportivo da Coruña antes dun partido da Copa da UEFA ante o CSKA Moscova en 2008. Valerón de pé, cuarto pola esquerda.

Tralo descenso do Atlético foi traspasado ao Deportivo da Coruña,[19] vixente campión de liga, que pagou por el ao club madrileño uns 11 millóns de euros, converténdose na fichaxe máis cara da historia do club ata aquel entón.[20] Foi unha petición expresa do adestrador Javier Irureta, que o quería como recambio para Djalminha, e o Deportivo fíxose cos seus servizos contra a opinión do equipo médico do club, que desaconsellou a súa fichaxe debido aos seus problemas físicos.[3] Xunto a Valerón chegaron á Coruña outros dous futbolistas atléticos, Molina e Capdevila, e na cidade herculina reencontrouse cos seus excompañeiros na UD Las Palmas Manuel Pablo e o Turu Flores.[11] Nada máis aterrar no equipo coruñés gañou a Supercopa de España, aínda que non a chegou a disputar, ao sufrir unha lesión na pube. Debutou co Deportivo na primeira xornada da liga 2000/01, unha vitoria por 2-0 contra o Athletic en Riazor, substituíndo a Tristán na parte final do partido. Catro días despois participou no seu primeiro encontro na Liga de Campións, que foi tamén o primeiro da historia do club, contra o Panathinaikos no Estadio Spyros Louis de Atenas.[21]

Na segunda xornada de liga, contra o Racing de Santander, actuou por primeira vez como titular e marcou o seu primeiro gol coa camiseta do Deportivo. Foise alternando na titularidade con Djalminha e gañándolle terreo pouco a pouco, nunha tempada na que acabou como subcampión de liga.[22]

Centenariazo e esplendor editar

Na súa segunda campaña no club, disputou un total de 53 partidos, 45 deles saíndo dende o inicio, e marcou 6 goles, proclamándose de novo subcampión de liga. O equipo galego acadou a segunda final de Copa do Rei da súa historia e esta disputouse no estadio Santiago Bernabéu contra o Real Madrid, que celebraba ese día o seu centenario. Cunha sobresaínte actuación de Valerón, que incluíu unha asistencia a Tristán no segundo gol, o Deportivo impúxose por 1-2, nun encontro que pasou á historia co alcume de Centenariazo.[23] O centrocampista canario facíase así coa súa única Copa do Rei, despois de disputar catro finais en cinco anos. Tamén tivo destacadas actuacións na Liga de Campións, e especialmente no partido contra o Arsenal en Highbury, onde el e Fran lideraron a vitoria branquiazul por 0-2, sendo o primeiro tanto obra do propio Valerón.[24]

Comezou a tempada 2002/03 conquistando a Supercopa de España ante o Valencia, disputando de titular tanto a ida como a volta e marcando un dos tres goles do seu equipo en Riazor (3-0). O seu nivel no inicio de tempada foi altísimo e destacou especialmente a súa actuación na histórica vitoria por 2-3 sobre o Bayern de Múnic na Liga de Campións, onde a súa asociación con Makaay fixo posible o primeiro triunfo dun equipo español no estadio Olímpico de Múnic.[25][26] Con todo, a súa progresión, que xa lle valía comparacións con Zidane e que lle supuxo o nomeamento ao Balón de Ouro,[26][27] cortouse na terceira xornada de liga contra o Valladolid, cando unha dura entrada do boliviano Juan Manuel Peña lle provocou unha fractura no peroné esquerdo.[26] Tras máis de dous meses de baixa volveu paulatinamente ao equipo e rematou a campaña de novo asentado no once titular.

Entre as tempadas 2003/04 e 2004/05 xogou preto dun centenar de partidos, case todos como titular, e participou nalgúns dos encontros máis importantes da historia europea do club, como as vitorias sobre a Juventus, a remontada contra o Milan de Ancelotti en Riazor (na que marcou un dos catro goles do Deportivo) ou as semifinais da Liga de Campións contra o Porto de Mourinho.[28][29][30]

Lesión e últimos anos editar

 
Camiseta de Juan Carlos Valerón, co dorsal número 21, que portou tanto na UD Las Palmas como no Deportivo da Coruña.

A súa espectacular progresión, tanto no Deportivo como na selección española,[3] cortouse o 22 de xaneiro de 2006, cando sufriu unha grave lesión nun partido contra o Mallorca en Riazor: a rotura do ligamento cruzado anterior do xeonllo esquerdo.[31] Operado en Madrid polo equipo do doutor Pedro Guillén, perdeu o resto da tempada e na pretemporada seguinte á súa recuperación (comezo de 2006/07), recaeu outra vez, tendo que pasar de novo polo quirófano. A principios de 2007 parecía que estaba recuperado e reapareceu nunha vitoria por 2-0 sobre o Real Madrid, saltando á herba de Riazor nos instantes finais como substituto de Arizmendi. Xogou sete minutos máis nos seguintes dous partidos, pero un golpe no xeonllo fixo que volvese recaer da lesión, polo que precisou dunha terceira operación cirúrxica á que foi sometido o 31 de marzo de 2007.[32]

Despois de máis dun ano fóra dos terreos de xogo, volveu xogar en partido oficial o 27 de xaneiro de 2008, substituíndo a Andrés Guardado nun encontro ante o Valladolid.[33] O adestrador Miguel Ángel Lotina deulle minutos noutros catro partidos máis en dita tempada, mentres que na seguinte acabou volvendo á normalidade, disputando un total de 37 partidos, 21 deles como titular. A súa participación reduciuse lixeiramente nas seguintes dúas campañas, que culminaron co descenso ao remate da 2010/11. Xa en Segunda División, na tempada 2011/12 con José Luis Oltra no banco, Valerón foi indiscutible no once titular. Disputou 40 partidos, 37 deles saíndo dende o inicio, e marcou 5 goles, nunha tempada na que o Deportivo se proclamou campión da Segunda División con récord histórico de puntos.[34]

De volta na máxima categoría, a tempada 2012/13 foi a última de Valerón como deportivista. No Ciutat de València contra o Levante marcou o seu último gol coa camisola branquiazul, e na derradeira xornada de liga en Riazor, na que o equipo descendeu de novo á Segunda División, despediuse do club galego, despois de 13 tempadas, 422 encontros oficiais e 32 goles.[35] Deixou o Deportivo como o cuarto xogador con máis partidos da súa historia, só por detrás dos seus compañeiros Fran, Manuel Pablo e Mauro Silva.[36]

Las Palmas (2ª etapa) editar

Para a tempada 2013/14 regresou á UD Las Palmas, 16 anos despois da súa saída do club. Disputou 46 partidos co club canario durante esa tempada, sendo o segundo xogador de campo con máis minutos, só por detrás de Deivid. O equipo rematou sexto na táboa final da Segunda División e clasificouse para a promoción de ascenso, derrotou ao Sporting de Gijón nas semifinais e finalmente foi eliminado cun gol na última xogada do partido de volta da final contra o Córdoba.[37]

Na seguinte campaña, con Paco Herrera no banco, o equipo amarelo logrou o ascenso á máxima categoría e Valerón, aos seus 40 anos de idade, renovou co club por un ano máis.[38] Durante a súa última tempada como profesional xogou 13 partidos de liga e 5 de Copa do Rei. O 8 de maio de 2016, na penúltima xornada de liga, disputou o seu derradeiro encontro, saíndo de titular ante o Athletic no estadio de Gran Canaria. Substituído no minuto 71 por Ángel, foi ovacionado por todo o estadio,[39] e tralo encontro recibiu unha homenaxe do club.[40][41]

Selección nacional editar

Categorías inferiores editar

 
Juan Carlos Valerón en 2010.

Foi internacional coa selección española sub-21, coa que se proclamou campión da Eurocopa sub-21 de 1998, coincidindo no equipo con xogadores como Aitor López Rekarte, Míchel Salgado, Angulo, Guti, Marcos Vales ou os seus futuros compañeiros no Deportivo Víctor e Iván Pérez. Foi titular en tódolos partidos do torneo, incluída a final contra Grecia no Stadionul Steaua de Bucarest, onde España se impuxo grazas a un gol de Iván Pérez.[42]

Selección absoluta editar

Valerón foi internacional coa selección española absoluta en 46 ocasións, marcando 5 goles. O seu debut como internacional produciuse o 18 de novembro de 1998, nun partido amigable contra Italia no estadio Arechi de Salerno. O seleccionador José Antonio Camacho deulle entrada tralo descanso como substituto de Alkiza e a súa destacada actuación foi determinante para que España lograse o empate (2–2).[43] No seguinte encontro da selección estreouse como titular, nunha histórica goleada por 9-0 contra Austria.[44]

Convocado por Camacho para a Eurocopa de 2000, foi titular nos dous primeiros encontros, ante Noruega e Eslovenia, formando no centro do campo xunto a Guardiola, pero caeu da titularidade nos dous seguintes. No Mundial de 2002 estreouse nunha Copa do Mundo e no primeiro partido da fase de grupos marcou o seu primeiro gol como internacional, facendo o segundo dos tantos españois na vitoria por 3-1 sobre Eslovenia.[45] Foi titular tamén na vitoria contra Paraguai do segundo partido,[46] e coa clasificación no peto, Camacho deulle descanso na terceira xornada.[47] Xa en oitavos de final disputou os 120 minutos contra Irlanda e fallou o seu lanzamento na quenda de penaltis, pero o equipo español logrou igualmente a vitoria. Saíu de inicio nos cuartos de final contra Corea do Sur, nun partido no que España quedou eliminada na quenda de penaltis despois de varias polémicas arbitrais.[48]

Participou tamén na Eurocopa de 2004, convocado por Iñaki Sáez, e disputou os dous primeiros encontros, contra Rusia e Grecia, entrando en ambos na segunda parte como substituto de Fernando Morientes e marcando no primeiro deles o gol da vitoria (1-0).[49] Con todo, España quedou eliminada na primeira fase. O 26 de marzo de 2005, no Helmántico e xa con Luis Aragonés como seleccionador, disputou o seu último encontro como internacional, nun amigable contra a China que rematou con vitoria por 3-0.[50]

Adestrador editar

Trala súa retirada como futbolista continuou vencellado á UD Las Palmas, sendo nomeado capitán honorífico e embaixador do club. En 2017 iniciouse nos bancos, ao converterse no adestrador do equipo infantil B da entidade amarela e pasar a traballar tamén como asistente de Manolo Márquez no primeiro equipo.[51] Trala dimisión do técnico catalán, centrouse no equipo infantil e no departamento de captación e formación ata que en xaneiro de 2018 se converteu en axudante de Juan Manuel Rodríguez no Las Palmas Atlético.[52] En xuño do mesmo ano abandonou o club por motivos persoais,[53] mais volveu a comezos de 2019 para exercer diversas funcións na canteira.[54]

O 11 de agosto de 2020 regresou ao Deportivo da Coruña e foi presentado como novo adestrador do Fabril, en substitución de Luisito.[55] Clasificou o equipo na quinta posición na primeira fase de 12 equipos, accedendo así aos play-offs polo ascenso á Segunda División RFEF, pero non conseguiu o obxectivo de subir de categoría. Ao remate da competición decidiu deixar o club por motivos persoais.[56]

Características técnicas editar

Destacaba pola súa calidade técnica, a súa visión de xogo e o seu control do balón, e tiña un talento único para o dar o último pase. Considerado como un dos mellores pasadores da historia do fútbol español,[57][58] era capaz de meter complicados pases aos dianteiros a través das liñas rivais, creando numerosas ocasións de gol. Así mesmo, era notable a súa súa xenerosidade co seu equipo, e incluso tendo en ocasións oportunidade de marcar gol, prefería pasarlle a pelota a un compañeiro para que o anotase ese outro.[3] [59]

De xogo pausado, compensaba a súa falta de velocidade e de físico cunha ampla gama de xiros, recortes e fintas, que impedían aos rivais roubarlle a pelota. A este respecto comentaba sobre el nunha entrevista o defensa internacional Albelda: "Ten a pelota, ves que se lle vai ir e intentas quitarlla, pero escóndecha e non lla quitas. Vólvelo intentar, el móvese lento, pero non lla quitas. Non lla quitas".[60]

Legado editar

Disputou un total de 761 partidos durante a súa carreira, nos que marcou 57 goles. É o cuarto xogador con máis partidos na historia do Deportivo da Coruña (422), só por detrás de Fran, Manuel Pablo e Mauro Silva; e é, xunto a Joaquín, o futbolista con máis edicións disputadas na historia da Copa do Rei (20), competición da que disputou catro finais.[61] Con 40 anos e 326 días, no momento da súa retirada era o cuarto futbolista de máis idade en disputar un partido na Primeira División, superado só por Harry Lowe, Ricardo e Carboni, sendo na actualidade o sexto en dita clasificación.[62]

Amplamente considerado como un dos mellores futbolista da historia do Deportivo,[63][64][65] era un dos xogadores máis respectados do fútbol español. Ovacionado en tódolos estadios nos que xogaba, incluído Balaídos, feudo do Celta de Vigo, máximo rival do Deportivo,[66] os seus compañeiros e rivais, así como os afeccionados, destacaban a súa calidade humana, humildade, honestidade, xenerosidade e xogo limpo.[67][68][69] Expulsado dúas veces no inicio da súa carreira nas Palmas, non volveu recibir ningún cartón vermello ata a súa retirada dúas décadas despois, e entre 2005 e 2012 pasou 7 anos sen recibir ningún cartón amarelo, ata que foi amoestado erroneamente por Melero López por unha falta que realmente cometera o seu compañeiro Colotto.[70]

Admirado por xogadores como Zinedine Zidane, Andrés Iniesta ou Pablo Aimar,[71][72] os internacionais neerlandeses Hasselbaink e Roy Makaay dixeron del que era o mellor futbolista co que tiñan xogado.[71]

Vida persoal editar

Un dos seus irmáns máis vellos, Miguel Ángel, foi tamén futbolista e ambos coincidiron no primeiro equipo da UD Las Palmas. Prometedor centrocampista, tamén el tivo que afrontar unha dura lesión, despois dunha entrada do Chapi Ferrer nun partido contra o FC Barcelona que acabou coa súa carreira profesional.

En 1998, ambos irmáns xunto a un terceiro, Pedro, fundaron en Arguineguín un club de fútbol, o Abrisajac, cuxo nome provén da mestura de tres personaxes bíblicos: Abraham, Isaac e Xacob. O club naceu con fins solidarios, para integrar a persoas en risco de exclusión social, e medrou ata ter equipos en todas as categorías inferiores e tamén un equipo sénior que acadou a Primeira Rexional.[73]

Estatísticas editar

Club Tempada Categoría Liga Copa Liga de Campións Copa da UEFA Outros[N 1] Total
Partidos Goles Partidos Goles Partidos Goles Partidos Goles Partidos Goles Partidos Goles
Arguineguín 1992–93 3ª División - - - - - - - -
Las Palmas Atlético 1994–95 3ª División 25 7 - - - - - - - - 25 7
Las Palmas 1995–96 2ª División B 27 3 2 1 - - - - 1 0 30 4
1996–97 2ª División 27 2 7 0 - - - - - - 34 2
Mallorca 1997–98 1ª División 36 3 11 1 - - - - - - 47 4
Atlético de Madrid 1998–99 1ª División 30 3 5 0 - - 5 0 - - 40 3
1999–00 1ª División 35 4 6 0 - - 6 0 - - 47 4
Total club 65 7 11 0 - - 11 0 - - 87 7
Deportivo da Coruña 2000–01 1ª División 31 4 2 0 8 0 - - - - 41 4
2001–02 1ª División 36 3 4 0 13 3 - - - - 53 6
2002–03 1ª División 23 2 1 0 5 0 - - 2 1 31 3
2003–04 1ª División 34 3 1 0 14 2 - - - - 49 5
2004–05 1ª División 38 1 1 0 8 0 - - - - 47 1
2005–06 1ª División 20 4 3 1 - - - - 6 0 29 5
2006–07 1ª División 2 0 1 0 - - - - - - 3 0
2007–08 1ª División 5 0 0 0 - - - - - - 5 0
2008–09 1ª División 22 0 3 0 - - 10 0 2 0 37 1
2009–10 1ª División 24 1 3 0 - - - - - - 27 1
2010–11 1ª División 21 0 5 0 - - - - - - 26 0
2011–12 2ª División 39 5 1 0 - - - - - - 40 5
2012–13 1ª División 33 1 1 0 - - - - - - 34 1
Total club 328 24 26 1 48 5 10 0 10 1 422 32
Las Palmas 2013–14 2ª División 41 3 1 0 - - - - 4 0 46 3
2014–15 2ª División 21 0 3 0 - - - - 3 0 27 0
2015–16 1ª División 13 0 5 0 - - - - - - 18 0
Total club 129 8 19 2 - - - - 7 0 155 9
Total carreira 558 42 66 3 48 5 21 0 18 1 711 52
  1. Inclúe partidos de promoción de ascenso a Primeira e a Segunda, Supercopa de España e Copa Intertoto.

Torneos coa selección editar

Torneo Sede Partidos Goles Resultado
Eurocopa de 2000   Bélxica

  Países Baixos

2 0 Cuartos de final
Mundial de 2002   Corea do Sur

  Xapón

4 1 Cuartos de final
Eurocopa de 2004   Portugal 3 1 Primeira rolda

Palmarés editar

Las Palmas Atlético
Las Palmas
Deportivo da Coruña
España sub-21

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Miguélez, José (24 de outubro de 1998). "Valerón, entre el fútbol y el evangelio". El País (en castelán). Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  2. "Valerón, la esencia vive". ABC (en castelán). 31 de agosto de 2008. Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Canal+. La Sonrisa Del Flaco (YouTube) (en castelán). Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  4. 4,0 4,1 "Pacuco y las anécdotas del debut de Valerón" (en castelán). 21 de setembro de 2020. Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  5. "Brota Valerón en un episodio entre Castilla y Las Palmas" (en castelán). 14 de outubro de 2012. Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  6. 6,0 6,1 6,2 De Armas, Antonio (25 de abril de 2014). "El verdadero caso Valerón". Unión Deportiva Las Palmas (en castelán). Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  7. "Manuel Pablo: La locomotora de Bañaderos (2000-2004)". eldiario.es (en castelán). 2 de maio de 2020. Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  8. 8,0 8,1 "25 años del debut de Valerón". Unión Deportiva Las Palmas (en castelán). 21 de setembro de 2020. Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  9. "La generación del 95 y la Copa Federación" (en castelán). 17 de maio de 2020. Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  10. "Valerón volvió a marcar con Las Palmas 5.998 días después". As (en castelán). 17 de novembro de 2013. Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  11. 11,0 11,1 11,2 "Juan Carlos Valerón: El ‘flaco’ talentoso (1998-2005)" (en castelán). 2 de maio de 2020. Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  12. 12,0 12,1 "Valerón y el precio de la libertad" (en castelán). 31 de maio de 2021. Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  13. Adrover, S. (13 de xaneiro de 2016). "Valerón, un gol de antología" (en castelán). Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  14. 14,0 14,1 14,2 "Final de Mestalla 1998: un partido para la leyenda" (en castelán). 7 de marzo de 2016. Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  15. Miguélez, José (29 de setembro de 1998). "Sacchi, a los pies de Kiko y Valerón". El País (en castelán). Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  16. "El Parma vuelve a ganar al Atlético de Madrid y lo apea de la Copa de la UEFA". El Mundo (en castelán). 21 de abril de 1999. Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  17. Segurola, Santiago (27 de xuño de 1999). "Glorioso Valencia". El País (en castelán). Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  18. Segurola, Santiago (27 de maio de 2000). "El Espanyol se corona en Mestalla". El País (en castelán). Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  19. "Deportivo y Atlético acuerdan el traspaso de Valerón". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de maio de 2000. Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  20. Alonso, Christian (7 de maio de 2016). "Las cifras de un 'Mago'" (en castelán). Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  21. "Un gol de Naybet da al Dépor su primer punto en la «Champions»". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de setembro de 2000. Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  22. "“Valerón le fue ganando terreno a Djalminha, no lo aceptó y se fue dejando ir”" (en castelán). 18 de maio de 2020. Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  23. Zárate, Óscar (7 de marzo de 2002). "La crónica". Mundo Deportivo (en castelán). p. 2. Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  24. "Los mejores momentos de Valerón como deportivista" (en castelán). Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  25. Hermida, Xosé (19 de setembro de 2002). "El Depor destroza el mito del Bayern". El País (en castelán). Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  26. 26,0 26,1 26,2 Hidalgo, Fernando (22 de xuño de 2003). "La desgracia no pudo con el Dépor". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  27. Grandío, Pablo (27 de novembro de 2021). "Cuando Bebeto, Donato, Makaay y Valerón fueron candidatos al Balón de Oro" (en castelán). Consultado o 11 de agosto de 2022. 
  28. "Cuando el EuroDépor humilló al todopoderoso Milan en Riazor" (en castelán). 7 de abril de 2019. Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  29. "Deportivo-Milán, la remontada que inspiró a toda Europa". As (en castelán). 7 de abril de 2020. Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  30. Rey Veloso, Javier (Setembro de 2013). "Cuando Manuel Pablo era más rentable que Zidane" (en castelán). Consultado o 5 de agosto de 2022. 
  31. "Valerón se rompe el ligamento cruzado anterior de la rodilla izquierda". El Mundo (en castelán). 22 de xaneiro de 2006. Consultado o 7 de agosto de 2022. 
  32. "Operación de Valerón". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de marzo de 2007. p. 27. 
  33. Blanco, Xabier R. (27 de xaneiro de 2008). "El arte vuelve a Riazor". El País (en castelán). Consultado o 7 de agosto de 2022. 
  34. Rodriguez Cudeiro, Juan Luis (27 de maio de 2012). "El Superdepor de Segunda". El País (en castelán). Consultado o 7 de agosto de 2022. 
  35. "El adiós más triste de Valerón". Marca (en castelán). 2 de xuño de 2013. Consultado o 7 de agosto de 2022. 
  36. "Xogadores do Deportivo da Coruña por número de partidos". BDFutbol (en castelán). Consultado o 7 de agosto de 2022. 
  37. "Juan Carlos Valerón seguirá una temporada más en la UD Las Palmas" (en castelán). 25 de xuño de 2014. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  38. "Valerón renueva con la UD Las Palmas a sus 40 años" (en castelán). 16 de xullo de 2015. Consultado o 7 de agosto de 2022. 
  39. "Empate sin goles en la despedida de Valerón" (en castelán). 8 de maio de 2016. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  40. "El Athletic se une a la fiesta de Valerón" (en castelán). 8 de maio de 2016. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  41. "Valerón, en su homenaje al término del partido: "Hasta siempre"" (en castelán). Axencia EFE. 8 de maio de 2016. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  42. "Grecia - España sub-21 1998". UEFA (en inglés). Consultado o 9 de agosto de 2022. 
  43. Segurola, Santiago (19 de novembro de 1998). "España vuela alto en Italia". El País (en castelán). Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  44. Ros, Cayetano (28 de marzo de 1999). "España vive una noche idílica". El País (en castelán). Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  45. "España debuta en el Mundial con su victoria frente a Eslovenia: 3-1". ABC (en castelán). 2 de xuño de 2002. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  46. Lifona, Daniel G. (4 de xullo de 2002). "Morientes mete a España en octavos de final". El Mundo (en castelán). Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  47. "España necesita un punto ante Sudáfrica para no vérselas con los alemanes en octavos" (en castelán). 12 de xuño de 2002. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  48. "El ‘robo’ a España en el Mundial de Corea y Japón de 2002". Mundo Deportivo (en castelán). 17 de abr. de 2020. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  49. "El plan Valerón funciona y España supera a Rusia (1-0)" (en castelán). 13 de xuño de 2004. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  50. "España se impone en Salamanca a una inocente China (3-0)". Cadena SER (en castelán). 26 de marzo de 2005. Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2022. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  51. "Juan Carlos Valerón entrenará al equipo infantil B de la UD Las Palmas" (en castelán). 21 de xuño de 2017. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  52. "Juan Carlos Valerón se incorpora al cuerpo técnico del filial". Unión Deportiva Las Palmas (en castelán). 24 de xaneiro de 2018. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  53. Izquierdo, Jesús (27 de xuño de 2018). "Valerón se desliga de Las Palmas". Marca (en castelán). Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  54. "Valerón vuelve al Departamento de Formación y Captación de la UD". Unión Deportiva Las Palmas (en castelán). 21 de xaneiro de 2019. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  55. "Fran e Valerón regresan ao Dépor como director de canteira e adestrador do Fabril, respectivamente". Deportivo da Coruña. 11 de agosto de 2020. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  56. "Valerón deja el Deportivo por motivos personales". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de xuño de 2021. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  57. Churruca, Miguel (12 de agosto de 2012). "Michael Laudrup, Juan Carlos Valerón y los mejores 'pasadores' del fútbol español" (en castelán). Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  58. "El Deportivo repesca a Valerón como entrenador para el Fabril". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de xuño de 2020. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  59. Mallo, Dani. "Firma: Dani Mallo" (en castelán). Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  60. Carretero, Nacho (Novembro de 2018). "El pase de Valerón". Jot Down (en castelán). Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  61. "Ranking Temporadas Copa del Rey". BDFutbol (en castelán). Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  62. "Ranking Más veterano Primera División". BDFutbol (en castelán). Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  63. Martínez, Cristina. "Los mejores jugadores de la historia del Deportivo de Coruña" (en castelán). Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  64. "Los 10 mejores jugadores de la historia del Deportivo de La Coruña". As (en castelán). 26 de decembro de 2016. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  65. Capelán, Brais (30 de xaneiro de 2021). "El 11 ideal de la historia del Deportivo" (en castelán). Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  66. "O derbi era seu" (en castelán). Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  67. "La eterna varita mágica de Valerón" (en castelán). 14 de febreiro de 2012. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  68. "¿Por qué le llamaban 'Mago'? Los mejores momentos en la carrera de Valerón". Marca) (en castelán). 7 de maio de 2016. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  69. Izquierdo, Jesús (9 de agosto de 2015). "Valerón, querido abuelo". Marca. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  70. Rodriguez Cudeiro, Juan Luis (19 de febreiro de 2012). "Valerón ve una amarilla tras siete años... y él no hizo la falta". El País (en castelán). Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  71. 71,0 71,1 "Juan Carlos Valeron makes La Liga return at 40 with Las Palmas" (en inglés). 22 de agosto de 2015. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  72. "Aimar: "Zidane, Riquelme y Valerón son mis referentes"". As (en castelán). 23 de outubro de 2003. Consultado o 8 de agosto de 2022. 
  73. "La familia Valerón se vuelca con Abrisajac para ayudar a los más necesitados" (en castelán). 19 de novembro de 2013. Consultado o 9 de agosto de 2022. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar