O quirófano (do grego antigo χειρουργία cheirugía, operación cirúrxica', propiamente 'traballo manual, 'práctica dun oficio', que deriva de χειρουργικός cheirurgós, 'que traballa coas mans', 'cirurxián', palabra composta de χείρ cheír, 'man' e ἔργον érgon, 'obra', 'traballo', substituíndo o segundo compoñente por '(diá)fano', do verbo grego φαίνειν pháinein, 'mostrar', 'facer visíbel'),[1] ou sala de operacións é unha estrutura hospitalaria independente na que se practican intervencións cirúrxicas e actuacións de anestesia-reanimación necesarias para o adecuado desenvolvemento dunha intervención e das súas consecuencias, que teñen lugar, en xenal, fóra do quirófano.

Quirófano moderno.
Traballando nun quirófano no ano 2007.

A súa misión é a de ofrecer un marco adecuado para todas as intervencións, electivas ou urxentes, para os pacientes que presentan afeccións cirúrxicas programadas ou urxentes.

É un espazo pechado que debe ser completamente independente do resto do hospital, polo que debe quedar estanco fronte ao resto das instalacións do hospital por unha serie de separacións coas estruturas exteriores.

Misión e especificacións editar

O quirófano permite a atención global e individualizada dos pacientes por un equipo interdisciplinario (anestesistas e cirurxiáns, pero tamén radiólogos, gastroenterólogos, pneumólogos, enfermeiras de quirófano, auxiliares de enfermaría, instrumentistas cirúrxicos etc.) para todos os actos que se fan baixo anestesia (xeral ou local, segundo o acto que debe efectuarse e o estado de saúde do doente).

Porén, a súa implantación no hospital deberá ter en conta as relacións do quirófano co servizo de urxencias, o departamento de anestesia-reanimación, a reanimación, os laboratorios, o banco de sangue, a esterilización, a farmacia e os servizos hospitalarios.

O quirófano debe ocupar un lugar central debido a unha evidente necesidade de estar cerca dalgunhas estruturas de acollida ou de hospitalización, así como dos servizos médico-técnicos, e isto debe guiar a súa construción nun novo hospital. No caso de reestruturación ou creación dun novo quirófano nunha estrutura arquitectónica antiga, será necesario entón referirse a dificultades arquitectónicas vinculadas á existencia destes edificios, en particular para o tratamento do aire e a circulación de persoas e materiais.

O ecosistema do quirófano debe manterse a un nivel de contaminación mínimo por medio dunha limpeza cuxos ritmos establecidos deberán observarse escrupulosamente. Os principios da limpeza deben ser codificados por procedementos escritos discutidos por cada equipo. O preliminar é a evacuación de todos os residuos e instrumentos manchados en sistemas pechados (contedores estancos e bolsas hermeticamente pechadas). A limpeza da sala de operacións faise varias veces ao día, entre cada pacente. Para iso, desinféctanse totalmente todas as salas de operacións utilizadas despois de cada ibntervención operatoria con protocolos de hixiene, sen esquecer o resto das partes do quirófano: oficinas, despachos, vestiarios etc.

Historia editar

Artigo principal: Historia da cirurxía.
 
Sutura dunha ferida menor nunha barbaría. Século XVII.
 
The Agnew Clinic, por Thomas Eakins, 1889, mostrando a disposición en anfiteatro dos observadores da operación.

Os quirófanos antigos tiñan unha mesa elevada ou unha cadeira no centro de operacións que estaban rodeadas por varias filas de asentos para que os estudantes e outros espectadores puideran observar o proceso.

Os cirurxiáns vestían roupa de rúa cun mandil ou un mandilón para protexelos das manchas de sangue, e operaban ao doente espido con instrumentos non esterilizados e usaban tripa (catgut) e seda sutura cirúrxica, agullas reutilizábeis e gasas feitas con varreduras das de fábricas de algodón.

En contraste co concepto de hoxe da cirurxía como unha profesión que enfatiza na limpeza e a escrupulosidade, a comezos do século XX, o sinal dun ciruxián ocupado e exitoso era a profusión de sangue e outros fluídos na súa roupa.

En 1884, o cirurxián alemán Gustav Neuber implantou un conxunto de restricións para a esterilización e para asegurar as condicións de funcionamento asépticas mediante o uso de batas, gorros e cubertas de zapatos, que eran limpados no seu recentemente inventado autoclave.[2]

En 1885 deseñou e construíu un hospital privado no que as madeiras das paredes e os pisos, e as mans, brazos e rostros do persoal se lavaban con cloruro de mercurio (II), os instrumentos se facían con superficies planas e os andeis de vidro era fáciles de limpar. Neuber tamén introduciu quirófanos separados para pacientes infectados e non infectados, e o uso de aire quente e filtrado nas salas de operacións para eliminar xermes.[3]

En 1890 William Halsted introduciu o uso de luvas cirúrxicas na práctica da medicina.[4] Nos Estados Unidos o cirurxián Charles McBurney foi o pioniero da cirurxía antiséptica.[5]

Notas editar

  1. Hispanoteca. Quirófano, cirurxía Arquivado 27 de xaneiro de 2013 en Wayback Machine. (en castelán) Consultada o 14/3! /2012.
  2. Deysine, M. (2003): Hernia infections: pathophysiology, diagnosis, treatment, prevention. ISBN 0-8247-4612-0 Informa Health Care
  3. Bishop, W. J. (1995): The Early history of surgery. Barnes & Noble. ISBN 1-56619-798-8 páx. 169
  4. Porter, E. (2001): The Cambridge illustrated history of medicine. Cambridge University Press. ISBN 0-521-00252-4. páx. 376
  5. Gross, E. (1990): This day in American history. Verlag für die Deutsche Wirtschaft. ISBN 1-55570-046-2 páx. 61

Véxase tamén editar

Outros artigos editar