Xosé Luís Torrado
Xosé Luís Torrado Casal ou José Luis Torrado, chamado O Bruxo, nado en Mugardos en 1935 e finado en Pontevedra o 15 de xullo de 2023,[1] foi un masaxista, preparador físico e curandeiro galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1935 Mugardos, España |
Morte | 15 de xullo de 2023 (87/88 anos) |
Traxectoria
editarPasou parte da infancia en Lugo, por causa do traslado profesional do pai, que era contable, e despois marchou a Pontevedra porque quería practicar o atletismo. Sen formación en medicina, o seu primeiro contacto con técnicas terapéuticas tívoo co pai, que padecía unha enfermidade que o tiña inmobilizado.
Vinculado por afección ao atletismo, proclamouse campión de España de 400 metros lisos en 1957. Ademais proclamouse cinco veces campión de Galicia, catro delas en 400 metros (1954, 1957, 1958 e 1960), e unha en 200 m (1958).[2] Comezou a gañar sona como masaxista e recuperador deportivo nesta actividade. De feito, Torrado foi recuperador deportivo da selección española de atletismo nos Xogos Olímpicos de México 1968, e despois en catro citas olímpicas máis: Múnic 72, Seúl 88, Barcelona 92 e Atlanta en 1996.[3]
Tamén foi recuperador deportivo da selección española de baloncesto, onde coincidiu con Antonio Díaz-Miguel, e mais da de boxeo.[4] En clubs, traballou como recuperador deportivo en distintas entidades de baloncesto nos anos oitenta e noventa, como o OAR de Ferrol, o CAI Zaragoza, o Clesa de Vilagarcía e mailo Breogán de Lugo. Tamén foi o masaxista do triatleta Iván Raña.
Na súa consulta persoal de Pontevedra tratou outras personalidades, e foi o masaxista do presidente da Xunta Manuel Fraga durante quince anos.
Notas
editar- ↑ Davila, Nicolás (2023-07-15). "Adiós a un referente de la recuperación deportiva: muere José Luis Torrado "O Bruxo"". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2023-07-15.
- ↑ "Campións galegos de atletismo ao aire libre" (PDF). Federación Galega de Atletismo. Consultado o 22 de febreiro de 2021.
- ↑ "Homenaje eterno a José Luis Torrado, 'O Bruxo'". Diario de Pontevedra (en castelán). 9-1-2019. Consultado o 10-1-2019.
- ↑ "O Bruxo Torrado, unas manos de leyenda". La Voz de Galicia (en castelán). 10-1-2019. Consultado o 10-01-2019.