Xoana de Lestonnac
Xoana de Lestonnac, O.D.N., nada en Bordeos (Francia) o 27 de decembro de 1556 e finada na mesma cidade o 2 de febreiro de 1640, foi unha relixiosa católica fundadora da orde da Compañía de María Nosa Señora, canonizada polo papa Pío XII en 1949.
Nome orixinal | (es) Juana de Lestonnac |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 27 de decembro de 1556 Bordeos, Francia |
Morte | 2 de febreiro de 1640 (83 anos) Bordeos, Francia |
Relixión | Catolicismo |
Actividade | |
Ocupación | relixiosa católica |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 2 de febreiro |
Familia | |
Parentes | Pierre Eyquem de Montaigne, avó materno |
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarNaceu no seo dunha senlleira familia de longa vinculación política e xurídica. O seu pai, Ricardo de Lestonnac era membro do parlamento de Bordeos e a súa nai, Xoana Eyquem era irmá do humanista Michel de Montaigne. A súa casa reproducía as divisións relixiosas da Francia do XVI: o pai era católico mentres que a nai era calvinista.[1] Bautizada no catolicismo, foi educada nunha contorna humanista e aínda que a nai procurou orientala cara a Reforma, a influencia do seu tío Michel de Montaigne e do seu pai, fixeron que se mantivese católica.
Casou aos 17 anos con Gastón de Montferrand, señor de Landirás, por vontade familiar.[2] Do matrimonio naceron sete fillos dos que sobrevivirían cinco, os que educou mentres administraba as terras familiares en Landirás (Xironda). Con 41 anos e nun breve lapso de tempo, sofre a morte do seu home, tras 24 anos de unión, do seu pai, do seu tío e do seu fillo máis vello.
Aínda que xa amosara interese en ingresar na vida relixiosa na mocidade, fíxoo unha vez viúva en 1603. Malia as críticas da súa familia tomou os votos cistercienses en Tolosa. O mosteiro seguía os principios das comunidades feuillants baseados nun severo estilo de vida (vexetarianismo estrito e durmir no chan, por exemplo) que minguaron a saúde de Xoana de Lestonnac,[3] quen acabou abandonando o Císter seis meses despois.
Fundación da Compañía de María
editarDe volta en Bordeos, axudou aos seus veciños durante as pragas de peste que asolaban a cidade e entrou en contacto cos xesuítas, cuxo proxecto pastoral e formativo admirou. Reparando nas súas experiencias, entendeu que era necesaria dar unha resposta católica á educación da muller[4]. En 1606, inspirándose no modelo da Compañía de Xesús, presentou a súa proposta as autoridades eclesiásticas de Bordeos, mais a súa idea contou co escepticismo das xerarquías católicas[5]. O Concilio de Trento establecera que o monacato feminino debía vivir en estrita clausura, dificilmente compatible co maxisterio proposto. A solución atopada por Xoana de Lestonnac está na concepción arquitectónica cos seus colexios: o edificio contaría cunha estrutura tripartita, o corpo central, a igrexa, separaría os outros dous tramos do complexo: un para albergar a escola, o outro para o convento[5]. Deste xeito facíase posible combinar a contemplación relixiosa coa tarefa docente. Finalmente, o 7 de abril de 1607, o papa Paulo V aproba a orde da Compañía de María Nosa Señora. Deste xeito, foi a primeira orde relixiosa católica feminina dedicada ao ensino e, en 1610, abriu o seu primeiro colexio na rúa du Hâ en Bordeos (hoxe en día, un templo protestante).[6] No proxecto educativo da Compañía de María, Xoana de Lestonnac conxugou as influencias intelectuais que recibira ao longo da súa vida: o calvinismo, co seu énfase na educación da muller; o humanismo do seu tío Michel de Montaigne; así como a espiritualidade ignaciá e as innovacións pedagóxicas xesuítas (Ratio Studiourum).[7]
O éxito da experiencia pioneira de Bordeos foi confirmada coa apertura de novos colexios, o segundo, en 1616 en Béziers, e logo en Périgueux e Tolosa.[8] En 1640, cando morre Xoana de Lestonnac, a Compañía de María contaba con 30 casas en Francia.
Canonización
editarXoana de Lestonnac foi feita venerable polo papa Gregorio XVI en 1834. En 1900, León XIII beatificouna[9] e, Pío XII canonizouna en 1949. A súa festividade celébrase o 15 de maio.
Notas
editar- ↑ "Juana de Lestonnac". Orden de la Compañía de María N.S. (en castelán). Consultado o 25 de xaneiro de 2021.
- ↑ "Les seigneurs de Landiras" (PDF). Maire de Landiras. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de febreiro de 2021. Consultado o 25 de xaneiro de 2021.
- ↑ Admin. "Juana de Lestonnac". Compañía de Maria (en castelán). Consultado o 25 de xaneiro de 2021.
- ↑ "Juana de Lestonnac". Orden de la Compañía de María N.S. (en castelán). Consultado o 25 de xaneiro de 2021.
- ↑ 5,0 5,1 Guardia, Sara Beatriz (Marzo de 2015). ""La oportunidad de acercarme a la vida de una mujer extraordinaria que logró llevar adelante una propuesta revolucionaria"". newsodn.org (en castelán). Consultado o 25 de xaneiro de 2021.
- ↑ "Temple du Hâ". Site officiel de la ville de Bordeaux (en francés). Consultado o 25 de xaneiro de 2021.
- ↑ Proxecto educativo Compañía de María. Ediciones Lestonnac. 2011. ISBN 978-84-921574-3-3.
- ↑ Marshman, Michelle (2003). "Patronage and Kinship in Women's Teaching Orders of Seventeenth-Century Bordeaux". Proceedings of the Western Society for French History 31. ISSN 2573-5012.
- ↑ Breve Pontificio sobre la beatificación de la sierva Juana de Lestonnac. Imprenta de la Santa Cruz. 1900.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xoana de Lestonnac |