Generalitat Valenciana

(Redirección desde «Xeneralidade Valenciana»)

Coordenadas: 39°28′35.26″N 0°22′34.38″O / 39.4764611, -0.3762167

A Generalitat[1][2] ou Xeneralidade Valenciana[3] (en valenciano: Generalitat Valenciana) é o conxunto de institucións de autogoberno da Comunidade Valenciana que até a reforma do Estatuto do 2006 se chamaba Generalitat Valenciana. Forman parte dela as Cortes, o Presidente e o Consello. Ten a sede oficial no Palau de la Generalitat da cidade de Valencia; alí está a presidencia, se ben as institucións poden reunirse en calquera lar do País Valenciano. As Cortes teñen a sede no Palau de Benicarló ou dos Borja, na mesma cidade.

Escudo da Generalitat Valenciana.
Pazo da Generalitat, sede da institución, Valencia.

Historia editar

A Deputació del General ou Generalitat (1418-1707) editar

O antecedente da Diputació del General ou Generalitat foron as comisións nomeadas polas Cortes do Reino de Valencia ou Corts de 1329 e 1342-43 para recadar o donatiu ('doazón': imposto extraordinario) aprobado nas mesmas e que se disolveron unha vez cumprida esta misión. Nas Cortes de 1362-1362, aprobouse o imposto das Generalitats cuxa denominación responde a «así por cobrarse xeral e indistintamente de todos como por impoñerse por todo o reino» e do que procede que a "Diputació del General" tamén sexa coñecida como Generalitat. "As generalitats son impostos indirectos que graban a importación, exportación e a compra e consumo de diversos produtos. [...] Recaen estes impostos sobre peles, las, aceites, améndoas, cera, arroz, liño, tinguiduras, especies, viño, tecidos, sal, madeira, etc. A súa recadación farase, para evitar o aparato que iso comportaría, mediante arrendamento do dereito de cobro en poxa pública. Os mecanismos que rixen os impostos non permiten facer fronte ás cantidades que se precisan con certa urxencia. A Generalitat emprega entón a venda de censais ou débeda pública. Non é, polo tanto, un ingreso, senón un sistema de financiamento que ten como garantía os impostos".

Para a administración do novo imposto, que a substituíu o tradicional donatiu, as Cortes nomean unha comisión das mesmas. Por iso, algúns historiadores sitúan nesa data, 1362-1364, o nacemento da Diputació del General aínda que a súa estrutura administrativa non quedará fixada até 1404, aínda cun carácter temporal, e só a partir de 1418 se converte nunha institución permanente —que será obxecto de diversas reformas en 1419, 1439, 1510,...—.

A Diputació del General estaba integraban por seis deputados —dous por cada braç: nobiliario, eclesiástico e real—, auxiliados por unha serie de oficiais: clavarios, administradores, contadores, etc.

As funcións da Diputació del General ou Generalitat excederon o campo estritamente económico para ir cobrando unha dimensión política, ó que ó comezo provocará o enfrontamento coa cidade de Valencia xa que os seus dirixentes -os jurats- coidan que lles pode restar protagonismo e influencia no reino. A cidade non conseguirá a súa disolución pero a partir de 1422 os catro jurats do braç real ocuparán os cargos de deputado, clavario -encargado da tesouraría-, administrador e contador da institución.

Segundo o acordado nas Corts de 1418, que regularon definitivamente a institución, os seus membros renovábanse cada tres anos sen esperar á reunión das novas Corts xa que os deputados que acababan o seu mandato eran quen nomeaban ós seus substitutos. Porén, o rei para controlar a institución impuxo en 1424 que os dous deputados do braç real foran dous jurats da cidade de Valencia, xa que el controlaba o seu nomeamento dende a introdución do sistema da ceda polo que eran homes de confianza do rei. Ó final do século XV o rei Fernando II o Católico nin sequera se preocupou polas formas para seguir controlando a institución e anulou o sistema electoral e nomeou a oficiais reais para ocupar os cargos. Máis tarde estabeleceu o método insaculatorio para a provisión dos dous deputados do brazo nobiliario e unha ríxido quenda entre as cidades —sen incluír Valencia— para ocupar os postos de deputados do braç real.

 
Vista do Palau de la Generalitat Valenciana, dende a praza da Virxe de Valencia, en 1870.

Por mor do control que exerceu a monarquía sobre a institución a Diputació del General valenciana tivo menos peso político que a Generalitat de Cataluña e menor capacidade para opoñerse ós desexos do rei. Así o recoñecían os propios deputados valencianos en 1624 cando afirmaban que «nosaltres en este regne no tenim la plenitud de poder que los deputats de Catalunya i Aragó» ('nós neste reino non temos a plenitude de poder que os deputados de Cataluña e Aragón').

A medida que a Diputació del General perdía peso político, a defensa dos Furs e a representación do reino pasou ós Estaments ('Estamentos'), institución de perfís mal definidos integrada polos membros de cada braç residentes na cidade de Valencia, que se reúnen por separado. Así, "até o fin da época foral mantense unha especie de contencioso entre Generalitat e Estamentos por pretender ambos encarnar a representación do reino fóra das Cortes". Nas últimas Corts celebradas en 1645 institucionalizaronse os Estaments coa creación da Junta d'Electes dels Estaments.

Así pois, foi no século XVI cando comezou o debilitamiento da institución por mor do contrapoder que formaban os Estaments: nobres; as clases altas urbanas que gobernaban as cidades; e os representantes eclesiásticos. Esta división da representatividade do Reino de Valencia, o contrario do que ocorría en Aragón e Cataluña, propiciou o declive da influencia do reino pois non contaba cunha voz unitaria fronte á Coroa. Ó non contar cunha voz forte, cada demanda económica da Coroa era atendida, ó contrario do que ocorría noutros territorios da Coroa de Aragón onde non eran raros os levantamentos en armas. Ademais, a propia división do poder entre Generalitat, nobres, patriciado urbano e Igrexa propiciou que as tres últimas se institucionalizarán illadamente para poder prestar servizos, construír infraestruturas defensivas, etc. consolidándose nos seus respectivos territorios. Estas institucións, como é obvio, competían coa Generalitat.

A Generalitat democrática editar

Trala aprobación do Estatuto de Autonomía da Comunidade Valenciana en 1982 as novas institucións de goberno autonómico recibiron o nome de Generalitat Valenciana, malia que se trataba dun organismo absolutamente distinto do seu homónimo medieval e moderno. No ano 2006, coa reforma do Estatuto, eliminouse o xentilicio 'Valenciana' e a súa correspondencia en castelán, sendo oficial só a denominación valenciana de Generalitat.

Institucións da Generalitat editar

Segundo se estabeleceu no Estatuto de Autonomía do País Valenciano, forman parte da Generalitat as seguintes institucións:

Notas editar

  1. Segundo a RAG:A recomendación que figura no Manual de estilo do DOG parece adecuada, de tal xeito que o mellor pode que sexa manter a institución sen traducir (Generalitat). Con todo, se se prefire trasladar ao galego o termo, non se considera incorrecta a opción de substituílo polo equivalente en galego.
  2. DOG
  3. Monteagudo Romero, Henrique (1988). Diccionario normativo galego-castelán. Editorial Galaxia. p. 986. ISBN 9788471546418. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar