Wikipedia:Xornal da Galipedia/18-01-2015/Encontros

Encontros

Primeiro editatón do Día da Ciencia en Galego

Por Elisardojm, 18 de xaneiro de 2014
Unha charla sobre o Día da Ciencia en Galego.

Aínda que xa pasou un tempiño, foi a comezos de novembro do ano pasado, deixádeme que vos conte un pouco como foi o Primeiro editatón do Día da Ciencia en Galego.

Un editatón, ou wikimaratón, é unha reunión de editores que se xuntan para editar un conxunto de artigos sobre un tema concreto, e iso foi o que fixemos en Lugo. Co gallo da semana da Ciencia en Galego, coa organización da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo e co apoio de Proxéctate en Galego, Wikimedia España e as Nerd Nites de Santiago de Compostela, xuntámonos para ter unhas charlas e editar sobre ciencia en galego.

Parece que todos recuncarían :).

Tivemos unha charla sobre a historia do Día da Ciencia en Galego e as actividades que realizan, descubríndonos as incribles posibilidades que hai de fomentar a nosa lingua entre os rapaces novos.

Logo tivemos un obradoiro para aprender a usar o novo Editor Visual das wikipedias, e vimos que agora a Galipedia é máis doada de editar que nunca. E unha vez que o Editor estivo controlado puxémonos a traballar nos artigos de ciencia aproveitando a estupenda bibliografía que tiña preparada a xente da Biblioteca Intercentros. Amañamos un pouco algúns artigos e fixemos outros que aínda non estaban, como proxeria, sensor ou cúpula xeodésica.

Na sobremesa seguimos con "A Arqueoloxía Experimental e a apocalipse zombi: pequeno manual de supervivencia para nerds", unha estupenda charla que nos achegou dun modo moi divertido á arqueoloxía experimental, gargalladas nunha clase de historia, si se pode! :)

Ó final participaron vinte persoas, case quince de forma presencial, e as que participaron presencialmente encheron unha enquisa para avaliar a satisfacción da actividade no que tódalas respostas foron positivas e cun alto nivel de satisfacción. Como nota teño que comentar que a proposta para mellorar a actividade de "Debería haber máis titores" foi a segunda con máis votos, teremos que tentar participar un pouco máis para as próximas veces.

E xa se está a preparar o próximo, desta vez en Vigo, non o perdas!!

18-01-2015
Neste número
  • Encontros
  • ← Volver aos contidos

    + Engade un comentarioConversa sobre esta historia
    Aínda non hai comentarios. Ti podes ser o primeiro en achegar unha opinión!