Proxéctate en Galego

grupo de traballo das comisións de normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela no campus de Lugo

Proxéctate en Galego é un grupo de traballo formado polas comisións de normalización lingüística das escolas e facultades que a Universidade de Santiago de Compostela ten no Campus de Lugo. O seu obxectivo é potenciar o uso do galego na vida universitaria desde unha óptica multidisciplinaria e transversal, entendéndoo como unha ferramenta que lle permite ao alumnado acadar obxectivos superiores no seu desempeño profesional futuro.

Proxéctate en Galego
Tipogrupo de trabalho
Data de fundación2011
EnLugo
PaísGalicia
Na rede
https://www.usc.gal/gl/proxectos/proxectate/
editar datos en Wikidata ]

A creación do grupo editar

Desde mediados da década dos 2000 as comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo viñan desenvolvendo actividades[1][2] de forma individual, pero no ano 2010 a comisión da Facultade de Veterinaria puxo en marcha as xornadas Achegándonos ao medio rural[3], que pretendía afondar na conexión entre a Universidade e o medio rural a través do uso do galego.

Despois do éxito desa primeira edición, en 2011 as xornadas Achegándonos ao medio rural II[4] foron xa coorganizadas polas comisións da Escola Politécnica Superior, Humanidades e Formación do Profesorado.

Ese mesmo ano, as comisións de normalización do campus concorreron ao Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, e gañaron o premio á mellor idea[5] para a promoción do galego, cunha proposta consistente na creación do espazo de traballo Proxéctate en Galego e na celebración de actividades de dinamización lingüística, especialmente o Foro USC.

Actividade editar

Desde ese ano, Proxéctate en Galego vén desenvolvendo un amplo abano de actividades, ben de forma individual, ben en colaboración con outras entidades da Universidade (como a Biblioteca Intercentros) ou da cidade de Lugo. As máis relevantes de entre estas son os Foros-USC e as actividades relacionadas co Día da Ciencia en Galego.

Os Foros USC editar

Nos anos 2012 e 2013 este grupo de traballo organizou dous Foros USC, simposios destinados a poñer de relevo as potencialidades da lingua galega como ferramenta de desenvolvemento persoal e profesional en distintos ámbitos de actividade. O Foro de 2012 centrouse no emprendemento, a tecnoloxía e as ciencias experimentais; e o de 2013 nas actividades de lecer, as actitudes lingüísticas, novas formas de consumo, e patrimonio cultural.

O Día da Ciencia en Galego editar

Aínda que a Universidade de Santiago de Compostela realizou actos de conmemoración do Día da Ciencia en Galego desde o primeiro ano en que este se celebrou (2010), os centros do campus de Lugo non organizaron un programa de actividades propio ata o 2011. Nese ano, a Escola Politécnica Superior, a Facultade de Ciencias e a Facultade de Veterinaria realizaron exposicións, proxección de audiovisuais, sesións de divulgación científica[6]... e ensaiaron xa unha política de coordinación que se plasmaría a partir dese ano na organización conxunta das actividades baixo o paraugas de Proxéctate en Galego.

Así, en 2012 organizouse a sesión de divulgación científica De Leonardo a nós,[7] en 2013 desenvolveuse unha xornada de actividade que incluía visitas guiadas a diversos laboratorios e instalacións do campus, e unha nova sesión de divulgación científica, baixo o lema Arte e ciencia,[8] e en 2014 repetiuse un esquema similar organizando unha visita guiada á exposición Sensores, organizada por IGACIENCIA, e un serán divulgativo centrado nas temáticas da robótica e a astronomía.[9]

Notas editar

  1. "Concurso "Comunicándomos" de publicidade en galego". Consultado o 08/11/2014. 
  2. Díaz Vizcaíno, Elvira; Rigueiro Rodríguez, Antonio; Villarino Urtiaga, Juan José (2004). Universidade de Santiago de Compostela, ed. Termos esenciais de botánica. 
  3. Servizo de Normalización Lingüística da USC, ed. (2010). "Achegándonos ao medio rural". O Cartafol (abril). Arquivado dende o orixinal o 20/06/2016. Consultado o 08/11/2014. 
  4. "Achegándonos ao medio rural II: Lingua, muller e dinámica social". Consultado o 08/11/2014. 
  5. "O Luísa Villalta recoñece o esforzo a prol da normalización lingüística dos centros do campus lugués". Arquivado dende o orixinal o 08/11/2014. Consultado o 08/11/2014. 
  6. "Día da Ciencia en galego 2011 (programa de actos na USC)". Consultado o 09/11/2014. 
  7. "Día da Ciencia en Galego 2012 (programa de actos na USC)". Consultado o 09/11/2014. 
  8. "Día da Ciencia en Galego 2013: o dereito a gozarmos da ciencia en galego". Consultado o 09/11/2014. 
  9. Proxéctate en Galego. "Día da Ciencia en Galego 2014". Arquivado dende o orixinal o 08/11/2014. Consultado o 09/11/2014. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar