Wikipedia:Sobre Galicia/xullo 2023

A xeoloxía de Galicia é o estudo das formacións rochosas de Galicia, a súa litoloxía, estruturas tectónicas, historia e demais características.
En Galicia a maioría das rochas son ígneas e metamórficas e de idade moi antiga, xa que a maioría son paleozoicas e algunhas mesmo precámbricas, e hai menos materiais máis modernos. O territorio galego forma parte do Macizo Ibérico ou Hespérico, que é de orixe herciniana e forma o núcleo de toda a península Ibérica. Ao longo da súa historia xeolóxica nos territorios que hoxe son Galicia producíronse choques continentais, que orixinaron supercontinentes (panxeas), roturas destes que orixinaron as costas oceánicas que existen hoxe e oroxenias, que deron lugar ás nosas montañas hercinianas, que foron erosionadas durante millóns de anos e posteriormente voltas a elevar durante a oroxénese alpina.