Wikipedia:Sobre Galicia/setembro 2021

A representación de Galicia nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020 estivo composta por 21 deportistas integrados no equipo olímpico español, 12 homes e 9 mulleres. Foi a representación máis numerosa da historia do deporte olímpico galego, e foron 7 deportistas máis dos que participaron nos Xogos Olímpicos de 2016.

Os resultados foron tamén os mellores do olimpismo galego, cunha colleita de seis medallas (superando as catro de Londres 2012) e nove diplomas olímpicos. Dos 21 deportistas galegos, só catro quedaron fóra dos oito primeiros nas súas respectivas modalidades. Destacou o caso do concello de Cangas, que enviou catro deportistas aos Xogos (Rodrigo Corrales, Teresa Portela, Rodrigo Germade e Iván Villar) e os catro regresaron con medalla.

A maior participación de galegos nas olimpíadas antes de Toquio 2020 dérase tanto en Barcelona 92 como en Sydney 2000 con 17 deportistas en ambas convocatorias. En Toquio 2020 bateuse esa marca, con catro competidores máis que en Barcelona e Sydney, e con 7 máis dos que participaron nos anteriores xogos, en Río de Xaneiro 2016. Daquela foran 14 os participantes, cunha colleita de 1 medalla.