Wikipedia:Sobre Galicia/novembro 2017

Francisco Xavier Pérez Vázquez, nado en Silleda no ano 1968 e finado o 15 de novembro de 2016, máis coñecido simplemente como Narf, foi un cantante, compositor e actor galego, recoñecido pola forte personalidade e orixinalidade da súa obra, procurou incorporar ás estruturas do rock distintas influencias sonoras. Sobresaíu como compositor de bandas sonoras para teatro e outros espectáculos, compaxinando esta faceta coa de comediante en diferentes funcións teatrais.

Nos inicios, como integrante da banda Os Quinindiolas e máis de Nicho Varullo, na compañía teatral Chévere e posteriormente en Psicofónica de Conxo era coñecido unicamente como Fran Pérez, mais cando emprendeu carreira en solitario adoptou a identidade de Narf. Colaborou con moitos outros artistas e levou a súa música arredor do mundo, amosou o seu compromiso coa cultura galega e sentiu asemade unha fonda afinidade pola música africana.