Wikipedia:Sobre Galicia/marzo 2010

Vigo (tamén coñecida como A Cidade Olívica) é a cidade máis poboada de Galicia, e a cidade sen rango de capital con máis poboación de España. A cidade atópase na beira sur da ría de Vigo na provincia de Pontevedra. Historicamente, pertenceu á comarca de Val do Fragoso, aínda que actualmente constitúe o núcleo da comarca de Vigo. É un municipio costeiro das Rías Baixas que limita ao norte coa ría á que dá nome, ao nordeste co concello de Redondela, ao leste co de Mos, ao sur cos de Porriño e Gondomar e ao suroeste co concello de Nigrán. Alén da ría e xusto fronte á cidade atópanse as vilas de Cangas e Moaña.
A cidade constitúe un dos motores económicos de Galicia. Vigo é o decimo cuarto concello de España cunha poboación de 297.332 habitantes, segundo o Padrón municipal do 2009, distribuídos en 141.720 homes e 155.612 mulleres. A súa extensión é de 109,1 km². A densidade de poboación da área sitúase en 2.688 hab/km² aínda que no casco urbano esta se incrementa notablemente.