Wikipedia:Sobre Galicia/agosto 2019

A Guía das aves de Galicia é unha guía de campo de identificación de aves de Galicia, obra dos ornitólogos Xosé Manuel Penas Patiño e Carlos Pedreira López, con ilustracións de Calros Silvar. Foi publicada por primeira vez en 1980 por Editorial Galaxia, e reeditada en 1991 e 2004 por Baía Edicións. Esta guía, na súa edición de 1980, está recomendada pola Sociedade Galega de Historia Natural. A edición de 2004 está recomendada pola Xunta de Galicia para a observación de aves, xunto co libro Collins Bird Guide de aves de España, Europa e da rexión mediterránea.

A primeira edición contén 90 fichas de especies silvestres diferentes que poden atoparse en Galicia con 146 ilustracións, unhas en branco e negro e outras a cor, a edición de 1990 contén 360 fichas e máis de 1 500 ilustracións a cor, e a edición de 2004 contén información de 434 aves, incluíndo máis de 2 000 ilustracións, e a maiores, achégase un CD-ROM con fichas adicionais doutras especies menos representativas e o canto de 110 aves. Cada ficha de especie ten un número e os seus datos, que inclúen, o seu nome común en galego, o nome común en castelán, o nome común en inglés, o seu nome científico, a súa descrición, a súa distribución e estado de conservación, tanto a nivel global como a nivel galego, o seu hábitat, un apartado de observacións, e varias ilustracións para poder identificar de forma correcta cada ave. Cada ficha ten un mapa coa súa distribución en Galicia, indicando se está en paso, se é nativa ou está presente todo o ano, os lugares de cría local, se é invernante, se é estival, se é accidental ou se foi citada antes de 1990.