Wikipedia:Sobre Galicia/agosto 2016

As Pontes de García Rodríguez é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Eume. Segundo o IGE en 2015 tiña 10 503 habitantes. O seu xentilicio é «pontés». Atópase entre as comarcas da Terra Chá, ó leste, e a de Ferrol, ó oeste.

Debido a que o concello das Pontes é o de maior tamaño da provincia da Coruña, pódese atopar nel unha gran variedade de paisaxes distintas. O Monte Caxado, ao norte, constitúe, cos seus 756 metros de altura, o punto máis elevado do concello e un dos máis elevados da provincia. Entre os ríos que discorren polo concello destaca o Eume, que percorre o concello ao longo de 9 quilómetros e dá nome á comarca. No concello aséntase tamén gran parte do parque natural das Fragas do Eume.

A principal industria do concello é a Central térmica das Pontes, cunha potencia de 1400 megavatios xunto con outra central eléctrica nova que usa o gas para producir electricidade. En 2012 rematou o proceso de enchido de auga da antiga mina de lignito esgotada, converténdoa nun lago de grandes dimensións cunha praia artificial.