Wikipedia:Artigo destacado/xuño 2011

Chámase baldaquino ou ciborio a unha construción relixiosa de pequeno tamaño destinada a protexer un altar, formada basicamente por catro columnas que sosteñen un elemento de cubrición, habitualmente unha cúpula ou un dosel. Os catro arcos ou linteis que pechan os laterais do baldaquino adoitan estar decorados por relevos, inscricións, escudos ou outros elementos decorativos. Esta estrutura básica pode estar modificada por diversas variantes, segundo a época, o estilo ou o material de construción.

O nome procede de baldacchino, tea procedente de Baldac, nome da cidade de Bagdad durante a Idade Media, porque de alí proviñan os tapices cos que se confeccionaban as cortinaxes coas que se pechaban lateralmente. O nome de ciborio vénlle do latín ciborium, en alusión á forma de copa invertida.