Wikipedia:Artigo destacado/xuño 2009

A guerra do Vietnam (nunca declarada como tal) foi un conflito bélico que enfrontou entre 1958 e 1975 aos Estados de Vietnam do Sur e Vietnam do Norte, apoiados polos seus respectivos aliados e, especialmente, os Estados Unidos de América que axudaron directamente aos sudvietnamitas até a súa retirada en 1973, no contexto xeral da Guerra Fría.

As faccións en conflito foron, por unha banda, a República Democrática de Vietnam co apoio de movementos guerrilleiros sudvietnamitas como o Viet Cong ou Fronte de Liberación Nacional e de subministracións soviéticos e chineses. Pola outra banda, a República de Vietnam co apoio militar e loxístico dos Estados Unidos de América. En axuda dos estadounidenses tamén participaron, con tropas de combate, Australia, Corea do Sur, Filipinas, Nova Zelandia e Tailandia, mentres que Alemaña, Irán, Marrocos, Reino Unido e Suíza contribuíron con subministracións materiais e equipamento médico.

Ante a contestación e división da sociedade estadounidense, os acordos de paz de París en 1973 supuxeron a retirada das tropas estadounidenses e o cesamento da súa intervención directa, pero non lograron pór fin ao conflito que proseguiu até que en 1975, trala toma de Saigón, se forzou a rendición incondicional das tropas sudvietnamitas e a unificación do país, baixo o control do goberno comunista de Vietnam do Norte, co nome da República Socialista de Vietnam o 2 de xullo de 1976. A guerra tería causado a morte segundo as fontes de entre 2 e 5,7 millóns de persoas, a meirande parte delas civís, e graves danos medioambientais.