Wikipedia:Artigo destacado/setembro 2023
Hannah Arendt, nada Johanna Arendt en Linden-Limmer, un distrito de Hannover, en 1906 e finada en Nova York en 1975, foi unha filósofa, socióloga e teórica política alemá, despois nacionalizada norteamericana, de orixe xudía e unha das personalidades máis influentes do século XX. A privación de dereitos e persecución que os xudeus sufriron en Alemaña a partir de 1933, así como o seu breve encarceramento ese mesmo ano, contribuíron a que decidise emigrar. O réxime nacionalsocialista retiroulle a nacionalidade en 1937, polo que foi apátrida, ata que conseguiu a nacionalidade estadounidense en 1951. Traballou, entre outras cousas, como xornalista e mestra de escola superior. Publicou obras importantes sobre filosofía política. Arendt defendía un concepto de «pluralismo» no ámbito político: grazas a el, xeraríase o potencial dunha liberdade e igualdade políticas entre as persoas. Importante é a perspectiva da inclusión do outro: en acordos políticos, convenios e leis deben traballar a niveis prácticos persoas adecuadas e dispostas. Como froito destes pensamentos, Arendt situábase de forma crítica fronte á democracia representativa e prefería un sistema de consellos ou formas de democracia directa. Con todo, continúa sendo estudada como filósofa, en gran parte debido ás súas análises críticas de filósofos como Sócrates, Platón, Aristóteles, Immanuel Kant, Martin Heidegger e Karl Jaspers, ademais de representantes importantes da filosofía política moderna como Maquiavelo e Montesquieu. Precisamente, grazas ao seu pensamento independente, á súa teoría do totalitarismo, aos seus traballos sobre filosofía existencial e á súa reivindicación da discusión política libre, Arendt ten un papel central nos debates contemporáneos.