Wikipedia:Artigo destacado/setembro 2012
Os aborixes australianos son, xunto cos Insulares do estreito de Torres, os descendentes dos primeiros habitantes do continente australiano e as súas illas adxacentes. Segundo a lexislación australiana, ámbolos dous pobos constitúen o conxunto dos pobos indíxenas do país. O territorio tradicional dos aborixes esténdese por toda Australia, Tasmania e as Illas do estreito de Torres. Dende 1988, no día do bicentenario de Australia, moitos deles rexeitaron o nome "aborixe" (do latín ab origen que define ós autóctonos dun poboamento) e prefiren o termo koori (o noso pobo, en moitas linguas aborixes), xa que o termo adquiriu connotacións negativas e ten reminiscencias do pasado colonial. Dende os anos 80 está a coller forza o termo "indíxena australiano" por ser máis inclusivo. Distinguimos dous tipos de aborixes australianos, os do continente e Tasmania e os das Illas do estreito de Torres. Estes últimos son considerados diferentes porque tanto lingüisticamente como cultural e fisicamente seméllanse máis ós melanesios de Nova Guinea.