Wikipedia:Artigo destacado/novembro 2022

Interlingue ou occidental (chamado así entre 1922 e 1947) é unha lingua artificial creada por Edgar von Wahl, un dos primeiros esperantistas. Von Wahl naceu en Olviopol, hoxe Ucraína e entón provincia do Imperio ruso, no seo dunha familia de lingua alemá. Foi un dos pioneiros do esperanto e Ludwik Zamenhof seguiu os seus consellos. Sen formación académica específica, tiña instinto lingüístico. Oficial da mariña de guerra, optou polo bando tsarista na Revolución de 1917. Tralo triunfo dos soviets, exiliouse en Francia, cambiando o seu apelido por De Wahl. Descontento co esperanto, decidiu crear o seu propio proxecto, ao que chamou occidental. Publicou en 1922 o seu proxecto de lingua. Formulou a regra de Wahl. Conseguiu reunir un pequeno grupo de seguidores, que seguiría editando a revista Cosmoglotta ata os anos 1950. En 1947 decidiron cambiar o nome polo de Interlingue (non interlingua, nome usado por Peano para o seu "Latino sine flexione", e tamén por Alexander Gode no proxecto de IALA de 1953). Con todo, a asociación non volveu dar sinais de vida ata a década de 1990, a través de Internet.