Wikipedia:Artigo destacado/novembro 2016

Johann Sebastian Bach (en alemán /joˈhan/ ou /ˈjoːhan zeˈbastjan ˈbax/), nado en Eisenach (actualmente en Turinxia, Alemaña; daquela pertencente ao Sacro Imperio Romano Xermánico) o 31 de marzo de 1685 e finado en Leipzig o 28 de xullo de 1750, foi un músico e compositor do período barroco da música erudita. Considérase un dos compositores máis grandes e influentes da historia da música. Bach considerábase a si mesmo un artesán consciente de que realizaba unha tarefa o mellor que a súa capacidade lle permitía, para a satisfacción dos seus superiores, para pracer e edificación dos seus semellantes, e para a gloria de Deus.

Ocupou os postos de organista en Arnstadt entre 1703 e 1707, e Mühlhausen (1707-1708), organista da corte e posteriormente mestre de capela do duque de Weimar, e entre 1717 e 1723 foi director musical na corte do príncipe Leopold en Köthen. A partir de 1723 e ata a súa morte, Bach foi mestre de capela e kantor na igrexa de Santo Tomás en Leipzig e director musical da cidade. Chegou a ser invitado á corte de Frederico II o Grande en Sanssouci. Bach tivo numerosos alumnos e estudantes ó longo da súa vida. Entre eles cóntase a Johann Friedrich Agricola. Finou en 1750, despois dunha intervención fracasada no ollo, facendo que Bach fose quedando cego ata perder totalmente a vista.