Wikipedia:Artigo destacado/maio 2020

African Bush Elephant.jpg

Os elefantes son grandes mamíferos da familia Elephantidae e da orde Proboscidea. No presente, recoñécense tres especies: o elefante africano de sabana, o elefante africano de bosque e o elefante asiático. Os elefantes distribúense pola África subsahariana, sur de Asia e o sueste asiático. Elephantidae é a única familia sobrevivente da orde Proboscidea, e outros membros da orde, agora extintos, inclúen deinotheriidae, gomphotheriidae, mamuts e mastodontes.

Os elefantes son os maiores animais terrestres que existen, pesando até 12 toneladas e medindo por termo medio catro metros de altura. As súas características máis distintivas son os cabeiros de marfil. O macho de elefante africano, o maior animal terrestre, pode acadar unha altura de 4 m e pesar 7000 kg. Estes animais teñen numerosos elementos distintivos, como a súa longa trompa, que empregan con numerosos fins e particularmente para coller obxectos. Os seus cabeiros teñen gran tamaño, e úsanos para mover obxectos, escavar e como armas para loitar. As súas grandes orellas axúdanlles a controlar a temperatura do seu corpo. Os elefantes africanos teñen orellas grandes e o lombo cóncavo, mentres que os elefantes asiáticos teñen as orellas máis pequenas e o lombo convexo.

O elefante africano está clasificado como unha especie vulnerable pola IUCN, mentres que o elefante asiático está considerado como especie ameazada. Un dos seus principais inimigos é o comercio de marfil, xa que son cazados polos seus cairos. Outras ameazas son a destrución do seu hábitat e os conflitos cos habitantes locais.