Wikipedia:Artigo destacado/decembro 2020

Pixar Animation Studios é unha compañía de animación por ordenador especializada na produción de gráficos en 3D e con sede en Emeryville, California (Estados Unidos). Obtivo coas súas producións 16 premios Óscar da Academia, 7 Globos de Ouro e 11 Grammys, entre outros premios.

Pixar foi a creadora da primeira longametraxe comercial totalmente animada por ordenador, Toy Story, que se estreou o 22 de novembro de 1995 nos Estados Unidos. Despois de Toy Story produciu outras 18 películas (ata novembro de 2017). As 19 películas debutaron con clasificacións CinemaScore de, polo mínimo, un "A−", indicando unha recepción positiva das audiencias. O estudio tamén produciu varias curtas animadas. A xullo de 2017, as súas películas gañaron aproximadamente 11 billóns de dólares en todo o mundo.

Pixar xurdiu como unha división da empresa Lucasfilm de George Lucas a principios dos anos oitenta do século XX, como departamento de investigación, de creación de hardware técnico e software especializado, sendo o departamento de animación unha pequena parte da empresa dedicada a crear imaxes e vídeos de demostración. En 1986, Steve Jobs, fundador de Apple, mercouna por 10 millóns de dólares e en 2006, The Walt Disney Company adquiriuna por 7 400 millóns de dólares. A adquisición rematouse o 5 de maio de 2006, convertendo a Pixar nunha filial de Disney.