Abrir o menú principal

Wikipedia:Artigo destacado/decembro 2018

Fight Club logo1.png

Fight Club é un filme estadounidense de 1999 baseado na novela homónima de 1996 escrita por Chuck Palahniuk, dirixido por David Fincher con Brad Pitt, Edward Norton e Helena Bonham Carter coma protagonistas. Norton representa o protagonista sen nome, ó que se fai referencia como Narrador, un home insatisfeito co seu traballo de oficina e con problemas de insomnio que forma un "club da loita" co fabricante de xabón Tyler Durden, representado por Pitt, ó que se unen outros homes que queren loitar entre eles por diversión. O Narrador vese envolto nunha complicada relación con Durden e con Marla Singer, representada por Bonham Carter, mentres que o club evoluciona cara a unha organización anticapitalista que leva a cabo un ataque terrorista.

A produtora de 20th Century Fox Laura Ziskin obtivo os dereitos da novela de Palahniuk e contratou a Jim Uhls para escribir a adaptación cinematográfica. Fincher foi un dos directores que os produtores consideraron para ó filme, sendo finalmente o seleccionado polo entusiasmo que amosou en facer a película. Fincher desenvolveu o guión xunto a Uhls e procurou consello para o mesmo no propio elenco de actores e outros membros da industria do cinema. A súa intención era que a violencia de Fight Club servise como metáfora para o conflito entre unha xeración de xente nova e o sistema de valores da publicidade, ademais de copiar as alusións homoeróticas da novela de Palahniuk para incomodar a audiencia e previr que anticipase o xiro argumental da fin do filme.

O filme citouse como un dos máis controvertidos e falados de 1999, obtendo o éxito comercial e de crítica posteriormente trala súa publicación en formato DVD e pasando a estar considerado coma un filme de culto.