Wikipedia:Artigo destacado/agosto 2023

A Guerra dos Ósos (inglés: Bone Wars), tamén coñecida como a Gran Carreira dos Dinosauros (inglés: Great Dinosaur Rush) foi un período de intensa competición na procura de descubrimentos de fósiles durante a Idade Dourada dos Estados Unidos, marcado por unha acalorada rivalidade entre Edward Drinker Cope da Academia de Ciencias Naturais de Filadelfia, e Othniel Charles Marsh do Museo Peabody de Historia Natural de Yale. Estes dous paleontólogos empregaron métodos deshonestos para superarse o un ó outro, recorrendo a subornos, roubos e destrución de ósos. Estes dous investigadores tamén se atacaron mutuamente en obras científicas, procurando arruinar a credibilidade do seu rival para deixalo sen financiamento.

Inicialmente Cope e Marsh eran colegas que se trataban de maneira educada, pero tras diversas disputas persoais convertéronse en inimigos acérrimos. A súa procura de ósos levounos ó oeste, ós ricos sitios paleontolóxicos de Colorado, Nebrasca e Wyoming. Entre os anos 1877 e 1892 ámbolos dous utilizaron o seu patrimonio e a súa influencia para financiar as súas propias expedicións e obter os servizos e ósos de dinosauros de cazadores de fósiles. Ó final da Guerra dos Ósos, os dous esgotaran o seu patrimonio na procura da supremacía paleontolóxica.

Cope e Marsh quedaron económica e socialmente arruinados polos seus esforzos para superar e deshonrar ó contrario, mais realizaron importantes contribucións á ciencia e á disciplina da paleontoloxía e forneceron unha cantidade substancial de material para traballos posteriores, deixando unha gran cantidade de caixas de fósiles sen abrir tralas súas mortes. Os seus traballos levaron ó descubrimento e descrición formal de máis de 136 novas especies de dinosauros. A Guerra dos Ósos tivo como resultado un incremento no coñecemento da vida prehistórica e espertou o interese do público polos dinosauros, dando lugar a unha continuación nas escavacións de fósiles en Norteamérica durante as décadas posteriores. Publicáronse tamén unha considerable cantidade de libros históricos e adaptacións de ficción sobre este período de intensa actividade paleontolóxica.