A Guerra dos Ósos (inglés: Bone Wars), tamén coñecida como a Gran Carreira dos Dinosauros (inglés: Great Dinosaur Rush)[1] foi un período de intensa competición na procura de descubrimentos de fósiles durante a Idade Dourada dos Estados Unidos, marcado por unha acalorada rivalidade entre Edward Drinker Cope da Academia de Ciencias Naturais de Filadelfia, e Othniel Charles Marsh do Museo Peabody de Historia Natural de Yale. Estes dous paleontólogos empregaron métodos deshonestos para superarse o un ó outro, recorrendo a subornos, roubos e destrución de ósos. Estes dous investigadores tamén se atacaron mutuamente en obras científicas, procurando arruinar a credibilidade do seu rival para deixalo sen financiamento.

A rivalidade entre Othniel Charles Marsh (esquerda) e Edward Drinker Cope (dereita) desencadeou a Guerra dos Ósos.

Inicialmente Cope e Marsh eran colegas que se trataban de maneira educada, pero tras diversas disputas persoais convertéronse en inimigos acérrimos. A súa procura de ósos levounos ó oeste, ós ricos sitios paleontolóxicos de Colorado, Nebrasca e Wyoming. Entre os anos 1877 e 1892 ámbolos dous utilizaron o seu patrimonio e a súa influencia para financiar as súas propias expedicións e obter os servizos e ósos de dinosauros de cazadores de fósiles. Ó final da Guerra dos Ósos, os dous esgotaran o seu patrimonio na procura da supremacía paleontolóxica.

Cope e Marsh quedaron económica e socialmente arruinados polos seus esforzos para superar e deshonrar ó contrario, mais realizaron importantes contribucións á ciencia e á disciplina da paleontoloxía e forneceron unha cantidade substancial de material para traballos posteriores, deixando unha gran cantidade de caixas de fósiles sen abrir tralas súas mortes. Os seus traballos levaron ó descubrimento e descrición formal de máis de 136 novas especies de dinosauros. A Guerra dos Ósos tivo como resultado un incremento no coñecemento da vida prehistórica e espertou o interese do público polos dinosauros, dando lugar a unha continuación nas escavacións de fósiles en Norteamérica durante as décadas posteriores. Publicáronse tamén unha considerable cantidade de libros históricos e adaptacións de ficción sobre este período de intensa actividade paleontolóxica.

Historia editar

Contexto editar

Durante un certo tempo Cope e Marsh mantiveron unha amizade. Coñecéronse en Berlín en 1864 e pasaron varios días xuntos como colegas. Chegaron incluso a nomear especies en honor mutuo.[2] Co paso do tempo a súa relación empeorou, debido en parte ó carácter temperamental de ámbolos dous. Cope era coñecido por ser belicoso e tiña un temperamento irascible, mentres que Marsh era máis pausado, metódico e introvertido, e ámbolos dous eran combativos e desconfiados.[3] As súas diferenzas estendéronse ó plano científico, xa que Cope era un firme defensor do neolamarckismo, mentres que Marsh apoiaba a teoría da evolución por selección natural de Charles Darwin.[4] Incluso no mellor momento da súa relación persoal, tiñan unha tendencia a desprezarse sutilmente. En palabras dun observador externo: "O patricio Edward podería considerar que Marsh non era exactamente un cabaleiro. O académico Othniel probablemente consideraba a Cope como non moi profesional".[5]

Cope e Marsh tiñan orixes moi diferentes. Cope naceu no seo dunha rica e influente familia de cuáqueros con orixe en Filadelfia. Malia que seu pai quería que Cope traballara como granxeiro, este distinguiuse como naturalista.[5] En 1864, sendo xa membro da Academia das Ciencias Naturais, Cope comezou a traballar como profesor de zooloxía no Haverford College e uniuse a Ferdinand Hayden nas súas expedicións cara ó oeste. Por outra banda, Marsh, fillo dunha familia con poucos recursos procedente de Lockport, Nova York, tería crecido na pobreza de non ser pola axuda de seu tío, o filántropo George Peabody.[6] Marsh persuadiu ó seu tío para que construíse o Museo Peabody de Historia Natural, quedando el como director do museo. Isto combinado coa herdanza que recibiu de Peabody cando este morreu no ano 1869, fixo posible que Marsh gozase dunha cómoda posición financeira aínda que, debido en parte á visión estrita que tiña seu tío do matrimonio, Marsh permaneceu solteiro toda a súa vida.[7]

 
Versión de Cope do Elasmosaurus coa cabeza colocada no extremo incorrecto.

Nunha ocasión os dous científicos marcharon nunha expedición de recolección de fósiles nos pozos de marga de Cope en Nova Jersey, onde William Parker Foulke descubrira o espécime holotipo do dinosauro Hadrosaurus foulkii, descrito polo paleontólogo Joseph Leidy (baixo a dirección do cal Cope estudara anatomía comparada). Este foi un dos primeiros descubrimentos de dinosauros nos Estados Unidos, e os pozos eran ricos en fósiles.[2] Ao finalizar esta expedición Marsh subornou en segredo os operadores dos pozos para que lle levaran a el os fósiles que descubrisen nun futuro, en lugar de levarllos a Cope.[2] Ámbolos dous comezaron a atacarse mutuamente en diversos artigos e publicacións, deteriorando a súa relación persoal.[8] Marsh procurou humillar a Cope indicando que a súa reconstrución do plesiosaurio Elasmosaurus era defectuosa, coa cabeza situada onde tería que ir a cola.[a] Ó mesmo tempo Cope empezou a buscar ósos no que Marsh consideraba o seu terreo privado en Kansas e Wyoming, o que empeorou aínda máis a súa relación.[8][11]

1872-1877: primeiras expedicións editar

Na década de 1870 a atención profesional de Cope e Marsh dirixiuse cara ó oeste estadounidense por mor das novas sobre grandes descubrimentos de fósiles. Utilizando a súa influencia en Washington, Cope conseguiu un posto no Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos baixo as ordes de Ferdinand Hayden. Malia que este posto non estaba remunerado, ofreceulle a Cope unha grande oportunidade para recoller fósiles no oeste e publicar os seus achados. A habilidade de Cope para escribir de maneira dramática compracía a Hayden, quen necesitaba causar unha impresión popular cos informes oficiais do Servizo. En xuño de 1872 Cope partiu na súa primeira viaxe, co plan de observar por si mesmo as capas fosilíferas do Eoceno de Wyoming. Isto provocou un distanciamento entre Cope, Hayden e Leidy. Fora Leidy quen recibira gran parte dos fósiles das coleccións de Hayden ata que Cope entrou no servizo, e agora Cope comezaba a procurar fósiles no territorio que xa reservara o propio Leidy.[12] Hayden intentou aliviar a tensión con Leidy por medio dunha carta:

Pedinlle que non fose a aquel campo, ó que vostede ía ir. Mofouse da idea de limitarse a calquera localidade e dixo que tiña a intención de ir, tanto se eu lle axudaba ou non. Eu estaba angustiado por asegurar a cooperación de tal traballador coma unha honra para o meu equipo. Non podía responsabilizarme do campo que escollese xa que non lle pago ningún salario e só unha parte dos seus gastos. Polo tanto, verá que aínda que non é algo pracenteiro traballar competindo con outros, semella case unha necesidade. Compréndao.
Tradución do orixinal.[12]

Cope levou consigo a súa familia ata Denver, mentres que Hayden intentaba evitar que Cope e Leidy fixesen prospeccións na mesma zona. Seguindo unha pista dada polo xeólogo Fielding Bradford Meek, Cope tiña a intención de investigar tamén os informes de ósos que Meek atopara preto da estación de tren de Black Buttes. Cope encontrou o lugar e os restos esqueléticos dun dinosauro ó que denominou Agathaumas sylvestris.[13] Crendo que contaba co pleno apoio de Hayden e do servizo, Cope viaxou ata Fort Bridger en xuño, descubrindo ó chegar que non tiña os homes, carros, cabalos e equipamento que esperaba encontrar alí.[14] Cope reuniu un equipo pagado por el mesmo, que consistía en dous carreteiros, un cociñeiro e un guía,[15] xunto con tres homes de Chicago que estaban interesados en estudar con el.[14] Finalmente, resultou que dous dos homes de Cope eran empregados de Marsh. Cando o paleontólogo rival descubriu que os seus homes estaban aceptando diñeiro de Cope, púxose furioso. Aínda que estes homes intentaron asegurarlle a Marsh que aínda traballaban para el (un deles suxeriu que aceptou o traballo para arredar a Cope dos mellores fósiles), a preguiza de Marsh á hora de chegar a acordos en firme e de facer pagamentos puido incitalos a buscar outro traballo.[16] A viaxe de Cope levou a expedición a través de terreos agrestes que só Hayden recoñecera previamente, descubrindo decenas de novas especies. Mentres tanto, un dos homes de Marsh envioulle unha parte do seu material a Cope por equivocación. Cando recibiu os fósiles, Cope devolveullos a Marsh, pero este incidente danou aínda máis a súa relación.[17]

 
Marsh (no centro da fila traseira), rodeado por axudantes armados. Marsh non pasaba moito tempo no campo, e adoitaba delegar esta tarefa nos seus axudantes.[18]

En 1872 remataron os finximentos de cordialidade entre os dous,[19] e na primavera de 1873 comezaron as hostilidades abertas.[20] Naquel momento Leidy, Cope e Marsh estaban realizando importantes descubrimentos de réptiles e mamíferos prehistóricos nas capas fosilíferas do oeste ó mesmo tempo. Os paleontólogos tiñan o costume de enviar telegramas escritos apresuradamente ó leste para describir os seus achados, publicando as descricións máis completas só cando volvían das súas viaxes. Entre os novos exemplares descritos estaban os Uintatherium, Loxolophodon, Eobasileus, Dinoceras e Tinoceras. Porén, gran parte destes achados non eran diferentes dos demais, e de feito Cope e Marsh sabían que algúns dos fósiles que estaban a recoller xa foran descubertos anteriormente por outros.[21] Finalmente resultou que moitos dos nomes de Marsh foron válidos, mentres que ningún dos de Cope o foi. Marsh tamén situou as novas especies dentro dunha nova orde de mamíferos denominada Cinocerea. Cope quedou humillado e era incapaz de deter os cambios do seu rival. No seu lugar publicou un estudo analítico de grande alcance onde propuxo un novo modelo de clasificación para os mamíferos do Eoceno, no que descartaba os xéneros de Marsh en favor dos seus. Marsh non cedeu e continuou afirmando que todos os nomes que Cope propuxo para os Dinocerata eran incorrectos.[22]

 
Marsh e o xefe lakota Nube Vermella en New Haven, Connecticut, c. 1880

Ó mesmo tempo que discutían sobre a clasificación e a nomenclatura, volveron ó oeste en busca de máis fósiles. Marsh fixo a súa última viaxe patrocinada por Yale en 1873, cun grupo de trece estudantes e protexido por un grupo de soldados que querían facer unha demostración de forza á tribo dos síux. A causa das preocupacións xeradas polas súas expedicións máis caras de anos anteriores, Marsh fixo que os estudantes pagasen os seus propios gastos, polo que a viaxe só lle custou a Yale uns 1857,50 $, unha cifra moi inferior ós 15 000 $ que Marsh solicitara na súa anterior expedición. Esta expedición sería a última de Marsh, xa que durante o resto da Guerra dos Ósos preferiu contratar os servizos de buscadores locais. Aínda que tiña suficientes ósos como para pasar anos estudándoos, o seu desexo de conseguir máis fósiles seguiu en aumento.[23] Cope foi aínda máis prolífico na súa recolección de ósos nesta tempada que na de 1872, aínda que a tendencia de Marsh de contratar buscadores de forma exclusiva provocou que o seu rival fose considerado persona non grata en Bridger. Canso de traballar ás ordes de Hayden, Cope conseguiu un traballo remunerado co Corpo de Enxeñeiros, aínda que se viu limitado por esta asociación. Mentres que Cope tiña que seguir as rutas e lugares marcados por esta entidade para as prospeccións, Marsh podía procurar fósiles sen este tipo de restricións.[24]

A mediados da década de 1870 a atención dos dous científicos tornouse cara a Dacota do Sur, onde o descubrimento de ouro nos montes de Black Hills aumentou as tensións entre os nativos americanos e os Estados Unidos. Marsh, que desexaba os fósiles que se atopaban naquela rexión, viuse enleado nas disputas políticas entre o exército e os nativos.[25] Co obxectivo de gañarse o apoio do xefe Nube Vermella dos síux para poder facer prospeccións, Marsh prometeulle un pago polos fósiles encontrados e que volvería a Washington para facer presión alí en favor dos nativos no referente ó trato impropio que estes estaban a recibir. Finalmente Marsh escapuliuse do campamento e, segundo o seu propio relato (probablemente esaxerado), xuntou varios carros cheos de fósiles e retirouse xusto antes de que chegara un grupo hostil de indios miniconjou.[26] Si que intercedeu en nome de Nube Vermella perante o Departamento do Interior e do presidente Ulysses S. Grant, pero segundo Thomson a súa intención podería ter sido simplemente gañarse unha reputación propia fronte á administración impopular de Grant.[27] En 1875 tanto Cope coma Marsh fixeron unha pausa nas súas recoleccións, por mor da presión financeira e da necesidade de catalogar os seus achados acumulados, mais unha serie de novos descubrimentos provocaron que os dous volvesen ó oeste antes do final da década.[28]

1877-1892: descubrimentos en Como Bluff editar

En 1877 Marsh recibiu unha carta de Arthur Lakes, un profesor de escola de Golden, Colorado. Nesta carta Lakes informaba que mentres facía sendeirismo por unhas montañas próximas a vila de Morrison xunto co seu amigo H. C. Beckwith, descubrira uns ósos de gran tamaño incrustados na rocha. Lakes describiu na súa carta que os ósos eran "aparentemente unha vértebra e un úmero dalgún saurio xigantesco".[29] Mentres esperaba unha resposta de Marsh, Lakes desenterrou varios ósos máis de gran tamaño e enviounos a New Haven. Como Marsh tardaba en responder, Lakes envioulle tamén unha remesa de ósos a Cope.[30]

 
A formación Morrison en Como Bluff, Wyoming.

Cando Marsh lle respondeu a Lakes, pagoulle 100 dólares ó prospector, instándoo a que gardase o segredo sobre estes achados. Tras saber que Lakes mantivera correspondencia con Cope, enviou a Morrison a Benjamin Mudge, o seu recolledor de campo, para asegurarse os servizos de Lakes. Marsh publicou unha descrición dos descubrimentos de Lakes no American Journal of Science do 1 de xullo, e antes de que Cope puidese publicar a súa propia interpretación dos achados Lakes escribiulle para dicirlle que os ósos lle serían entregados a Marsh, algo que supoñía un grave insulto para Cope.[30]

Unha segunda carta chegou do oeste, esta vez dirixida a Cope. O escritor O. W. Lucas era un naturalista que se encontraba recollendo plantas cerca de Cañon City, Colorado, cando descubriu un conxunto de ósos fósiles. Tras recibir máis mostras de Lucas, Cope concluíu que estes dinosauros eran herbívoros grandes, remarcando alegremente que o espécime era maior que calquera outro descrito ata o momento, incluíndo o do descubrimento de Lakes.[30][31] Tras saber dos descubrimentos de Lucas, Marsh ordenoulle a Mudge e a un antigo estudante, Samuel Wendell Williston, que establecesen unha escavación cerca de Cañon City. Desgraciadamente para Marsh, soubo por medio de Williston que Lucas estaba atopando os mellores ósos e rexeitara abandonar a Cope en favor de traballar para Marsh.[18] Marsh fixo regresar a Williston cara a Morrison, onde se esboroou a pequena escavación de Marsh, case matando os seus axudantes. Este problema podería ter sido a fin da subministración de ósos procedentes do oeste para Marsh, de non ser por unha terceira carta que lle chegou posteriormente, enviada por dous traballadores do ferrocarril.[32]

 
Bosquexo de Arthur Lakes de dous dos membros da expedición a Como Bluff

No momento dos descubrimentos de Lakes, estaba a construírse o Ferrocarril Transcontinental nunha zona remota de Wyoming. A terceira carta que recibiu Marsh era de dous homes que se identificaron como Harlow e Edwards (os seus nomes reais eran Carlin e Reed), traballadores da Union Pacific Railroad. Os dous homes afirmaron ter descuberto grandes cantidades de fósiles en Como Bluff, avisándoo de que había outras persoas na zona "que andaban na procura dese tipo de cousas",[33] algo que Marsh interpretou como unha referencia a Cope, e ordenoulle a Williston que fose a Como Bluff.[34] Este envioulle unha mensaxe de volta, confirmando a veracidade da existencia de grandes cantidades de ósos e da presenza de homes de Cope naquela zona.[35] Temendo repetir os mesmos erros que cometera con Lakes, Marsh enviou rapidamente diñeiro ós dous novos cazadores de ósos, instándoos a que lle enviasen máis fósiles.[34] Williston chegou a un acordo preliminar con Carlin e Reed, que non puideran cobrar o cheque de Marsh xa que estaba endosado a nome dos seus pseudónimos, mais Carlin decidiu finalmente ir a New Haven para tratar directamente con Marsh.[36] Este redactou un contrato que incluía un pagamento mensual fixo, coa posibilidade de primas adicionais para Carlin e Reed segundo a importancia dos descubrimentos. Marsh reservouse o dereito de enviar os seus propios superintendentes para supervisar as escavacións se fose necesario, e aconselloulle ós homes que intentaran manter a Cope fóra da rexión.[37] Malia a reunión cara a cara, Carlin non conseguiu obter mellores condicións por parte de Marsh. O paleontólogo conseguiu que Carlin e Reed traballaran baixo as condicións fixadas, pero estes sentíronse coaccionados por Marsh para aceptar o trato.[37] O investimento de Marsh na rexión de Como Bluff pronto deu bos resultados. Mentres que os recolectores de Marsh volvían ó leste para pasar o inverno, Reed enviou unha serie de vagóns cheos de ósos fósiles por vía férrea a Marsh durante todo o ano 1877. Na edición de decembro de 1877 da revista American Journal of Science Marsh describiu e deulle nome a varios dinosauros como o estegosauro, o Allosaurus ou o Diplodocus.[38]

A pesar das precaucións de Marsh para evitar que o seu rival soubese dos ricos sitios de Como Bluff, os rumores sobre os descubrimentos estendéronse rapidamente. Isto foi en parte grazas a que Carlin e Reed estiveron implicados na expansión destes rumores, filtrándolle información ó Laramie Daily Sentinel que publicou un artigo sobre os achados en abril de 1878. Este artigo esaxeraba o prezo que Marsh pagara polos ósos, probablemente coa intención para aumentar o prezo e a demanda de máis ósos.[39] Marsh, procurando encubrir a filtración, soubo por mediación de Williston que Carlin e Reed mantiveran contactos cun home que traballaba para Cope baixo o nome de "Haines".[39] Cope tivera noticia dos descubrimentos de Como Bluff e enviara a varios "ladróns de dinosauros" á zona, nun intento de roubar discretamente fósiles no territorio de Marsh.[2] Durante o inverno de 1878 o descontento de Carlin polas demoras nos pagamentos por parte de Marsh aumentou, e a comezos de 1879 pasou a traballar directamente para Cope.[40]

Cope e Marsh empregaban o seu propio patrimonio para financiar expedicións cada verán, e pasaban os invernos publicando os seus descubrimentos. En pouco tempo un gran número de cazadores de fósiles en carros tirados por mulas ou en trens encontrábanse enviando toneladas de fósiles cara ó leste.[2] As escavacións paleontolóxicas duraron quince anos, dende 1877 ata 1892.[2] Tanto os traballadores de Cope como os de Marsh sufriron dificultades por mor das condicións atmosféricas, ademais de sabotaxes e obstáculos provocados polos asalariados do rival. Carlin bloqueou o acceso de Reed á estación de tren de Como, véndose obrigado a transportar os ósos barranco abaixo e colocar os espécimes na plataforma baixo un intenso frío.[41] Cope ordenoulle a Carlin que delimitase a súa propia zona de escavación en Como Bluff, mentres que Marsh enviou a Reed a espiar o seu antigo amigo. Cando se esgotou a escavación n.º 4 de Reed, Marsh ordenoulle que retirarse os fragmentos de ósos do resto de sitios escavados. Reed confirmoulle que destruíra tódolos ósos restantes para evitar que caesen en mans de Cope.[42] Preocupado pola posibilidade de que houbese forasteiros superando os límites das áreas de escavación de Reed, Marsh enviou a Lakes a Como para que prestase axuda nas escavacións,[43] e en xuño de 1879 el mesmo visitou Como. Cope tamén fixo unha xira polas súas escavacións en agosto. Malia que os homes de Marsh continuaban a principiar novas escavacións e descubrindo máis fósiles, as relacións entre Lakes e Reed empeoraron e ámbolos dous dimitiron en agosto dese mesmo ano. Marsh intentou calmalos enviándoos ós extremos opostos das escavacións,[44] pero tras verse obrigado a abandonar unha zona no medio dunha xistra glacial, Lakes presentou a súa dimisión definitiva e regresou ó seu posto no ensino en 1880.[45] A marcha de Lakes non aliviou as tensións entre os homes de Marsh. O seu substituto, un home do mundo do ferrocarril chamado Kennedy, consideraba que non tiña que renderlle contas a Reed e as disputas entre ambos provocaron o abandono do resto de traballadores de Marsh. Marsh intentou separar a Kennedy e Reed, enviando a Como ó irmán de Samuel Williston, Frank, nun intento de manter a paz. Frank Williston acabou por deixar tamén o traballo e mudouse a vivir con Carlin.[46] As escavacións de Cope en Como empezaron a decaer e os substitutos de Carlin abandonaron o traballo pouco tempo despois.[46]

 
Ilustración realizada por Marsh en 1896 dos ósos dun estegosauro, dinosauro descrito e nomeado en 1877.

A medida que progresaba a década de 1880 os homes de Cope e Marsh enfrontáronse a unha dura competencia por parte do outro bando así como á de terceiros tamén interesados nos ósos. O profesor Alexander Emanuel Agassiz da Universidade Harvard enviou os seus propios representantes ó oeste, mentres que Carlin e Frank Williston fundaron unha empresa de venda de ósos para venderlle os fósiles ó mellor ofertante.[47] Reed marchou e comezou a traballar como pastor de ovellas en 1884, e as escavacións de Marsh en Como produciron pouco material trala súa partida.[47] Malia todos estes obstáculos, naquel momento Marsh tiña máis escavacións en funcionamento que Cope, quen malia que ó principio da década de 1880 tiña máis ósos dos que podía gardar nun só edificio, quedou atrás nesta carreira polos dinosauros.[47]

Os descubrimentos de Cope e Marsh estiveron acompañados de acusacións sensacionalistas de espionaxe, subornos e roubos de traballadores e fósiles. Ámbolos dous eran tan protectores cos seus sitios que destruían fósiles pequenos ou danados para evitar que caesen en mans do seu rival, ou enchían as súas escavacións con terra e rochas.[48] Nunha ocasión cando supervisaba as súas escavacións de Como en 1879, Marsh examinou achados recentes e marcou varios deles para a súa destrución.[49] Noutra ocasión os equipos rivais dos dous científicos pelexaron entre si tirándose pedras os uns ós outros.[47]

Disputas persoais e últimos anos editar

Ó tempo que Cope e Marsh competían por fósiles no oeste americano, tamén facían todo o posible por arruinar a credibilidade profesional do contrario. Sentíndose humillado polo seu erro á hora de reconstruír o plesiosauro Elasmosaurus, Cope intentou encubrir a súa equivocación mercando tódalas copias que atopou da revista na que foi publicada a reconstrución.[50] Marsh pola súa banda asegurouse de que se fixese pública a historia. A rápida produción de artigos científicos por parte de Cope axudaba a que Marsh non tivese dificultades para atopar erros ocasionais cos que atacar a Cope.[11] Marsh non era tampouco infalible, con erros como o de poñer un cranio equivocado nun esqueleto de Apatosaurus e describilo como un novo xénero, Brontosaurus.[51]

A finais da década de 1880 a atención pública pola competición entre Cope e Marsh esvaeceuse, centrándose máis noutros asuntos internacionais que polas historias do "Salvaxe Oeste".[52] Grazas a John Wesley Powell, xefe do Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos, e ós seus contactos con persoas ricas e poderosas de Washington, Marsh pasou a estar á fronte do servizo gobernamental consolidado e quedou satisfeito por saír do centro de atención sensacionalista.[52] Cope estaba nunha situación peor, tras gastar gran parte do seu diñeiro adquirindo The American Naturalist e polas dificultades para atopar traballo, debido en parte ó seu temperamento, así coma ós aliados de Marsh no ámbito da educación superior.[52][53] Cope empezou a investir en prospeccións de ouro e prata no oeste, lidando cos mosquitos da malaria e cun duro clima co obxectivo de procurar fósiles el mesmo.[54] Por mor de varios problemas na minería e dunha falta de apoio por parte do goberno federal,[11] a súa situación financeira continuou deteriorándose ata o punto de que a súa colección de fósiles se converteu na súa única posesión significativa. Pola súa banda Marsh acabou por gañarse a antipatía dos seus axudantes máis leais, incluíndo a de Williston, por mor do seu rexeitamento a compartir as conclusións que obtivera dos seus achados e dos seus constantes atrasos e irregularidades nos seus pagamentos.[55]

A oportunidade de Cope de aproveitar unha vulnerabilidade de Marsh xurdiu en 1884, cando o 48º Congreso dos Estados Unidos comezou a investigar os procedementos do servizo xeolóxico. Cope trabara amizade con Henry Fairfield Osborn, naquel entón profesor de anatomía na Universidade Princeton.[56] Osborn era semellante a Marsh en moitos aspectos, pausado e metódico, pero acabou por ser unha influencia prexudicial para Marsh.[57] Cope buscou traballadores descontentos dispostos a pronunciarse en contra de Powell e do Servizo. Powell e Marsh conseguiron refutar con éxito as acusacións de Cope, e as súas alegacións non chegaron á prensa de masas.[58] Osborn amosouse indeciso á hora de endurecer a súa campaña contra Marsh, polo que Cope decidiu recorrer a outro aliado que lle mencionara previamente a Osborn, un "home da prensa de Nova York" chamado William Hosea Ballou.[59][60] Malia verse obstaculizado no seus intentos de expulsar a Marsh da presidencia da Academia Nacional de Ciencias,[61] Cope conseguiu unha considerable axuda financeira despois de que a Universidade de Pensilvania lle ofrecera un posto como profesor.[11]

Ó longo dos anos Cope mantivera un elaborado diario incluíndo nel os erros e felonías cometidas por Marsh e Powell, diario que gardaba nun caixón inferior do seu escritorio persoal.[62] Ballou planeou a publicación dunha primeira serie de artigos, que se converterían nunha serie de debates na prensa entre Marsh, Powell e Cope.[60] Aínda que a comunidade científica coñecía a rivalidade de Marsh e Cope dende había tempo, o público coñeceu a deshonrosa conduta dos dous homes cando o New York Herald publicou unha historia co titular "Scientists Wage Bitter Warfare" ("Científicos Libran unha Amarga Guerra").[48] Segundo a autora Elizabeth Shor, a comunidade científica viuse galvanizada:

A maioría de científicos daquel tempo recuaron ó descubrir que a inimizade de Cope e Marsh se convertera en noticia de portada. Os máis achegados ós campos científicos que se discutían, a xeoloxía e a paleontoloxía dos vertebrados, sentíronse certamente avergoñados, particularmente cando se viron citados, mencionados ou cos seus nomes mal escritos. A inimizade non era algo novo para eles, xa que levaba dúas décadas presente nas súas reunións científicas. A maioría deles xa tiñan escollido un bando.
Tradución do orixinal[63]

Nos artigos de prensa, Cope atacaba a Marsh acusándoo de plaxio e mala xestión financeira, e atacaba a Powell polos seus erros de clasificación xeolóxica e por malversación de fondos gobernamentais.[64] Marsh e Powell publicaron a súa propia visión da historia, devolvendo acusacións contra Cope. Os artigos de Ballou estaban pobremente investigados e escritos, e o propio Cope quedou prexudicado trala publicación dun artigo no The Philadelphia Inquirer no que insinuaba que os membros do consello da Universidade de Pensilvania pedirían a dimisión de Cope a menos que este presentase probas para as súas acusacións contra Marsh e Powell.[65] O propio Marsh mantivo viva a historia do Herald cunha irada réplica, mais a finais de xaneiro a historia desapareceu dos xornais, e a situación apenas cambiou entre os dous rivais.[66]

Non se convocou ningunha vista no Congreso para investigar a malversación de fondos de Powell, e nin Cope nin Marsh quedaron como responsables dos seus erros, mais parte das acusacións de Ballou contra Marsh quedaron asociadas co Servizo Xeolóxico. Perante un sentimento anti-servizo exacerbado pola seca no oeste e a preocupación sobre as apropiacións das granxas abandonadas nesa mesma zona, Powell pasou a estar baixo unha estreita vixilancia por parte do Comité Doméstico de Apropiacións.[67] Incitado a actuar polos aparentes gastos extravagantes de Marsh utilizando os fondos do Servizo, o Comité esixiu que entregase un orzamento detallado do Servizo.[67] Cando se puxo fin ás apropiacións en 1892, Powell envioulle un telegrama a Marsh esixindo a súa dimisión, o que para Marsh supoñía unha afronta persoal ademais de financeira.[68]

A maiores, gran parte dos aliados de Marsh estaban retirándose ou xa faleceran, o que reducía a súa credibilidade científica.[69] Pola súa banda, Cope conseguiu un cargo no Servizo Xeolóxico de Texas e malia estar aínda ofendido polos ataques persoais que recibira durante o asunto do Herald, non aproveitou o cambio nas súas fortunas e non continuou atacando a Marsh.[70] A situación de Cope continuou mellorando durante os primeiros anos da década de 1890, recibindo un ascenso para ocupar o lugar de Leidy como profesor de zooloxía e resultando elixido presidente da American Association for the Advancement of Science o mesmo ano que Marsh deixara o seu cargo á fronte da Academia das Ciencias. Porén, cara a finais da década a súa sorte volveuse a tornar, a medida que Marsh recuperaba parte do seu prestixio conseguindo a Medalla Cuvier, o galardón paleontolóxico considerado como o máis importante nese campo.[71]

A rivalidade entre Cope e Marsh durou ata a morte de Cope en 1897, e para entón ámbolos dous quedaran na ruína financeira. Cope sufriu unha enfermidade debilitante nos seus últimos anos e viuse obrigado a vender parte da súa colección de fósiles e a arrendar unha das súas casas para conseguir chegar a fin de mes. Marsh tivo que hipotecar a súa residencia e solicitar un soldo a Yale para poder subsistir.[11] Cope lanzoulle un último desafío a Marsh antes de morrer:[2] Doou o seu cranio á ciencia para que se puidese medir o seu cerebro, coa esperanza de que fose maior que o do seu adversario.[b] Marsh non aceptou o desafío, e o cranio de Cope aínda se conserva na Universidade de Pensilvania.[2] Houbo un debate sobre se o cranio almacenado nesta universidade é realmente o de Cope. A universidade afirmou que crían que o cranio auténtico se perdera na década de 1970, aínda que segundo Robert Bakker as fracturas superficiais presentes no cranio e os informes forenses verifican a autenticidade do mesmo.[72]

Legado editar

 
Un Allosaurus case completo (AMNH #5753) descuberto polos cazadores de fósiles de Cope en Como Bluff en 1879. O achado non foi desempaquetado ata despois da morte de Cope.[73]

Tendo en conta exclusivamente as cifras, Marsh sería o teórico gañador da Guerra dos Ósos. Ámbolos dous científicos realizaron descubrimentos dun destacado valor científico, pero mentres que Marsh describiu un total de 80 novas especies de dinosauros, Cope describiu unhas 56.[2][74] Nas últimas etapas desta denominada Guerra dos Ósos, Marsh simplemente tiña máis homes e máis diñeiro á súa disposición que Cope, quen ademais tiña un abano de intereses paleontolóxicos máis amplo, mentres que Marsh adicouse de forma case exclusiva á procura de réptiles e mamíferos fósiles.[75]

Entre algúns dos descubrimentos de Cope e Marsh atópanse algúns dos dinosauros máis coñecidos, incluíndo xéneros como Triceratops, Allosaurus, Diplodocus, Stegosaurus, Camarasaurus e Coelophysis. Os seus descubrimentos acumulados axudaron a definir o daquela nacente campo da paleontoloxía. Antes dos seus descubrimentos, só se tiñan descrito nove especies de dinosauro en América do Norte.[74] Algunhas das súas ideas propostas, como a de Marsh que afirmaba que as aves descenden dos dinosauros, foron confirmadas posteriormente, aínda que outras considéranse de pouco ou ningún crédito científico.[76] A Guerra dos Ósos deu lugar tamén ó descubrimento dalgúns dos primeiros esqueletos fósiles completos dos que se ten constancia, así como a un aumento da popularidade dos dinosauros entre o público xeral. Segundo afirmou o paleontólogo Robert Bakker: "Os dinosauros provenientes de Como Bluff non só encheron museos, encheron artigos de revistas, libros de texto, encheron as mentes da xente".[2]

Malia os descubrimentos realizados, a Guerra dos Ósos tivo un impacto negativo non só sobre os dous científicos senón tamén sobre os seus compañeiros e sobre o campo da paleontoloxía.[77] A animosidade pública entre Cope e Marsh supuxo un dano para a reputación da paleontoloxía estadounidense en Europa que durou varias décadas. A maiores, o aducido uso de dinamita e as accións de sabotaxe por parte dos traballadores de ámbolos dous científicos destruíu ou enterrou centenares de restos fósiles dun gran valor potencial. Joseph Leidy abandonou as súas escavacións máis metódicas no oeste, vendo que non era capaz de manter o ritmo da procura temeraria de ósos de Cope e Marsh.[4] Leidy tamén acabou canso polas disputas constantes entre os outros dous científicos, o que provocou que a súa retirada do campo marxinase o seu propio legado. Trala súa morte, Osborn non atopou unha soa mención de Leidy en ningunha das obras dos dous rivais.[78] Na súa présa por superarse mutuamente, Cope e Marsh montaron de forma apresurada os ósos dos seus propios descubrimentos. As súas descricións erróneas de novas especies, baseadas nestas reconstrucións, provocaron unha confusión e crenzas equivocadas que perduraron durante varias décadas despois das súas mortes.[79]

Unha escavación realizada entre 2007 e 2008 en varios dos sitios arqueolóxicos escavados por Cope e Marsh suxeriu que os danos causados polos dous paleontólogos foron menores do que se consideraba ata entón. Utilizando os bosquexos de campo realizados por Lakes, un equipo de investigadores do Museo de Historia Natural de Morrison descubriu que en realidade Lakes non dinamitara as escavacións máis produtivas de Colorado, senón que o que fixera era reenchelas. O director do Museo, Matthew Mossbrucker, teorizou que Lakes propagara esta mentira "porque non quería que a competencia se achegase ás escavacións, tentando enganar ó grupo de Cope".[80]

Adaptacións editar

Ademais de ser o tema de varios libros históricos e paleontolóxicos, a Guerra dos Ósos foi o tema da novela gráfica Bone Sharps, Cowboys, and Thunder Lizards, de Jim Ottaviani. Esta é unha obra de ficción histórica, na que Ottaviani presenta o personaxe de Charles Robert Knight a Cope por razóns da trama, ademais de reestruturar outros acontecementos.[81] A Guerra dos Ósos foi tratada en forma de ficción no libro Bone Wars de Brett Davis, no que ámbolos dous paleontólogos traballan xuntos para previr que uns extraterrestres rouben os ósos.[82] Foi tamén a base do xogo de cartas Bone Wars: The Game of Ruthless Paleontology publicado por Zygote Games, no que os xogadores compiten para reconstruír esqueletos de dinosauro.[83]

En abril de 2013 fíxose público que os actores James Gandolfini e Steve Carell tiñan a intención de producir e protagonizar unha adaptación en clave de comedia para a televisión sobre a disputa entre Cope e Marsh para a canle HBO co título de Bone Wars.[84] O proxecto quedou suspendido tralo falecemento de Gandolfini ese mesmo ano.[85] Posteriormente no ano 2016, a editorial HarperCollins anunciou a publicación dunha novela ata entón descoñecida de Michael Crichton, Dragon Teeth, na que un aprendiz ficticio de Cope e Marsh realiza un descubrimento propio.[86]

Notas editar

  1. Marsh afirmou ter realizado esta afirmación, 20 anos despois do propio feito.[9] Realmente fora Leidy quen publicou a corrección pouco tempo despois.[10]
  2. Naquel entón unha parte da comunidade científica cría que a medida do cerebro era a auténtica medida da intelixencia.[2]
Referencias
  1. Martin, Anthony J. (2006). Introduction to the Study of Dinosaurs (en inglés). Blackwell Publishing. p. 66. ISBN 1-4051-3413-5. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 Bates, Robin (produtor), Chesmar, Terri e Baniewicz, Rich (produtores asociados); Feldon, Barbara (narradora); Dodson, Peters e Bakker, Robert (entrevistados) (1992). "Episode 1: "The Monsters Emerge"". The Dinosaurs! (Serie de TV) (en inglés). PBS Video, WHYY-TV. 
  3. Bryson 2003, p. 92.
  4. 4,0 4,1 "Bone Wars: The Cope-Marsh Rivalry" (en inglés). Academia das Ciencias Naturais. Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2008. Consultado o 19 de febreiro de 2008. 
  5. 5,0 5,1 Limerick & Puska 2003, p. 7.
  6. Preston 1993, p. 60.
  7. Bryson 2003, p. 93.
  8. 8,0 8,1 Preston 1993, p. 61.
  9. Everhart, Mike (6 de abril de 2002). "The Cope -Marsh Feud: The New York Herald, January 19 and 20, 1890". Oceans of Kansas Paleontology (en inglés). 
  10. Leidy, J. (8 de marzo de 1870). "Remarks on Elasmosaurus platyurus". Proc. Acad. Nat. Sci. Phila. (en inglés) (Filadelfia: Academy of Natural Sciences) 22: 9–10. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 Penick, James (1971). "Professor Cope vs. Professor Marsh". American Heritage 22 (5). Arquivado dende o orixinal o 01 de xaneiro de 2010. Consultado o 27 de abril de 2015. 
  12. 12,0 12,1 Thomson 2008, p. 217.
  13. Thomson 2008, p. 218.
  14. 14,0 14,1 Thomson 2008, p. 219.
  15. Buffalo Bill Historical Center (1982). The American West (en inglés). American West Publishing Company: Western History Association, Universidade de Virxinia. p. 56. 
  16. Thomson 2008, pp. 221–222.
  17. Thomson 2008, pp. 225–228.
  18. 18,0 18,1 Wilford 1985, p. 107.
  19. Wilford 1985, p. 87.
  20. Thomson 2008, p. 229.
  21. Thomson 2008, p. 235.
  22. Thomson 2008, p. 237.
  23. Thomson 2008, p. 245.
  24. Thomson 2008, p. 250.
  25. Thomson 2008, p. 264.
  26. Thomson 2008, p. 267.
  27. Thomson 2008, p. 269.
  28. Thomson 2008, p. 271.
  29. Wilford 1985, p. 105.
  30. 30,0 30,1 30,2 Wilford 1985, p. 106.
  31. Wallace 1999, p. 147.
  32. Wallace 1999, p. 148.
  33. Wilford 1985, p. 108.
  34. 34,0 34,1 Jaffe 2000, p. 228.
  35. Preston 1993, p. 62.
  36. Jaffe 2000, p. 229.
  37. 37,0 37,1 Jaffe 2000, p. 230.
  38. Wallace 1999, pp. 149–150.
  39. 39,0 39,1 Wallace 1999, p. 152.
  40. Lanham, Url (1973). The Bone Hunters: The Heroic Age of Paleontology in the American West (en inglés). Courier Corporation. p. 178. ISBN 9780486269177. 
  41. Jaffe 2000, p. 237.
  42. Jaffe 2000, p. 238.
  43. Wallace 1999, pp. 153–154.
  44. Jaffe 2000, p. 244.
  45. Wallace 1999, p. 156.
  46. 46,0 46,1 Jaffe 2000, p. 246.
  47. 47,0 47,1 47,2 47,3 Wallace 1999, p. 157.
  48. 48,0 48,1 Preston 1993, p. 63.
  49. Wallace 1999, p. 153.
  50. Jaffe 2000, p. 15.
  51. Rajewski 2008, p. 22.
  52. 52,0 52,1 52,2 Wallace 1999, pp. 175–177.
  53. Jaffe 2000, p. 324.
  54. Wallace 1999, p. 183.
  55. Wallace 1999, p. 195.
  56. Sterling, Keir (1997). Biographical Dictionary of American and Canadian Naturalists and Environmentalists (en inglés). Greenwood Publishing Group. p. 592. ISBN 0-313-23047-1. 
  57. Wallace 1999, p. 201.
  58. Wallace 1999, p. 203.
  59. Wallace 1999, p. 204.
  60. 60,0 60,1 Osborn 1978, p. 403.
  61. Farlow, James; Brett-Surman, M. K.; Walters, Robert (1999). The Complete Dinosaur (en inglés). Indiana University Press. p. 709. ISBN 0-253-21313-4. 
  62. Osborn 1978, p. 585.
  63. Shor, Elizabeth (1974). The Fossil Feud Between E. D. Cope and O. C. Marsh (en inglés). Detroit, Míchigan: Exposition Press. ISBN 0-682-47941-1. 
  64. Osborn 1978, p. 404.
  65. Wallace 1999, pp. 238–239.
  66. Wallace 1999, p. 252.
  67. 67,0 67,1 Wallace 1999, pp. 256–257.
  68. Jaffe 2000, p. 329.
  69. Wallace 1999, p. 260.
  70. Wallace 1999, p. 261.
  71. Wallace 1999, p. 267.
  72. Baalke, Ron (13 de outubro de 1994). "Edward Cope's Skull". lepomis.psych.upenn.edu (Lista de correo). Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2016. Consultado o 15 de agosto de 2008. 
  73. Norell, Mark A.; Gaffney, Eric S.; Dingus, Lowell (1995). Discovering Dinosaurs in the American Museum of Natural History (en inglés). Nova York: Alfred Knopf Publishing. p. 112. ISBN 0-679-43386-4. 
  74. 74,0 74,1 Colbert 1984, p. 93.
  75. Colbert 1984, p. 88.
  76. Trefil, James S. (2003). The Nature of Science: An A-Z Guide to the Laws and Principles Governing Our Universe (en inglés). Houghton Mifflin Books. p. 95. ISBN 0-618-31938-7. 
  77. Limerick & Puska 2003, p. 8.
  78. Wallace 1999, p. 84.
  79. Jaffe 2000, p. 248.
  80. Rajewski 2008, p. 21.
  81. Mondor, Colleen (1 de xaneiro de 2006). "Comic Books and Thunder Lizards" (en inglés). BookSlut. Arquivado dende o orixinal o 22 de abril de 2015. Consultado o 20 de xaneiro de 2008. 
  82. "Cowboys and dinosaurs: The ‘Bone Wars’ in fiction". Prehistoric Pulp (en inglés). 13 de agosto de 2017. Consultado o 28 de outubro de 2017. 
  83. "Feedback: The stranger the battle". New Scientist (en inglés) 2533 (64). 2006. 
  84. Elidrissi, Fátima (10 de abril de 2013). "Steve Carell y James Gandolfini se enfrentan en la 'guerra de los huesos'". El Mundo (en castelán). Consultado o 28 de outubro de 2013. 
  85. Rawden, Jessica (26 de setembro de 2013). "Robert De Niro Taking Over James Gandolfini's Role In HBO's Criminal Justice". CinemaBlend (en inglés). Consultado o 28 de outubro de 2017. 
  86. Italie, Hillel (28 de xullo de 2016). "APNewsBreak: New Michael Crichton novel coming out in 2017" (en inglés). Associated Press. Consultado o 29 de xullo de 2016. 

Véxase tamén editar

 

Bibliografía editar