Voo 351 de Japan Airlines

O voo 351 de Japan Airlines foi secuestrado por nove membros da Liga Comunista Xaponesa-Facción do Exército Vermello (un predecesor do Exército Vermello Xaponés) o día 31 de marzo de 1970, mentres voaba de Toquio a Fukuoka, nun incidente normalmente coñecido en xaponés como o secuestro de Yodogo (よど号ハイジャック事件 Yodogō Haijakku Jiken).

Voo 351 de Japan Airlines
O avión secuestrado anos despois
Resumo
Data  31 de marzo de 1970
Causa  secuestro
Lugar  Xapón
Coordenadas 
Orixe  aeroporto de Haneda
Destino  aeroporto de Fukuoka
Finados  0
Aeronave
Tipo de aeronave Boeing 727-89
Operador  Japan Airlines
Rexistro  JA8315
Pasaxeiros  131
Tripulación  7
Superviventes  138

Antecedentes editar

En 1966, a organización estudantil da Nova Esquerda Liga Comunista, desaparecida dende 1960, refundouse, sendo coñecida como "Segunda Parte" (第二次ブント, Dainiji Bunto).[1] Nese momento, a "facción Kansai" da Segunda Parte, baseada na Universidade Dōshisha en Kyoto e liderada polo estudante de filosofía da Universidade de Kyoto Takaya Shiomi (塩見孝也, Shiomi Takaya), comprendía a extrema esquerda da Segunda Parte que xa era de extrema esquerda. Ao redor do mes de xuño de 1968, a facción Kansai comezou a chamarse a si mesa "Facción do Exército Vermello", e iniciou plans para un levantamento violento no Xapón, que orixinalmente se pretendía que coincidise coas protestas da Anpo de 1970.

A principal teoría da Facción do Exército Vermello era levar a cabo primeiro unha exitosa revolución proletaria armada no Xapón, Xapón converteríase na sede dunha revolución mundial contra os Estados Unidos de América e os seus aliados, e a Facción do Exército Vermello sería a líder desa revolución.[2]

Atopando o resto da Segunda Parte inaceptable para a causa da revolución armada inmediata, a Facción do Exército Vermello anunciou a súa separación aberta da súa organización matriz en 1969. O 5 de setembro, Takaya e outros membros da Facción do Exército Vermello apareceron publicamente no Salón Público de Hibiya en Toquio para declarar a independencia da súa organización da Liga Comunista e anunciar o inicio dunha revolución armada inmediata.[3]

A principios de 1970, Shiomi comezou a facer plans para secuestrar un avión de pasaxeiros xaponés, co nome en clave "Operación Phoenix", o que permitiría aos membros do grupo voar a Cuba e continuar o seu adestramento. Porén, xusto antes de que o secuestro tivese lugar, Shiomi foi arrestado casualmente nunha rúa en Komagome, Toquio, o 15 de marzo de 1970, tras ser confundido cun ladrón común.[4] Con todo, o resto dos secuestradores seguiron cos seus plans; o 31 de marzo de 1970 nove membros da Facción do Exército Vermello, armados con katanas e unha bomba caseira, secuestraron o voo 351 de Japan Airlines, un Boeing 727 que engalara de Toquio e realizaba un servizo doméstico con 129 persoas máis a bordo.

Secuestro editar

Uns 20 minutos despois da engalaxe un mozo chamado Takamaro Tamiya ergueuse do seu asento, sacou unha katana e berrou, "Somos Ashita no Joe!"[5] Declarou a súa intención de secuestrar o avión e instruíu aos outros secuestradores para sacar as súas armas. Armados con espadas samurai e bombas tubo,[6] os secuestradores tomaron 129 reféns (122 pasaxeiros e 7 tripulantes), indicándolles aos pilotos que quería voar á Habana, onde querían recibir adestramento de grupos militares comunistas. Tras ser informados de que o avión, un Boeing 727, non era quen de realizar esa viaxe debido a que non podía cargar tanto combustible, os secuestradores decidiron voar a Pyongyang. Despois de facer unha escala no aeroporto de Fukuoka para recargar combustible, a policía convenceunos para liberar 23 reféns, recibindo alí os pilotos un mapa da península de Corea. Adxunto ao mapa había unha nota que instruía aos pilotos a sintonizar as súas radios a unha frecuencia específica. Os controladores de tráfico aéreo, que eran conscientes da situación, déronlle intencionadamente instrucións incorrectas aos pilotos nun intento de facelos aterrar no aeroporto de Gimpo en Seúl, en Corea do Sur, para facer pensar aos secuestradores que estaban en Corea do Norte.[7] Estes decatáronse rapidamente de que foran enganados e o Viceministro de Transporte xaponés, Shinjiro Yamamura, presentouse voluntario para ser intercambiado polos reféns. Os secuestradores aceptaron[8] e despois procederon cara ao aeroporto de Mirim en Pyongyang, con Yamamura como refén. Alí rendéronse ás autoridades norcoreanas que ofreceron asilo a todo o grupo.[9][5]

Usando Corea do Norte como base pensaron que poderían promover a rebelión en Corea do Sur e noutros lugares do leste de Asia. O avión co Viceministro Yamamura e o resto da tripulación foi liberado dous días despois[10] e chegou á súa porta no aeroporto de Haneda ás 9:39 am do 5 de abril.[11]

Notas editar

  1. Kapur 2022, p. 17
  2. Andrews 2016, pp. 124-125
  3. Steinhoff 1989, p. 727
  4. Andrews 2016, p. 127
  5. 5,0 5,1 "Acabar con la música para siempre". www.elsaltodiario.com (en local). Consultado o 2024-01-12. 
  6. Watts, Jonathan (2002-09-09). "Japanese hijackers go home after 32 years on the run". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2019-01-08. 
  7. "Hijacked Airliner Still in S. Korea— Seoul Rigged to Look Like North Korea, Goal of Leftist Students", Pittsburgh Post-Gazette, April 1, 1970, p1
  8. "Japanese Hijackers Release 100 on Plane". Pittsburgh Post-Gazette. April 3, 1970. p. 1
  9. 金日成 (1983). 統一戦線の理論と経験 [United Front Theory and Experience] (in Japanese). International Institute of the Juche Idea. p. 29
  10. Baum (2016). Violence in the Skies: A History of Aircraft Hijacking and Bombing. p. IV
  11. Times, Takashi Oka Special to The New York (1970-04-05). "Hijacked Airliner Returns To Tokyo With 4 Aboard". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2024-01-12. 

Bibliografía editar

  • Andrews, William (2016). Dissenting Japan: A History of Japanese Radicalism and Counterculture, from 1945 to Fukushima. London: Hurst. ISBN 978-1849045797.