Carneiro (molusco)

especie de molusco
(Redirección desde «Venus verrucosa»)

O carneiro[1] (Venus verrucosa, Linnaeus 1758) é un molusco bivalvo coa cuncha practicamente circular e sucada de grosas liñas concéntricas. O talle mínimo de captura e comercialización é de 55 mm.

Chamáselle tamén carneirolo e cascarneiro, así como ameixa vella ou burro. Ríos Panisse recolleu de distintas fontes escritas e en distintos portos galegos os nomes de carneiro e carneirolo para o berberecho [2] (e puntualmente para outros bivalvos); e o de carneiro aplicado a certas especies de peixes. En Panxón chámano reló.

Supón que a etimoloxía procede das "arrugas de la concha semejantes a un vellón".

Descrición editar

Posúe unha cuncha equivalva [3], grosa e centrada, de forma circular. Sobre a superficie márcase unha apertada serie de liñas ou costelas concéntricas, moi prominentes, que na marxe anterior aparecen descontinuas e formando como rugosidades, ás veces con pequenas espiñas [4].

A cor oscila entre a parda, grisalla ou amarelada, normalmente uniforme sen ser inhabituais as manchas de tons máis escuros. O interior da cuncha é branco cunha mancha púrpura pálida ou marrón no punto de inserción do músculo adutor posterior.

Os sifóns son curtos e desiguais. O pé, grande e triangular.

Hábitat e distribución editar

O carneiro esténdese polo Atlántico, desde as illas británicas ata Angola, e tamén abonda no mar Mediterráneo.

Vive en augas pouco profundas, que quedan ó descuberto ó baixa-la marea, sobre fondos pedregosos, aproveitando as zonas areosas ou de lama.

Pesca editar

Captúrase mediante o marisqueo a pé, co sacho. Para localizalo aprovéitase o chorro de auga que bota como resposta ós golpes do sacho na area. Tamén se pesca en marisqueo a flote, co rastro.

Non goza de moito aprecio gastronómico, xa que a carne é dura de máis. Aprovéitase para elaboración de conservas.

No ano 2010, as cantidades de carneiro poxadas nas lonxas de Galicia foron, a modo de exemplo, de 16.281 kg na da Illa de Arousa, 10.203 kg na de Ribeira, 7.722 kg na de Cambados ou 2.924 kg na da Pobra.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carneiro.
  2. Lémbrese que o berberecho, ademais de ser máis pequeno, ten as costelas dispostas radialmente.
  3. Dúas valvas iguais.
  4. Por esas formacións recibe en castelán o nome de escupiña gravada.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Dirección Xeral de Formación Pesqueira: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • Ramonell, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Galaxia, Vigo 1985.
  • Ríos Panisse, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar