Uruk

cidade de Sumeria

Uruk, foi unha cidade antiga de Sumeria, situada ao leste do leito do río Éufrates, na liña da antiga canle Nil, nunha rexión pantanosa a 225 km ao sur-sueste de Bagdad. Correspóndese coa Érec bíblica e, actualmente, con Warka, na República de Iraq.[1]

Modelo:Xeografía políticaUruk
Imaxe

Localización
Mapa
 31°19′33″N 45°38′15″L / 31.3259, 45.6374
EstadoIraq
ProvinciasGobernación de Al-Muthanna
CidadeSamawah Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie541 ha Editar o valor en Wikidata
Creación3200 a. C. Editar o valor en Wikidata
Parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade
Data2016 (40ª Sesión)
Identificador1481-005

BNE: XX462571

O espazo que ocupou Uruk estivo ocupado dende o denominado periodo de El Ubaid (polo 5000 a. C.) ata o século III; e a cidade xogou un importante papel dende o punto de vista político e relixioso durante 4 milenios.

Foi un dos principais asentamentos da civilización mesopotámica e pasa por ser o asentamento máis antigo que chegou a unha forma urbana na segunda metade do cuarto milenio a. C., durante o período ao que deu nome (período de Uruk) e, probablemento, alí foi onde, tamén, se desenvolveu a escritura.

No comezo do chamado Período Dinástico Arcaico, polo 2900 a. C., Uruk ocupaba unhas 400 ha,[2] e dispuña dunha rede de canles fluviais que a conectaban co río Éufrates mediante un feixe de pontes.

No seu apoxeo Uruk probablemente tiña entre 50 000 a 80 000 habitantes nunha zona amurallada duns 6 km2, a maior cidade do mundo nesa época. Uruk foi unha das primeiras cidades do mundo, cunha gran poboación formada por xente da rexión no canto de estar unida por vínculos familiares como era típico dos pobos e vilas de eras previas. Uruk foi testemuña do xurdimento da civilización na Mesopotamia coa súa burocracia, e a súa sociedade estratificada e militar, estivo habitada durante 5 000 anos, desde a cultura de El Ubaid ata a época parta.

Na tradición mesopotámica, Uruk, debe tamén parte do seu prestixio a existencia de reis semilendarios, o máis coñecido é Gilgamesh, que, se pensa, gobernaron a cidade. Malia non desempeñar un papel político relevante durante os dous últimos milenios antes de Cristo, seguiu a ser un importante centro relixioso e cultural. Con todo, a cidade rexurdiu durante a segunda metade do primeiro milenio antes de Cristo, sobre todo durante o período helenístico, e foi, de novo, un dos derradeiros lugares onde se mantivo a antiga tradición mesopotámica con textos relixiosos, astronñomicos e literarios escritos en cuneiforme.

Uruk é, polo tanto, un lugar fundamental para a reconstrución da historia mesopotámica e, por iso, se levaron a cabo un bo número de campañas arqueolóxicas que revelaron os distintos períodos do complexo monumental de Eanna e as súas transformacións, e os doutros edificios de diferentes épocas. Os milleiros de táboas inscritas que se atoparon nese lugar foron de grande importancia para o coñecemento da historia económica, social e relixiosa dese espazo ao longo dos milenios da súa historia.

. Tras unha visita en 1849, William Kennett Loftus, descubriuna e identificouna como "Erech", coñecida como "a segunda cidade de Nimrod",[3] e dirixiu as primeiras escavacións entre 1850 a 1854.

En xullo de 2016, a UNESCO, elixiu o sitio arqueolóxico de Uruk como Patrimonio da Humanidade, como "parte dos restos arqueolóxicos de asentamentos sumerios na Baixa Mesopotamia, que floreceron entre o III e IV milenio a. C. no delta pantanoso formado polos ríos Tigris e Éufrates".[4]

Toponimia

editar

Uruk, dende atigo, tivo varias grafías: en cuneiforme 𒌷𒀕 ou 𒌷𒀔 unugki, transliterado en sumerio como Unug; en acadio: 𒌷𒀕 ou 𒌷𒀔 Uruk (URUUNUG); na biblia en hebreo: Erech, grego Orchoë; en àrabe: الوركاء, al-Warkāʾ ou أوروك, Awrūk; en siríaco: ܐܘܿܪܘܿܟ, ‘Úrūk; en hebreo: אֶרֶךְ, ʼÉreḵ‎; en grego antigo: Ὀρχόη, romanizado como Orchoē, Ὀρέχ, Orékh, Ὠρύγεια, Ōrugeia).

A teoría de que o nome moderno de Iraq deriva do nome Uruk aínda non está comprobada mais, aínda hai quen opina que o nome árabe do actual país de al-ʿIrāq deriva directamente do nome Uruk, é máis probable que se tome prestado a través do persa medio (Erāq) e despois do arameo 'yrg,[5] que, con todo, aínda pode, en última instancia, referirse á rexión de Uruk do sur de Mesopotamia.[6]

Relevancia

editar

Tanto na mitoloxía coma na literatura, Uruk era famosa como a capital de Gilgamesh, heroe da epopea de Gilgamesh. Os estudosos identifican a Uruk como o Erec bíblica (Xénese 10:10), a segunda cidade fundada por Nimrod en Shinar. Aínda que estudosos anteriores como Xerome de Estridón (no século IV) identificaran Erech coa cidade siria de Edesa (agora dentro de Turquía), o consenso moderno é que se refire á cidade-estado sumeria de Uruk, no sur de Mesopotamia.[7] Ball especula ademais con que as tradicións anteriores que conectaban Edesa (Orhai) con Erech poderían xurdir porque o antigo Uruk posiblemente foi "trasladado" ao lugar máis ao norte no reinado de Nabonido de Babilonia no século VI a. C.

Período de Uruk

editar
Artigo principal: Período de Uruk.
 
Mapa de Oriente Medio durante os últimos séculos do IV milenio a. C.: xacementos arqueolóxicos da "expansión urukea".

Ademais de ser unha das primeiras cidades, Uruk foi a principal forza de urbanización e formación dun estado durante o período Uruk, ou "expansión de Uruk" (4000–3200 a.C.). Este período de 800 anos experimentou o tránsito dende pequenas aldeas agrícolas a un centro urbano máis grande cunha burocracia a tempo completo, militares e unha sociedade estratificada, e a unha economía e unha dirección política fortemente centralizada.[8] Aínda que outros asentamentos coexistían con Uruk, en xeral, tiñan unhas 10 hectáreas de superifice; Uruk, en troques, era significativamente máis grande e complexo.

A cultura do período Uruk exportada polos comerciantes e colonos sumerios por todo o Próximo Oriente, tivo un efecto sobre todos os pobos circundantes, que foron evolucionando gradualmente nas súas propias economías e culturas e acabaron por se converteren en competidores. En definitiva, Uruk non puido manter o control a longa distancia sobre colonias como Tell Brak pola forza militar.

Factores xeográficos

editar
 
Mapa de Sumeria.

Varios factores xeográficos explican o crecemento sen precedentes de Uruk. A cidade estaba situada na parte sur de Mesopotamia, un antigo lugar de civilización, nas proximidades do río Éufrates. A través da domesticación paulatina e selección dos grans autóctonos das estribacións de Zagros e das técnicas de regadío extensivo, a zona conseguiu manter unha gran variedade de vexetais comestibles. Esta domesticación dos grans e a súa proximidade aos ríos permitiron o crecemento de Uruk para se converter no maior asentamento sumerio, tanto en poboación como en superficie, con relativa facilidade.[9]

O excedente agrícola e a gran base poboacional de Uruk facilitaron procesos como o comercio, a especialización da artesanía e a evolución cara a creación da escritura; de tal xeito, que a escritura puido orixinarse en Uruk ao redor do 3300 a.C.[10] Evidencias das escavacións como a cerámica extensa e as primeiras táboas de escritura coñecidas apoian estes acontecementos. A escavación de Uruk é moi complexa porque os edificios máis antigos foron reciclados noutros máis novos, difuminando así as capas de diferentes períodos históricos. A capa máis alta probablemente se orixinou no período Jemdet Nasr (3100–2900 a. C.) e está construída sobre estruturas de períodos anteriores que se remontan ao período Ubaid.

Escavacións

editar

O xacemento de Uruk foi localizado a mediados do século XIX, grazas ás súas ruínas que se mantiveron impoñentes a pesar da area que as cubría, polo xeólogo inglés William Kennett Loftus, quen acometeu as primeiras escavacións entre 1849 e 1854. Posteriormente, Walter Andrae realizou algunhas prospeccións en 1902. Pero, sobre todo, a partir de 1912 realizáronse escavacións do xacemento baixo a responsabilidade da Deutsche Orient-Gesellschaft (DOG, “Sociedade Oriental Alemá”), sociedade científica alemá fundada en 1898 en Berlín, que lle deu un gran pulo ás escavacións tralo interese mostrado a finais do século XIX polos novos descubrimentos relativos ás “terras da Biblia”. A primeira campaña, ata 1913, dirixida por Julius Jordan e Conrad Preusser, centrouse principalmente no sector de Eanna, ao tempo que se exploraban os restos das murallas que rodeaban a cidade. Dende 1954, quedaron baixo o control do Deutschen Archäologischen Institut (Instituto Arqueológico Alemán), que até 1989, realizou 39 campañas de investigación, con algunhas excepciones anuais, e aínda que continuaron en 2001 e 2002, en 2003 quedaron, de novo, paradas..[11]

Historia

editar
 
A cidade de Uruk en Mesopotamia

Niveis arqueolóxicos de Uruk

editar

Os arqueólogos descubriron varias cidades de Uruk construídas unha encima da outra en orde cronolóxica:

  • Uruk XVIII Periodo de Eridu (c. 5000 a. C.): fundación de Uruk
  • Uruk XVIII–XVI, Período Ubaid tardío (4800–4200 a. C.)
  • Uruk XVI–X, Período Uruk temperán (4000–3800 a. C.)
  • Uruk IX–VI, Período Uruk medio (3800–3400 a. C.)
  • Uruk V–IV, Período Uruk tardío (3400–3100 a. C.): construción dos templos monumentais máis antigos do distrito de Eanna
  • Uruk III,Período Jemdet Nasr (3100–2900 a. C.): construción da muralla de 9 km
  • Uruk II
  • Uruk I

Os niveis arqueolóxicos mais profundos datan do período de El Ubaid. A 500 m deste cigurat álzase o cigurat de Anu no barrio sumerio de Kullaba, mais estreito có outro pero máis alto, coroado por un santuario de 18×7 m, tamén do Período Jemdet Nasr.

Uruk xurdiu da fusión de dous barrios xemelgos: Kullaba ao oeste e Eanna cara o leste, cada un deles co seu propio santuario (Kullaba tiña como patrón o deus Anu e Eanna, a deusa Inanna). No centro de Eanna atópase un gran cigurat construído por Ur-nammu (2112 - 2095 a. C.), recobre un gran templo sobre plataforma datable no Período Jemdet Nasr.

Foi unha das cidades máis antigas e importantes de Sumeria. Foi a cidade capital de Gilgamesh, heroe protagonista da famosa Épica. Cóntase que as súas paredes construíronse por orde de Gilgamesh ou do seu predecesor Enmerkar quen tamén construíu, segundo se di, o famoso templo de Eanna, dedicado á adoración de Inanna ou Ishtar. Os voluminosos arquivos do templo, do Imperio Neobabilónico, documentan as funcións sociais do templo como centro de redistribución. En tempos de fame negra, unha familia dedicaba un fillo ao templo como ofrenda.

Uruk desempeñou un papel moi importante na historia política do país desde unha etapa temperá, exercendo unha hexemonía en Babilonia nun período anterior a Sargón de Acad. Despois foi prominente nas loitas nacionais contra os elamitas ao redor de 2000 a. C., na cal sufriu severamente. Recordos destes conflitos atópanse na Epopea de Gilgamesh.

De acordo coa historia dos reis sumerios, Uruk foi fundado por Enmerkar, quen trouxo a sede real con el desde a cidade de Eanna. Outros reis históricos de Uruk inclúen Lugalzagesi de Umma, quen conquistou Uruk, e Utuhegal.

Oppenheim afirma que, "En Uruk, na zona sur da Mesopotamia, a civilización sumeria parece que alcanzou a súa cúspide creativa. Isto aparece repetidas veces nas referencias a esta cidade en textos relixiosos e especialmente en textos literarios, incluíndo aqueles de contido mitolóxico; a tradición histórica preservada na lista de reis Sumerios confírmao. O centro do poder político desprazouse posteriormente de Uruk a Ur."

Na Biblia

editar

Segundo a Biblia (Xénese 10:10), Erech, probablemente Uruk, foi a segunda cidade fundada por Nimrod. Parece que tamén foi o fogar dos archavitas, exiliados por Asnapper a Samaria (Esdras 4:9-10). Os sitios mencionados en Ezra atópanse todos na zona sur da Mesopotamia, e parecería que Asnapper podería ser o rei asirio Asurbanipal, quen levou a cabo a campaña contra estes babilonios do sur.

Arqueoloxía

editar

A primeira escavación de Uruk realizouna un equipo alemán guiado por Julius Jordan antes da Primeira guerra mundial. Esta expedición regresou en 1928 e fixo escavacións posteriores ata 1939. En 1954 regresou baixo a dirección de H. Lenzen e realizáronse escavacións sistemáticas nos anos seguintes. Estas escavacións deron con algúns dos documentos sumerios máis antigos e unha gran cantidade de táboas legais do período seléucida, publicadas posteriormente por Adam Falkenstein e outros epigrafistas alemáns.

  1. Harmansah, Ömür (12 de xullo de 2012). The Joukowsky Institute of Archaeology, ed. "The Archaeology of Mesopotamia: Ceremonial centers, urbanization and state formation in Southern Mesopotamia". proteus.brown.edu (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12 de xullo de 2012. Consultado o 26 de outubro de 2024. 
  2. Roux (1987), p. 83
  3. Loftus (1857), p. 160
  4. "Refugio de biodiversidad de los “ahwar” y paisaje arqueológico de las ciudades mesopotámicas del Iraq Meridional". whc.unesco.org (en castelán). Consultado o 26 de outubro de 2024. 
  5. Kaufman (1983), pp. 151–152
  6. Eilers, W. (1983), "Irán and Mesopotamia" en E. Yarshater, The Cambridge History of Iran, vol. 3, Cambridge: Cambridge University Press ("O nome "al-ʿIrāq", por toda a súa aparencia árabe, deriva do persa medio "erāq" "terras baixas".),
  7. Ball, 2001, p. 89
  8. González Wagner (1993), p. 75
  9. Tertius Chandler. Four Thousand Years of Urban Growth: An Historical Census. Lewiston, New York: Edwin Mellen Press, 1987, ISBN 0-88946-207-0
  10. Asimov (1968), pp. 16–18
  11. "Uruk (Warka): Struktur einer altorientalischen Großstadt". dainst.org (en alemán). 16 de marzo de 2012. Consultado o 7 de decembro de 2024. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Asimov,, Isaac (1968). The Near East (en inglés). Boston: Houghton Mifflin,. ISBN 9780395065624. 
  • Ball, Warwick (2001). Rome in the East: the transformation of an empire (en inglés). Abingdon (RU) / Nova York: Routledge. ISBN 9781317296348. 
  • González Wagner, Carlos (1993). El Próximo Oriente Antiguo (volume I). Serie: Historia Universal Antigua (en castelán). Madrid: Editorial Síntesis. ISBN 84-7738-201-8. 
  • Kaufman, Stephen A. (1976). Gibson, McGuire, ed. Excavations at Nippur Eleventh Season. Serie: Oriental Institute Communications, 22 (en inglés). Chicago: The Oriental Institute. ISBN 978-0-22-662339-9.