Ulrica Leonor de Suecia
Ulrica Leonor de Suecia (en sueco: Ulrika Eleonora), nada en Estocolmo o 23 de febreiro de 1688 e finada na mesma cidade o 24 de novembro de 1741, foi a raíña de Suecia dende o 30 de novembro de 1718 ao 29 de febreiro de 1720, e dende ese momento ata a súa morte, raíña consorte. Era tamén duquesa de Bremen e princesa de Verden (1718-1719) aínda que estes territorios estaban ocupados polos daneses dende 1712. Foi a filla máis nova do rei sueco Carlos XI e de Ulrica Leonor de Dinamarca. Contraeu matrimonio co príncipe Frederico de Hesse-Kassel o 24 de marzo de 1715, mais non tivo fillos.[1]
Por mor da morte do seu irmán Carlos XII o 30 de novembro de 1718, producíronse unha serie de discusións sobre a sucesión, as cales se resolveron no seu favor despois de que ela aceptase abolir a monarquía absoluta. O seu goberno foi débil, dependente da aristocracia e sobre todo do seu marido, circunstancia que a levou a depor a coroa tras pouco máis dun ano de reinado.
Traxectoria
editarDe princesa a rexente
editarUlrica Leonor naceu o 23 de xaneiro de 1688 no castelo de Estocolmo, filla do matrimonio de Carlos XI e Ulrica Leonor de Dinamarca. Foi chamada así en honra á súa nai. Durante a súa infancia foi relegada a un segundo plano, opacada pola súa irmá máis vella Eduvixes Sofía, quen tiña maiores calidades intelectuais.
Axiña que alcanzou a idade adulta tivo moitos pretendentes, entre os que se atopaba o príncipe Frederico, herdeiro de Hesse-Kassel. Este pediu a man da princesa dende 1710, cando Ulrica Leonor contaba con doce anos, mais o compromiso oficial non foi até o 23 de xaneiro de 1714. O matrimonio celebrouse o 24 de marzo de 1715.
Despois da morte da súa irmá Eduvixes Sofía en 1708, Ulrica Leonor era o único membro da familia real con maioría de idade, salvo a súa anciá avoa Eduvixes Leonor. Ao atoparse o seu irmán o rei Carlos XII de campaña no estranxeiro, a princesa comezou a inmiscirse nos asuntos políticos.
A finais de 1712 ou comezos de 1713 o rei considerou designar a Ulrica Leonor como rexente, pero nunca o levou a cabo. O consello real convenceu a princesa de asistir ás súas asembleas. En 1713, algúns membros do consello propuxeron que Ulrica Leonor fose nomeada vicerraíña en ausencia do rei e como a máis próxima herdeira da coroa. Ante o parlamento, a princesa mostrou aptitudes políticas e grande interese polos asuntos do Estado. A partir de entón, comezou a gobernar de facto como rexenta, e asinaba a maioría dos escritos do parlamento.
Raíña de Suecia
editarO 5 de decembro de 1718, Ulrica Leonor desubriu a morte do seu irmán o rei, e deseguido, nunha asemblea do parlamento, foi elevada a raíña, por ser ela a máis próxima na sucesión real. O consello non estivo de acordo, e preferiu levar a cabo unha elección para decidir cal sería o próximo rei de Suecia. O rival de Ulrica Leonor foi o seu sobriño, o fillo de Eduvixes Sofía, Carlos Frederico de Holstein-Gottorp.[2] Ulrica Leonor contou coa aprobación do consello de guerra, grazas ás xestións que realizou o seu marido Frederico de Hesse. O consello logrou arrincar de Ulrica Leonor a renuncia aos seus dereitos hereditarios, de modo que se convertería nunha raíña electa e non por herdanza. Así a princesa renunciaba tamén ao absolutismo, pasando gran parte do seu poder á aristocracia. Foi elixida raíña o 23 de xaneiro de 1719 e a coroación levouse a cabo en Uppsala o 17 de marzo dese mesmo ano.
Aínda que non era brillante, como raíña Ulrica Leonor mostrou un carácter resolto, meticuloso e con sentido da xustiza; pero do mesmo xeito que o seu irmán, era obstinada e deixábase levar polas paixóns. Entrou en conflito co home máis destacado do consello, o chanceler Arvid Horn, quen tivo que deixar o seu posto. Tampouco puido pórse de acordo cos sucesores de Horn, o que motivou cambios sucesivos na chancelería, e efectos negativos na administración da guerra e as negociacións de paz.
Dende que foi electa como raíña, Ulrica Leonor pretendeu reinar de maneira conxunta co seu marido, o príncipe Frederico, de maneira similar ao reinado en Inglaterra de Guillerme III e María II, mais recibiu o rexeitamento da nobreza. Para entón, Frederico aumentara a súa influencia na raíña e nos asuntos do Estado e achegouse aos homes máis poderosos do reino, quen axiña consideraron un cambio no trono.
A raíña escribiu ao parlamento para pedirlle autorización de cogobernar con Frederico, proposta que foi rexeitada. Nunha nova carta, o 29 de febreiro de 1720, notificou o seu desexo de abdicar en favor do seu home, coa condición de que, en caso da morte deste, ela asumise novamente a súa dignidade de raíña reinante.[3] O 24 de marzo de 1720 Frederico de Hesse foi ascendido a rei e a partir de entón Ulrica Leonor foi a raíña consorte.
Raíña consorte
editarAínda que Ulrica Leonor demostrase interese polos asuntos públicos, despois da súa abdicación en 1720 afastouse por completo deles. Dedicou a súa vida á lectura e ás obras de beneficencia e a cultivar amizades, principalmente do seu mesmo xénero. Ocupouse brevemente do goberno en dúas ocasións: durante a viaxe ao estranxeiro que realizou Frederico en 1731 e cando este enfermou en 1738. Foi landgrave consorte de Hesse-Kassel dende 1730, pero nunca visitou ese país. O matrimonio nunca tivo fillos; o rei, en cambio, atopou unha amante na aristócrata Hedvig Taube, coa que procreou fillos ilexítimos.
Ulrica Leonor faleceu o 24 de novembro de 1741 en Estocolmo, vítima da varíola.
Devanceiros
editarNotas
editar- ↑ Holst, Walfrid. Ulrika Eleonora d. y. Karl XII's syster Wahlström & Widstrand, Stockholm 1956
- ↑ Jacobson, Esther, Hedvig Taube: en bok om en svensk kunglig mätress, Wahlström & Widstrand, Stockholm, 1919
- ↑ Lundh-Eriksson, Nanna (Swedish): Den glömda drottningen. Karl XII:s syster. Ulrika Eleonora D.Y. och hennes tid (The Forgotten Queen. The Sister of Charles XII. The Age of Ulrika Eleonora the Younger) Affärstryckeriet, Norrtälje. (1976)
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ulrica Leonor de Suecia |
Bibliografía
editar- Hofberg, Herman et al. (1906). Svenskt Biografiskt Handlexikon. Entry for Düben, Emerentia von. (en sueco)
- Nordisk familjebok. B. 30. Stockholm (1920) (en sueco)
- Tryggve Byström (1981). Svenska komedien 1737-1754. (Swedish Comedy 1737-1754) Borås: Centraltryckeriet AB. ISBN 91-1-813241-3 (en sueco)