Two Cars in Every Garage and Three Eyes on Every Fish

cuarto episodio da segunda tempada de The Simpsons

"Two Cars in Every Garage and Three Eyes on Every Fish" é o cuarto episodio da segunda tempada de The Simpsons. Emitiuse orixinalmente na cadea Fox dos Estados Unidos o 1 de novembro de 1990. No episodio, Bart atrapa un peixe de tres ollos río abaixo da central nuclear de Springfield. Despois de que unha inspección da planta revelase numerosas infraccións á seguridade, o señor Burns preséntase a gobernador para evitar o peche da planta. A noite anterior ás eleccións, Burns ten unha cea televisada cos Simpson para amosar o seu atractivo ao votante común. Marge sabota o truco político de Burns e condena a súa campaña servíndolle a cabeza de Blinky, o peixe de tres ollos.

Episodio de The Simpsons
"Two Cars in Every Garage and Three Eyes on Every Fish"
Episodio número 17
Código de produción 7F03
Data orixinal da estrea 1 de novembro de 1990
Escrito por Wesley Archer
Dirixido por Sam Simon e John Swartzwelder
Gag do encerado "I will not Xerox my butt".
("Non vou fotocopiar o meu cenzo".)
Gag do sofá O sofá brota coma unha cama.

O episodio foi escrito por Sam Simon e John Swartzwelder, e dirixido por Wes Archer. Foi o primeiro episodio producido para a segunda tempada e pretendíase emitir como estrea desta, pero foi substituído por "Bart Gets an "F"" debido á popularidade de Bart a principios dos anos noventa. O episodio inclúe referencias culturais a varias películas americanas, principalmente Cidadán Kane de 1941, con Burns no papel do personaxe Charles Foster Kane. Mary Bailey comparte o seu nome coa muller de George Bailey na película de 1946 Que fermoso é vivir.

Os xornalistas describiron o episodio como unha sátira tanto da política estadounidense como do ecoloxismo. Gañou un Environmental Media Award en 1991 por ser o mellor programa de televisión con mensaxe ecoloxista dese ano. Dende que se emitiu o episodio por primeira vez, o peixe de tres ollos Blinky foi mencionado varias veces en artigos de noticias sobre residuos nucleares e mutacións.

Sinopse

editar

Bart e Lisa pescan río abaixo da central nuclear de Springfield. O reporteiro de Springfield Shopper, Dave Shutton, chega xusto cando Bart colle un peixe de tres ollos. Despois de que o peixe, alcumado Blinky polos medios de comunicación, aparecese nos titulares, a gobernadora en funcións Mary Bailey envía un equipo de inspección do goberno á planta, sospeitando que os residuos nucleares poden causar a mutación. O propietario da planta, Señor Burns, presenta unha lista de 342 infraccións que custará corrixir 56 millóns de dólares. Desconcertado, Burns acepta a suxestión de Homer de que se presentar a gobernador para evitar que a planta sexa pechada.

Os asesores políticos de Burns infórmano de que a maioría da xente o despreza, mentres que Bailey é querida por todos. Para sufocar a polémica sobre Blinky, Burns aparece na televisión cun actor que interpreta a Charles Darwin que afirma que Blinky é un salto evolutivo, non unha "horrible mutación xenética". Despois de que Burns prometa baixar os impostos e leve a cabo unha campaña de desprestixio contra Bailey, ambos os candidatos están empatados nas enquisas. Os asesores de Burns suxiren que cee na casa dunha familia de clase media a noite anterior ás eleccións. Despois de revisar os monitores de vídeo da planta na procura do home máis na media que poida atopar, Burns escolle a Homer.

A inminente cea con Burns divide os Simpson. Homer apóiao pragmaticamente, mentres que Marge e Lisa se opoñen. Antes da cea, os asesores de Burns preparan a familia dándolles preguntas por escrito para que as fagan durante a cea. Lisa está desencantada pola farsa política, pero Marge dille que non se preocupe. Todo o mundo queda sorprendido cando Marge serve a Blinky para cear, colocando a cabeza do peixe no prato de Burns. Incapaz de tragar o peixe, cúspeo. As cámaras recollen o momento en que o bocado é expulsado polo aire e golpea o chan, condenando a campaña gobernamental de Burns. Bailey gaña as eleccións. Despois de destruír o mobiliario dos Simpson nun ataque de rabia, Burns advirte de que os soños de Homer quedarán sen cumprir mentres viva.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar