Tribolium (escaravello)

Tribolium é un xénero de escaravellos da familia Tenebrionidae.[1] Contén escaravellos da fariña moi coñecidos como Tribolium castaneum e Tribolium confusum (outros escaravellos da fariña son do xénero Tenebrio).[2]

Descrición editar

Os Tribolium adultos son escaravellos de 3 a 6 mm de lonxitude e de cores que van do marrón avermellado ao negro. O clípeo é alongado e ten unhas xenas formando unhas proxeccións como estantes que se estenden arredor dos lados, dividindo parcialmente os ollos. As antenas son de 11 segmentos e son rectas ata os extremos ou teñen mazas terminais. O protórax é case cadrado e redondeado polos lados. Os élitros son estriados. Posúen ás ben desenvolvidas, pero polo menos unha especie (T. confusum) é incapaz de usalas para voar. Ambos os sexos teñen unha aparencia externa similar, é dicir, non hai dimorfismo sexual.[2]

Os ovos son de 0,6 mm de longo, oblongos e de brancos a case transparentes.[2]

As larvas son alongadas e aproximadamente de 6 a 7 mm de longo cando maduran. Poden distinguirse dalgunhas outras larvas de tenebriónidos polo último segmento abdominal que acaba en dúas puntas (urogonfos). Son principalmente brancas amareladas agás na parte dorsal da cabeza, as puntas das garras e os terxitos, que están lixeiramente escurecidos; e os urogonfos e os extremos das mandíbulas, que son marróns avermelladas.[2]

As pupas son inicialmente brancas, pero vólvense amarelas pasados un ou dous días e despois vólvense máis escuras gradualmente.[2]

Hábitat editar

Na natureza os Tribolium viven baixo codias de árbores de troncos vellos. Varias especies adaptáronse a vivir en produtos vexetais almacenados.[2]

Ciclo de vida editar

Os Tribolium poñen ovos en alimentos como a fariña. Estes ovos fan eclosión dando lugar a larvas que se alimentan e crecen no alimento, evitando a luz. Xeralmente hai 7 ou 8 estadios larvarios ou ínstares, pero pode haber só 5 ou ata 11 dependendo do alimento, temperatura e humidade. A fase larvaria pode durar 22 días ou ata 100, dependendo do alimento, temperatura e especie (T. confusum tarda máis en desenvolverse que T. castaneum). Unha vez que o desenvolvemento é completo, as larvas van á superficie do alimento ou a algún espazo protexido ou greta, onde se converten en pupas. Utilizan as celas pupais baleiras que deixaron as avelaíñas da fariña mediterráneas (Ephestia kuehniella) cando dispoñen delas. A fase de pupa dura de 5 a 12 días dependendo da temperatura e luz. Os adultos emerxen das pupas para continuar a seguinte xeración. Os adultos están entre os insectos atopados en produtos almacenados que máis viven, xa que poden sobrevivir uns tres anos. Os machos (pero non as femias) poden continuar reproducíndose mesmo despois de cumprido o terceiro ano.[2]

Distribución editar

A distribución orixinal dos Tribolium sospéitase que era a rexión da India, sueste asiático e o leste do Mediterráneo. O xénero espallouse desde entón por todo o mundo grazas ao comercio.[2]

Como praga editar

Dúas especies de Tribolium, T. castaneum e T. confusum, son probablemente as pragas secundarias máis comúns de produtos vexetais almacenados. Unhas poucas especies máis son pragas ocasionais menores.[3]

Aliméntanse de trigo, millo, fariña, amidón, chícharos, feixóns, noces e outros froitos secos, especias e espécimes de herbario e produtos alimenticios feitos con eles como pan e pasteis.[2][3] Non poden atacar aos grans de cereais, sementes ou noces que están intactos, pero poden facelo se estes produtos están rotos ou agretados.[2] Tamén poden atacar produtos animais como espécimes de insectos conservados, coiro, peles de aves e leite en po.[2]

Tanto os adultos coma as larvas causan danos. Producen quinonas tóxicas que contaminan produtos vexetais.[3]

Inimigos naturais editar

Os Tribolium poden ser infectados por protozoos do xénero Adelina.[2]

Son parasitados por varios ácaros, un exemplo dos cales é o ácaro acarofenácido Acarophenax lacunatus, que se alimenta dos ovos.[4]

A avespa parasitoide Holepyris sylvanidis aliméntase de larvas e pupas de Tribolium e pon os seus ovos sobre as larvas.[5]

O lictocórido Xylocoris cursitans (un hemíptero) crese que se alimenta das larvas. Os ratos son outros predadores ocasionais dos escaravellos.[2]

Filoxenia editar

As análises filoxenéticas do xénero Tribolium indican que ten dous grupos de especies, castaneum e confusum, que son ambos monofiléticos e están moi estreitamente relacionados entre si. Varias especies que estaban antes no xénero, como T. brevicornis e os seus parentes, foron movidos ao xénero Aphanotus.[1]

Especies editar

O xénero contén as seguintes especies:[6]

Para T. brevicornis, T. carinatum, T. gebieni, T. parallelus, T. linsleyi, T. setosum e T. uezumii, ver Aphanotus.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Angelini, David R.; Jockusch, Elizabeth L. (xaneiro de 2008). "Relationships among pest flour beetles of the genus Tribolium (Tenebrionidae) inferred from multiple molecular markers". Molecular Phylogenetics and Evolution 46 (1): 127–141. ISSN 1055-7903. PMC 2292397. PMID 18024090. doi:10.1016/j.ympev.2007.08.017. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 Good, Newell E. (1936). "The flour beetles of the genus Tribolium" (PDF). USDA Report 498: 1–58. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Sallam, M.N. (2008). "Insect damage: damage on post-harvest" (PDF). In Compendium on Post-harvest Operations. 
  4. Oliveira, Carlos R.F. de; Faroni, Lêda R.A.; Guedes, Raul N.C.; Gonçalves, José R.; Garcia, Flávia M. (2007). "Biologia de Acarophenax lacunatus (Cross & Krantz) (Prostigmata: Acarophenacidae) sobre Tribolium castaneum (Herbst) (Coleoptera: Tenebrionidae) e Cryptolestes ferrugineus (Stephens) (Coleoptera: Cucujidae)". Neotropical Entomology (en inglés) 36 (3): 459–464. ISSN 1519-566X. PMID 17710330. doi:10.1590/S1519-566X2007000300015. 
  5. Amante, Marco; Schöller, Matthias; Hardy, Ian C.W.; Russo, Agatino (2017). "Reproductive biology of Holepyris sylvanidis (Hymenoptera: Bethylidae)". Biological Control (en inglés) 106: 1–8. doi:10.1016/j.biocontrol.2016.12.004. 
  6. Hinton, H.E. (1948). "A synopsis of the genus Tribolium Macleay, with some remarks on the evolution of its species-group (Coleoptera, Tenebrionidae)". Bulletin of Entomological Research 39 (1): 13–55. PMID 18865547. doi:10.1017/S0007485300024287.