Tiro (mitoloxía)

Na mitoloxía grega, Tiro era a filla de Salmoneo e Alcídice, a súa primeira esposa.

Como filla de Salmoneo, Tiro era sobriña de Sísifo. Segundo unha tradición transmitida por Hixino, Sísifo quería matar ó seu irmán, que se fixera co reino de Tesalia á morte de Eolo, pai de ambos. Sísifo preguntoulle ó oráculo como facelo e Apolo contestoulle que o vingarían os fillos que tivese coa súa sobriña Tiro, e así o fixo, seducíndoa e tendo con ela dous fillos xemelgos. Pero Tiro terminou coñecendo o oráculo e, para evitar a morte do seu pai, prefiriu matar ós fillos sendo aínda meniños.

Por cometer incesto, Sísifo será un dos eternos condenados, no seu caso a empurrar unha rocha ata alcanzar a cima dun monte, pero a rocha cae unha e outra vez monte abaixo cando está a piques de conseguilo [1].

A lenda conta que Tiro se criou en casa de Creteo, un tío seu, rei de Iolco. O caso é que Tiro andaba enamorada do deus río Enipeo e adoitaba vagar polas súas beiras, pero este non lle correspondía. Entón, Poseidón tomou a forma de Enipeo e adormeceuna para violala, á vez que levantaba unha onda xigantesca para tapar esta acción. Cando acordou, Poseidón explicoulle o acontecido e ela volveu feliz a casa.

Desta unión con Poseidón tivo dous fillos xemelgos, Neleo e Pelias, que outras fontes consideran fillos de Creteo e de Tiro. O parto produciuse en segredo e Tiro abandonou os meniños na montaña. Estando no chan, unha egua que apastaba por alí rozou a un deles e fíxolle unha marca na cara. O dono da besta recolleunos e criounos, chamando Pelias ó que tiña a marca e Neleo ó outro. A lenda di que o primeiro foi aleitoado pola propia egua e o segundo por unha cadela [2].

Alcídice xa morrera e o pai, Salmoneo, casara en segundas nupcias con Sidero, e esta portábase de forma cruel con ela. Sidero considerábaa culpable de que Salmoneo tivera que exiliarse de Tesalia, de onde era orixinario, por matar ós seus fillos. Sísifo, para librarse do seu irmán, mostrou os cadáveres dos meniños no mercado e acusou a Salmoneo de incesto e de asasinato, co que conseguiu que o expulsaran da cidade [3]. Tiro tivo que soportar os malos tratos da madrasta ata que os fillos medraron e foron buscar a súa nai. Ó saber que fora maltratada por Sidero, matárona. Sidero agochábase nun templo de Hera, pero Pelias matouna de todas formas, gañándose o eterno odio da deusa.

[Sidero] "Esta refuxiárase dentro do santuario de Hera. Pelias degolouna no mesmo altar e seguiu desde aquela menosprezando á deusa".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica I, 9, 8)

Tras estes feitos, Tiro casou co seu tío Creteo e deulle tres fillos: Esón (pai de Xasón), Feres e Amitaón; algúns tamén citan a Mirina. Creteo tamén adoptou como seus a Pelias e Neleo. Outras tradicións din que xa eran matrimonio antes da unión con Poseidón, e que por esta razón Tiro deu a luz ás agachadas e abandonou os meniños.

Notas editar

  1. A tradición máis estendida di que, pola contra, Zeus impúxolle este castigo por irlle co conto ó deus fluvial Asopo de que fora o propio Zeus que raptara a Exina, a filla de Asopo.
  2. Graves, px. 244.
  3. Graves, px. 240.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar